A vendima 2016 en Galicia finaliza cun descenso da produción do 6,12%

A Rías Baixas é a única que sobe a colleita de uva, un 4,7% máis, compensando as caídas das outras catro denominacións de orixe, con descensos que oscilan entre o 29% menos de Valdeorras e o 4,9% de Monterrei.

Publicidade
A vendima 2016 en Galicia finaliza cun descenso da produción do 6,12%

Vendima nas Rías Baixas

A vendima 2016 concluíu en Galicia cun descenso do 6,12% a nivel de produción respecto da de 2015, ata situarse nun total de 59,65 millóns quilos de uvas recollidas entre setembro e outubro, unha produción dun ano normal fronte aos 63,54 millóns da gran anada de 2015.

Así se desprende dos datos facilitados polos distintos consellos reguladores. A Denominación de Orixe Rías Baixas é a única que aumentou a colleita de uva esta campaña: un 4,7% máis ata situarse nos 33,4 millóns de quilos de uva. A principal denominación vitícola galega compensa así a caída rexistrada nas outras catro denominacións: un 29,77% menos en Valdeorras, que se sitúa nos 4,6 millóns de quilos de uva; unha caída do 18,30% en Ribeiro, finalizando esta vendima con 11,6 millóns de quilos de uva; mentres que en Ribeira Sacra a colleita finalizou con 5,58 millóns de quilos, un 9,85% menos e Monterrei foi a segunda denominación con mellor comportamento: 4,47 quilos de uva vendimados.

Denominación de Orixe: Vendima 2016

(millóns de kilos)

Vendima 2015 Variación
Rías Baixas 33,4 31,9 4,70%
Ribeiro 11,6 14,2 -18,30%
Ribeira Sacra 5,58 6,19 -9,85%
Valdeorras 4,6 6,55 -29,77%
Monterrei 4,47 4,7 -4,89%
TOTAL 59,65 63,54 -6,12%

A primavera inusualmente chuviosa provocou unha importante incidencia do mildeu o que, xunto co verán extremadamente caloroso e saraibadas en Ribeira Sacra e en Valdeorras, fixo prever un descenso da colleita de uva en Galicia superior ao 20%. Con todo, as choivas de comezos de setembro, sobre todo en Rías Baixas, rehidrataron a uva, o que contribuíu a reverter as malas previsións.

En canto ao estado fitosanitario, os técnicos das cinco denominacións de orixe coinciden en destacar o bo estado fitosanitario da uva, cunha excelente maduración e un bo equilibrio entre alcol e acidez, o que fai presaxiar unha boa anada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información