A EVEGA fixo no bienio 2014/15 máis de 45.000 ensaios analíticos

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural, analizou no seu laboratorio 6.490 mostras e ampliou a súa acreditación, o que supón unha garantía da calidade das análises que realiza

Publicidade
A EVEGA fixo no bienio 2014/15 máis de 45.000 ensaios analíticos

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolveu no bienio 2014-2015 máis de 45.000 ensaios analíticos e analizou no seu laboratorio un total de 6.490 mostras. Deste xeito, o laboratorio da EVEGA consolidouse como centro de referencia en Galicia para o sector vitivinícola.

Este centro, situado no concello ourensán de Leiro, reforzou ademais a súa posición e prestixio coa ampliación –aprobada en outubro de 2015– da súa acreditación pola ENAC (Entidade Nacional de Acreditación), o que supón unha garantía da calidade das análises que realiza.

Esta acreditación abrangueu inicialmente os parámetros clásicos nas analíticas de viños, referidas a acidez, grao alcohólico, azucres e dióxido de xofre. Coa ampliación incorporáronse tamén os ensaios e técnicas relativos a ácido cítrico, pH e outros.

Actividade investigadora

A EVEGA desenvolveu durante o bienio 2014-2015 tres proxectos de investigación con financiamento nacional, un deles a piques de dar resultados avalados cientificamente. No marco desta actividade investigadora, a Estación liderou un dos subgrupos do Programa Nacional de Recursos Fitoxenéticos, que permitiu atopar 17 variedades que non estaban rexistradas e delas 9 que polo de agora só se atopan en Galicia.

Como complemento necesario á actividade investigadora, a EVEGA desenvolveu no referido período un total de 109 accións divulgativas en forma de artigos e comunicacións científicas, artigos de divulgación, libros e outras publicacións.

Neste marco é de salientar tamén a actividade de formación de novos doutores e graduados. Durante este bienio na Estación desenvolvéronse 4 teses de doutoramento e outros seis alumnos universitarios apostaron pola EVEGA para os seus traballos de fin de titulación ou máster.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información