A EVEGA organiza mañá en Monterrei unha xornada sobre viticultura ecolóxica

Neste foro presentaranse resultados parciais do proxecto “Potenciación da viticultura ecolóxica en Galicia” que desenvolve a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo e o financiamento do INIA

Publicidade
A EVEGA organiza mañá en Monterrei unha xornada sobre viticultura ecolóxica

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural, organiza mañá en Monterrei a xornada “Tendencias actuais en viticultura. Viabilidade do cultivo ecolóxico en Galicia”. Esta iniciativa ten coma obxectivo revisar a actualidade da viticultura ecolóxica e a súa viabilidade en Galicia.

A xornada, que se celebrará na Casa da cultura de Albarellos (Monterrei), conta coa colaboración do Consello Regulador Denominación de Orixe Monterrei, do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL) e do Concello de Monterrei. Está dirixida ao público interesado e especialmente a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes.

No programa desta iniciativa abordaranse aspectos como as tendencias actuais en viticultura e as particularidades da enoloxía e viticultura ecolóxica en Galicia. Así mesmo farase unha exposición dos resultados obtidos ata hoxe no marco do proxecto “Potenciación da viticultura ecolóxica en Galicia” sobre produción, biodiversidade e características químicas e sensoriais de mostos e viños procedentes da produción ecolóxica e convencional no que colaboran a EVEGA e a Universidade de Vigo con financiación do INIA (Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria).

Contará coa participación de expertos da Universidade Politécnica de Madrid, da EVEGA e da Universidade de Vigo. Durante as xornadas celebrarase unha mesa redonda onde as adegas galegas Gargalo, Quinta da Muradella e o viticultor Iago Garrido relatarán as súas experiencias, e se pecharán cunha cata de viños das distintas modalidades de cultivo.

Esta acción está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e con ela búscase dar a coñecer as posibilidades dunha viticultura ecolóxica competitiva en Galicia.

A xornada clausurarase ás 13:00 horas coa presenza do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Asunción Rodríguez.

Consulta o programa e a ficha de inscripción nesta ligazón

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información