A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) presentou hoxe a súa páxina web www.evega.xunta.gal dentro do VI Salón dos Viños e Licores Galegos de calidade Vinis Terrae que se celebra hoxe no recinto feiral de Expourense.
Na presentación da web estivo presente a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, xunto ao director da EVEGA, Juan Manuel Casares Gándara.
A web ofrece unha ampla información ao lector tanto sobre viticultura como sobre enoloxía. Así, conta con seccións dedicadas á formación, transferencia tecnolóxica, recursos xenéticos da vide ou investigación. O lector tamén pode acceder a unha sección de preguntas frecuentes sobre o cultivo da vide e a elaboración do viño ou acceder ao laboratorio de análises, onde pode descargar directamente a documentación para solicitar unha analítica.
A tecnoloxía empregada para o desenvolvemento da páxina web é WordPress, o que posibilita que a actualización da información sexa áxil e que a incorporación de novas funcionalidades non requira de grandes investimentos.
Segundo o director da EVEGA, “esta páxina é o punto de partida e co tempo medrará en contidos e utilidades”.
Nas pautas de deseño respectáronse as directrices establecidas pola Xunta, presentando unha estrutura que facilita a navegación e a recuperación da información. Así mesmo, prestouse especial atención a usabilidade e facilidade de uso para todos os grupos sociais.