A D.O. Monterrei presenta os seus mellores viños en Madrid

Publicidade
A D.O. Monterrei presenta os seus mellores viños en Madrid

Presentación da D.O. Monterrei en Madrid

A Casa de Galicia en Madrid acolleu este mércores a presentación de 51 marcas de viño pertencentes a 20 adegas da Denominación de Monterrei no decurso dun acto dirixido, fundamentalmente, a medios de comunicación e público especializado (distribuidores, hostaleiros, enólogos ou sumilleres, entre outros colectivos).

Na presentación, a presidenta da D.O de Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños, puxo en valor a enorme potencialidade dos viños desta zona que se situaron un total de 13 veces, dende o ano 2007, entre os mellores brancos e tintos de Galicia, tal e como se desprende dos resultados do concurso de catas que anualmente promove a Xunta.

De feito, segundo sinalou Rodríguez, o viño Gargalo Treixadura &Albariño, un dos brancos presentes na mostra, foi elixido recentemente como mellor branco de Galicia. Xunto a isto, a presidenta da D.O de Monterrei recordou que os veu desta zona, que comprende seis municipios do sur da provincia de Ourense, están presentes na actualidade en 24 países e que, no último ano, as exportacións ao estranxeiro creceron nun 17%.

A iniciativa presentada hoxe en Madrid enmárcase nunha mostra itinerante que promove a D.O de Monterrei por diferentes cidades españolas. Ademais da presidenta e de técnicos do Conselo Regulador da D.O de Monterrei participou no acto o experto enólogo Luis Paadín, que ofreceu as explicacións técnicas de cada unha das mostras e recordou aos presentes que Monterrei foi a primeira zona de Galicia na que se plantaron viñedos fai algo máis de 2.000 anos.

Pola súa banda, o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega manifestou o apoio da entidade que dirixe na promoción e impulso dos diferentes sectores produtivos galegos.

Personalidades presentes no acto

Ao acto acudiron ademais, entre outros, a recoñecida enóloga e presidenta da Asociación Española de Xornalistas e Escritores do Viño (AEPEV), María Isabel Mijares e García-Pelayo, o presidente da Asociación Madrileña de Sumilleres, Javier Gila e o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia na capital de España,José Ramón Ónega.

Paralelamente, participaron no acto Rafael Ansón, presidente da Real Academia de Gastronomía Española; José Peñín, editor da prestixiosa publicación especializada Guía Peñín e Rafael del Rey, director xeral do Observatorio Español do Mercado do Viño.

No marco desta iniciativa, o Túnel do Viño de Monterrei permanecerá aberto nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid de 11:00 a 14:00h e de 18:00 a 21:00h, na xornada do 22 de xullo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información