“A certificación da pegada de carbono está a implantarse cada vez en máis adegas”

Entrevista a Rubén Jiménez, director executivo de Solid Forest. Participou recentemente na xornada da EVEGA sobre “Xestión ambiental nas adegas. Novos procesos”, na que destacou as vantaxes que supón para as adegas a certificación da súa pegada de carbono.

Publicidade
“A certificación da pegada de carbono está a implantarse cada vez en máis adegas”

Rubén Jiménez, director executivo de Solid Forest, no centro

A loita contra o cambio climático tamén está a chegar ás adegas. Cada vez son máis as que certifican a súa pegada de carbono, medida en emisións de CO2 en todo o proceso desde a viña ata a venda do viño embotellado. Non é só cuestión de compromiso ambiental, senón tamén de márketing e de facilitar as exportacións, pois cada vez son máis os consumidores que valoran este tipo de certificación.

Rubén Jiménez, director executivo de Solid Forest, unha das empresas certificadoras, participou recentemente na xornada da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) sobre “Xestión ambiental nas adegas. Novos procesos”, na que destacou as vantaxes que supón para as adegas a certificación da súa pegada de carbono.

Como novidades, destaca que a Oficina Española de Cambio Climático dependente do MAGRAMA, acaba de lanzar un novo selo para que adegas medianas e pequenas calculen a súa pegada de carbono e obteñan unha certificación. Ademais, Jiménez recomenda a posibilidade de obter a nova certificación de Pegada Ambiental promovida pola Comisión Europea.

En que consiste a certificación da pegada de carbono nas adegas?
Consiste na análise dos procesos e materiais utilizados na elaboración do viño para avaliar a súa contribución ao cambio climático. Esta contribución mídese en masa de CO2 equivalente que é o indicador denominado pegada de carbono. Canto menor é o valor da pegada de carbono maior é a sustentabilidade da adega respecto ao problema ambiental do cambio climático.

Cales son os principais aspectos nos que se incide para reducir a pegada de carbono neste sector?
As medidas xerais que se adoitan propoñer ás adegas para que reduzan a súa pegada de carbono teñen que ver coa etapa agrícola, optimizando e reducindo a aplicación de fitosanitarios e abonos ás viña; na adega reducindo os consumos enerxéticos e na etapa de envasado reducindo o peso das botellas de vidro. Estas medidas propostas varían dependendo da adega e poden complementarse con outras máis específicas.

Que vantaxes reporta ás adegas esta certificación?
Nun mercado cada vez máis competitivo non só basta con facer ben as cousas, ademais hai que demostralo. Iso é o que fai a obtención do selo certificado de pegada de carbono por parte da adega, demostra a preocupación dos seus propietarios con respecto ao coidado do medio ambiente e demostra a súa participación nun proceso de mellora continua da súa sustentabilidade.

Cal é o grao de implantación en España da certificación da pegada de carbono en adegas e cales son as perspectivas para os próximos anos?
Pódese contar por decenas as adegas en España, sobre todo as de maior tamaño, que analizaron e certificaron o valor da súa pegada de carbono.

Agora é o momento, aproveitando a aparición do novo selo promovido pola Oficina Española de Cambio Climático dependente do MAGRAMA, para que adegas medianas e pequenas calculen a súa pegada de carbono e obteñan unha certificación que lles sitúe á vangarda da sustentabilidade e que poidan utilizar como ferramenta de márketing e facilitadora da exportación.

Que recoñecemento ten esta certificación a nivel oficial? E para exportar a outros países?
Especialmente tras o cumio de París, os cidadáns en todos os países son conscientes do problema que supón para a humanidade o cambio climático. Os consumidores e entidades públicas están dispostos a recoñecer favorablemente a aquelas empresas que demostren a súa contribución á loita contra este problema ambiental. A Oficina Española de Cambio Climático dependente do MAGRAMA creou un Rexistro oficial de pegadas de carbono calculadas e recoñece coa entrega dun selo oficial a aquelas empresas que calculen as súas emisións de Gases de Efecto Invernadoiro GEI.

“O custo para unha adega está entre os 1.000 e os 4.000 euros”

Unha certificación de agricultura ecolóxica non sería xa suficiente para acreditar que a adega ten baixa pegada de carbono?
As adegas con produción de viños ecolóxicos non teñen por que ter unha pegada de carbono menor que a de adegas con produción non ecolóxica. Son indicadores totalmente diferentes. De feito, a certificación de pegada de carbono debería de ser aproveitada por aquelas adegas que non poden ter unha produción de viño ecolóxico para demostrar que están a realizar unha produción sustentable e que se preocupan polo medio ambiente, aínda que os seus sistema de traballo non lles permita producir viño ecolóxico.

Realmente é caro para unha adega suprimir obtela?
O custo do cálculo e rexistro da pegada de carbono para unha adega atópase entre os 1.000 euros e os 4.000, dependendo do seu tamaño

Cales serían as adegas e os países de referencia neste tipo de certificación?
Os países do norte de Europa son sempre os máis avanzados neste tipo de certificacións ambientais. En España algunhas das adegas que xa calcularon a pegada de carbono son: Bodegas Patrocinio, Bodega Olarra, Bodega Valdeviñas, Coop. Viñedos de Aldeanueva, Bodega Hacienda Solano, Bodega Los Cipreses, Bodega Antigua de Azenari,  Supurao Ojuel, Bodegas Torres, Grupo Faustino, Bodega Andrés Morate, Viña Pedrosa, Bodegas Vihucas, Bodegas Ostatu, Bodega Lavia, entre outras.

Algo máis que queiras engadir?
Só animar ás adegas, así como a calquera outra empresa do sector agrícola ou gandeiro, a que obteñan a certificación de pegada de carbono da súa explotación ou os seus produtos. É un selo de sustentabilidade diferenciador que ten cada vez unha maior importancia e recoñecemento. E, para aqueles que queiran ter a mellor das acreditacións ambientais, comentarlles a posibilidade de obter a nova certificación de Pegada Ambiental promovida pola Comisión Europea na que se analizan non só o cambio climático senón todos os impactos ambientais asociados ao ciclo de vida do produto.

A Pegada Ambiental baseada na análise do Ciclo de Vida é o futuro nas certificacións de sustentabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información