“A gran fortaleza dos viños do Ribeiro é a súa historia, frescura e variedades autóctonas”

Guillermo Cruz, mellor catador de España en 2014, participará este sábado na Feira do Viño do Ribeiro. Falamos con el sobre os viños desta denominación de orixe, a produción vinícola galega así como da situación actual do sector

“A gran fortaleza dos viños do Ribeiro é a súa historia, frescura e variedades autóctonas”

O catador zaragozano Guillermo Cruz que esta fin de semana participa na Feira do Viño do Ribeiro.

O zaragozano Guillermo Cruz, mellor catador de España en 2014 e un dos profesionais máis recoñecidos do mundo do viño, participa esta fin de semana na 56 edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebra desde o venres día 3 ao domingo 5 en Ribadavia (Ourense). Coñecemos a súa opinión sobre os viños en Galicia e, en particular, sobre o Ribeiro.

Que opinión lle merecen os viños da Denominación de Orixe Ribeiro?
Os viños da DO Ribeiro, do mesmo xeito que todas as DO de Galicia, son moi especiais. Recordo que a primeira vez que fun ao Ribeiro, leváronme a unha parcela que tiña unha hectárea e había uns 20 propietarios. Chamoume moitísimo a atención e deume idea da particularidade desta zona. Paréceme moi destacado que usen a Treixadura como fío condutor da súa produción posto que é unha variedade moi interesante, con moita acidez e que achega frescura aos viños. Ademais, o Ribeiro nos últimos anos tivo unha evolución sorprendente. É unha zona na que aínda non está todo feito, hai futuro; e iso é apaixonante.

“Os puntos fortes do Ribeiro son a súa historia, ese perfil fresco e que estea feito con variedades autóctonas”

Que fai especiais a estes viños no mercado?
Un dos seus puntos fortes é esa parte de frescura que teñen e que fai máis fácil combinar gastronomía. Tamén é vital a historia que hai detrás destes viños, que se remonta bastante no tempo e, por suposto, as variedades autóctonas, que son un auténtico luxo. Cando boa parte do mundo do viño, a nivel internacional, está encasillada naquelas variedades concretas, que son foráneas e extensibles a moitas zonas, como Chardonnay ou a Cabernet sauvignon, Ribeiro mantense traballando con variedades autóctonas e dando valor á singularidade e á identidade. Para min, os puntos fortes do Ribeiro son a súa historia, ese perfil fresco e que estea feito con variedades autóctonas.

Como valora a situación do sector do viño en Galicia?
Galicia é como un ‘parque xurásico’ de variedades autóctonas e iso, falando de identidade, é un valor fundamental. É un territorio cunha singularidade moi forte pola súa situación e o seu clima. Ademais, Galicia fai viños frescos, que agora é unha tendencia, xa que combinan mellor con gastronomía. Creo que o sector do viño en Galicia está cada día mellor. Galicia é esa parte de España, e do mundo, que elabora viños con moita acidez e fáciles de beber. Ademais, hai moita xente nova con ganas de seguir traballando polo sector e de pór os viños de Galicia cada vez máis no mapa internacional.

“Galicia é como un ‘parque xurásico’ de variedades autóctonas e iso, falando de identidade, é un valor fundamental”

Na feira encargarase das maridaxes nos showcookings. En que debe basearse unha boa maridaxe?
O máis importante á hora de facer maridaxes é saber harmonizar o momento. Con viños como os de Ribeiro é máis fácil facer harmonías xa que son viños frescos, que teñen máis acidez. A maridaxe é tentar conectar unha contorna, un estilo, unha filosofía e falar da súa parte sólida e líquida nese momento. Facer maridaxes é facer harmonía nesa concepción máis sensorial e non tan pragmática. Así, nunha zona como Ribeiro, con tanta historia e con produtos destacados da contorna, onde se asocian estas dúas partes, resulta unha maridaxe moito máis bonita.

Está superado xa a maridaxe clásica de tintos para carnes e brancos para peixes ou a tradición pesa para seguir con esa asociación?
A día de hoxe, detrás dunha maridaxe hai moito máis, debido tamén ao traballo que esconde e a evolución que houbo tanto nos viños como na gastronomía. Hai harmonías moleculares, sensoriais, temporais… hai moitas combinacións posibles. Creo que o máis bonito é facer unha harmonía emocional. Aínda que está claro que a carne ten proteína, os tintos tanino e hai unha afinidade entre eles, mentres que os peixes necesitan algo máis delicado e por iso se escollen os brancos, hai moito máis detrás. Hai algunhas normas e regras que están para saltarlas e, neste caso, creo que é máis importante a historia que hai detrás dunha botella e un prato, máis que a afinidade. Ao final, o máis emocionante é poder conectar historias en sólido e líquido, que dúas cousas que falen do momento se transformen nunha copa e un prato.

“Á hora de probar viños, os mellores son os que che amosan a terra de onde veñen e te conmoven coa súa historia”

Tamén na feira, será o encargado de guiar a cata a cegas, que é o fundamental á hora de catar un viño?
É importante que o viño ensine a súa identidade. Algúns dos viños máis bonitos son aqueles que reclaman a súa identidade porque son partidarios de ensinar de onde proceden. Á hora de probar viños, os mellores son os que che amosan a terra de onde veñen e te conmoven coa súa historia.

As catas e as experiencias nas adegas son cada vez máis frecuentes, pero aínda hai adegas que prefiren centrarse máis na elaboración do viño e nas catas profesionais en lugar de popularizalas. Que opinión ten respecto diso?
Por parte das adegas, da industria en xeral, é moi importante achegar o viño ás persoas e facelo desde unha linguaxe fácil e sinxela. O futuro non está nos profesionais do viño, que somos unha minoría, senón no consumidor e, sobre todo, na xente nova. Hai que esforzarse por facer que o viño sexa máis entendible para a xente. O futuro ten que centrarse en achegar o viño ás persoas e non afastalo.

“O futuro ten que centrarse en achegar o viño ás persoas e non afastalo”

Para aqueles que aínda están a comezar a coñecer o mundo do viño, como recomenda que sexa esa iniciación?
A día de hoxe hai estilos de viño que poden satisfacer a todo tipo de persoas. Se a primeira vez que alguén se achega ao viño o fai mesturándoo con gaseosa tampouco pasa nada. O importante é achegarse ao mundo do viño xa que iso pode ser a ponte de unión para que dentro dun tempo goce doutros viños. Hai moitos tabús dentro do mundo do viño que é necesario romper para facelo máis sinxelo. Non fai falta ser un experto para poder beber viño e gozalo.

O sector vinícola leva anos arrastrando unha crise de consumo. Que se podería facer respecto diso?
Hai que eliminar esa concepción señorial do mundo do viño e quitar os clixés que temos interiorizados, non en tanto ao prezo senón ao consumo. Noutros países como Australia, Chile ou Arxentina a xente nova bebe viño porque se asocia a algo agradable. É moi importante recuperar os consumos e centrarse na xente nova, xa que non soubemos afrontar ben o cambio xeracional. Producimos moito viño e de calidade pero cada vez consómese menos. É necesario orientarse a esa xente nova, haberá que cambiar formatos e crear campañas específicas para eles. Hai moitas cousas que se poden facer pero hai que facelas xa.

Que valoración fai do papel actual do catador no sector?
A día de hoxe os catadores somos unha parte fundamental do sector. Xa non só se traballa na restauración senón que se estendeu a moitísimas máis áreas dentro do mundo do viño. Creo que é unha profesión que foi evolucionando e reinventándose.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información