A EVEGA organiza un Congreso sobre Investigación en Viticultura e Enoloxía en Galicia

Medio centenar de investigadores buscan dar a coñecer entre os profesionais do sector novidades en I+D+i. O obxectivo das xornadas xira arredor da idea de colaboración como alicerce do progreso

Publicidade
A EVEGA organiza un Congreso sobre Investigación en Viticultura e Enoloxía en Galicia

Invernadoiro da EVEGA

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, EVEGA, organizará o vindeiro 23 de xuño na capital ourensá o Congreso de Investigación en Viticultura e Enoloxía en Galicia. Este centro, dependente da consellería de Medio Rural e Mar, contará coa axuda da Deputación Provincial de Ourense e e do Instituto Galego da Calidade (INGACAL) para desenvolver as xornadas, nas que se busca profundar en materia de I+D+i do sector vinícola.

A principal meta da xuntanza é abrir canles de colaboración entre os diferentes profesionais do sector. Con esta idea, a asistencia é aberta para persoal investigador, viticultores, adegueiros, enólogos, estudantes e persoal de adegas e consellos reguladores. Tamén se buscará dar un primeiro paso na creación dunha plataforma científica mediante a que unificar esforzos en investigación.

De xeito máis xeral, os obxectivos básicos son establecer as liñas básicas de traballo actuais e como orientalas cara o futuro, establecer relacións cara a futuras colaboracións para acadar a maior eficiencia tendo en conta os recursos dispoñibles e, por último, evidenciar o papel fundamental da I+D+i.

Este congreso é pioneiro en Galicia no eido da viticultura e enoloxía e contará coa participación dun total de 50 investigadores de 15 grupos diferentes, entre eles a Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e distintos departamentos das Universidades de Vigo e de Santiago. Os temas que abranguerán os relatorios van dende o presente e futuro das variedades autóctonas ata aspectos máis técnicos coma a agroinformática ou a aerobioloxía.

Actividades complementarias

Paralelamente, celebraranse diversas actividades tales como unha mesa redonda dos representantes dos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe galegas de viño e licores. O punto e final das xornadas porao a presentación do proxecto Winetwork, unha rede de transferencia de coñecementos sobre enfermidades da madeira na que colaboran expertos de 7 países europeos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información