A Comisión Europea autoriza o uso do glifosato ata finais de 2017

Bruxelas esperará a un informe da Axencia Europea de Sustancias Químicas para tomar unha decisión. En todo caso, prevese que se aumenten os prazos de seguridade, se elimine o coformulante PAO-taloamina e se minimice o uso do glifosato en parques públicos, terreos de recreo de nenos e xardíns

Publicidade
A Comisión Europea autoriza o uso do glifosato ata finais de 2017

Roundup, o glisofato de Monsanto, un dos máis utilizados

Ante a falta de acordo entre os estados membros, a Comisión Europea de Saúde e Seguridade Alimentaria decidiu prorrogar durante 18 meses máis, ata finais de 2017, o uso do glifosato, un herbicida barato e efectivo amplamente utilizado na agricultura (cultivo de millo forraxeiro, cereais, viticultura…etc).

Durante os próximos 18 meses a Comisión Europea espera contar cun informe definitivo por parte da Axencia Europea de Sustancias Químicas, que comprobe cientificamente se o glifosato é ou non un herbicida potencialmente canceríxeno, tal e como advirten as organizacións ecoloxistas.

En función das conclusións deste informe, a Comisión Europea podería adoptar a finais do próximo ano unha decisión que iría desde unha autorización a unha prohibición completas, pasando por graos intermedios como permisos para uns cultivos e para outros non, ou modos de usos e formulacións concretas, prohibir o seu uso en ámbitos urbanos e de infraestruturas (eliminar malezas de estradas e vías férreas), os máis visibles e contestados polas organizacións ecoloxistas, para limitar o seu uso á actividade agraria pero con limitacións.

Postura da Comisión Europea: aumentar os prazos de seguridade e eliminar a PAO-taloamina

A Comisión Europea de Saúde e Seguridade Alimentaria propuxo que, mentres tanto e sexa cal for o resultado do informe da Axencia Europea de Sustancias Químicas, deberíanse adoptar as seguintes medidas:

-Prohibición do coformulante (principio non activo en pesticidas) PAO-taloamina.
-Minimizar o uso do glifosato en parques públicos, terreos de recreo de nenos e xardíns.
-Reforzar o seguimento do emprego de glifosato antes cultivar, aumentando os prazos de seguridade desde a última aplicación nun cultivo.

A posición de España sempre foi a de defender a continuidade do produto, en consonancia co que defenden a maioría dos agricultores da Unión Europea, agrupados a través do organismo COPA-COGECA. Francia e Malta están a favor da prohibición do glifosato, mentres que Alemaña, Italia, Portugal, Austria, Grecia, Bulgaria e Luxemburgo abstéñense. Alemaña cambiou a súa posición favorable á continuidade a optar pola abstención, o que desde algúns medios atribúese ao proceso de compra de Monsanto, o principal fabricante mundial deste herbicida, pola multinacional alemá Bayer, xa que unha maior incerteza sobre o seu uso rebaixaría o valor da operación de compra.

Desde o COPA-COGECA advirten de que unha prohibición do glifosato encarecería os custos de produción dos alimentos, xa que outros herbicidas (potencialmente non menos tóxicos) teñen un custo maior e a sacha mecánica ou manual tamén incrementaría os custos.

Postura da Comisión Europea de Saúde e Seguridade Alimentaria

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información