“A DO Monterrei é a gran descoñecida, pero a que máis vai medrar”

O catador Juan Ramón Fuentes Lorenzo, recibiu un recoñecemento ao seu labor no acto de celebración dos 25 anos da DO de Monterrei. Falamos con el sobre a evolución desta denominación, dos seus viños e as súas adegas

Publicidade
“A DO Monterrei é a gran descoñecida, pero a que máis vai medrar”

Juan Ramón Fuentes, catador da DO Monterrei.

“É o recoñecemento ao labor que levamos feito todos os catadores nestes 25 anos, non é unha distinción para min”. Así valora Juan Ramón Fuentes a distinción recibida por parte da DO Monterrei. Con el coñecemos como se transformou esta denominación de orixe nestes anos de traxectoria e en que medida contribuíron a iso os catadores.

Cando e como comezou no mundo do viño?
Empecei fai 25 ou 26 anos cando Castor Gago [xefe da Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da Denominación de Orixe Monterrei, que este fin de semana ofrecerá o pregón da Feira do Viño de Monterrei] convidoume a un curso de valoración de viños, fundamentalmente de Monterrei. A partir de aí, foron xurdindo máis cursos que me levaron a ir coñecendo máis os viños. O último curso aínda o fixen hai uns días, sobre viños olorosos de Andalucía. O único que fixen foi seguir a traxectoria de estudar os viños e sempre tentando aprender. É unha formación moi continua. Cando te das de conta xa pasaron 25 anos facendo catas.

Tiña algún tipo de vinculación xa co mundo do viño, antes de comezar coas catas?
Eu son de Verín e o meu pai facía viño, pero hei de recoñecer que o facía bastante mal [comenta entre risas]. Estabamos moi limitados, non tiñamos tecnoloxía… faciamos un viño para casa. Algúns anos saíu moi bo, outros fatal.

“O catador ás veces ten que dicirlle ao adegueiro que ese ‘fillo’, o seu viño, non é bo”

Cre que a figura do catador está en auxe na actualidade?
Os catadores cada vez estanse formando máis e mellor, pero creo que aínda estamos un pouco infravalorados. En parte, porque un catador ten que dicir sempre a verdade e as críticas son difíciles de encaixar para moitos. É como cando tes que dicirlle a un pai que o seu fillo é feo, ao dicirlle iso… xa non te quere. E o catador, ás veces, ten que dicirlle ao adegueiro que ese ‘fillo’, o seu viño, non é bo.

Logo temos outro problema, e é que nos adornamos de demasiada poesía para describir un viño. Empregamos aromas moi etéreos e ás veces debiamos ser máis simples. Aínda que se non hai poesía no viño, entón non hai viño. Pero ás veces é demasiada… por exemplo, cando para un arrecendo cítrico din que é a bergamota ou cando din que ule a Flor das Bolboretas…

“En brancos a evolución foi como un foguete, e nos tintos máis ben como un globo aerostático”

Estivo desde os primeiros pasos da DO Monterrei, transformáronse moito nestes anos as adegas?
Si, a primeira cata na DO fíxena eu e estiven representando á DO tamén en distintos eventos en Galicia. As adegas creo que melloraron moitísimo. Foron mellorando, en parte grazas ás críticas e descualificacións dos catadores, que motivaron que se esforzaran en obter un viño de máis calidade ou simplemente pola evolución do propio mercado que lles esixía un viño cada vez mellor. As adegas gañaron moito, sobre todo pola tecnoloxía. Agora presentan uns viños moito máis complexos e de maior calidade que hai anos. Antes primábase a cantidade fronte á calidade. Eran os tempos onde a ninguén lle importaba o grao de maduración, nin a conservación… Agora todo se rexe pola calidade. Foron cambios para ben.

A recuperación das variedades autóctonas, marcou un antes e un despois na zona, pero como foi este proceso?
O primeiro que fixemos foi levantar todo o vello que non corresponde con viñedos desta zona. Levantamos o Xerez e o Palomino e o Alicante e o Grau Negro, e plantouse con Treixaduras, con Mencías, con Godellos. No caso do viño branco, a cepa produce axiña, pero nos tintos, para lograr calidade, as cepas deben ter, polo menos, 30 anos. Eses cambios na selección de variedades autóctonas é o que motivou que esteamos onde estamos, un camiño que para min é moi bo. Eu augúrolle un gran futuro, que no caso dos brancos é xa un presente e que nos tintos chegará axiña.

E como foi a evolución dos viños de Monterrei nestes 25 anos?
Ao principio os viños viñan mal filtrados, con aromas estraños. Todo iso as adegas fórono pulindo. Nestes anos nós tamén fomos descalificando viños e o adegueiro quería saber o porqué desas decisións para coñecer o erro e poder evitalo. En brancos a evolución en calidade foi coma un foguete, e nos tintos foi máis ben un globo aerostático, foi ascendendo un pouco máis lentamente.

“Sen poesía non hai viño, pero é certo que ás veces nos adornamos demasiado para describir o viño”

A pesar deses problemas que detectaban, contábase con viños de calidade nun principio?
Hai 25 anos na Denominación só había un viño, que era o Ladairo. E tivemos a sorte de que o Ladairo marcou os patróns do DO tanto en viños brancos como en tintos. O nivel púxoo o Ladairo e para min, segue sendo un dos mellores viños que temos na zona. Ao cabo dos anos xa houbo dúas adegas máis: Bernabé e a Ribeira do Támega, e a partir de aí os criterios de calidade xa estaban estipulados e foise traballando en base a eles.

Como definiría os viños de Monterrei?
Os viños brancos de Monterrei son tremendamente macizos na cor, moi aromáticos a froitas tanto de pebida como de óso e en boca son moi frescos. En canto aos tintos, os viños son de vermello cereixa e con aromas de froitos vermellos como arándanos. En boca debería de ter un tanino moi aterciopelado pero aínda non logran telo. Creo que os tintos tardarán 5 ou 6 anos, agora as cepas aínda son novas e non dan a calidade que poden chegar a ofrecer. Ó que pasen eses anos, creo que imos estar falando duns dos mellores tintos que teñamos en España. Démoslle tempo.

“Os países nórdicos son o mercado que máis futuro pode ofrecerlle á DO Monterrei”

A de Monterrei é a DO máis recente, aínda que a vinculación da zona co viño veña xa da época dos romanos. Con respecto ao resto de denominacións galegas, cal cre que é a situación actual de Monterrei?
A de Monterrei é a gran descoñecida. Ás DO están a facernos moito dano os erros da hostalaría ao identificar os viños das DO de formas moi xeneralizadas e onde algunhas DO nin sequera existen. As DO deberían esixirlle á hostalaría que fagan unhas cartas de viños reais e máis rigorosas. A DO de Monterrei na hostalaría é a máis descoñecida. Creo que é a que máis vai crecer, dígoo sinxelamente pola calidade que teñen os seus viños. En canto se vaia descubrindo a calidade dos seus viños irase vendendo cada vez máis, e máis caros. É curioso tamén que sendo a DO máis pequena e a máis nova ten os viños máis caros. Aquí creo que non hai un viño que baixe dos 5 euros… O viño barato aquí non existe porque hai calidade, que vén marcada polo mercado, non polos adegueiros, e iso transmítese no prezo.

“A hostalaría comete erros á hora de identificar os viños de formas moi xeneralizadas, de xeito que os viños dalgunhas DO son grandes descoñecidos”

Nestes 25 anos, algún aspecto que se puidese mellorar?
O pasado xa non se recupera, pero nos primeiros anos da DO a promoción do viño non existiu, supoño que os presidentes estarían máis limitados… Agora levamos os últimos anos nos que si se está dando a coñecer os viños. A promoción está a coidarse máis e tamén se nos está coidando máis a nós, aos catadores. Gañamos tamén moito en instalacións. Ao principio era unha mesa de despacho e alí xuntabámonos tres ou catro… agora temos unhas instalacións acordes ás necesidades para facer as catas.

Cara a onde cre que debe mirar a DO no futuro?
Ao estranxeiro, aos países nórdicos. Creo que é o mercado que máis futuro pode ofrecerlle á nosa DO. Nestes países está moi en auxe a degustación de viños por parte da muller, e este público quere viños aromáticos, brancos, como os que podemos ofrecerlle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información