“En Galicia hai experiencias enoturísticas que integran moi ben viño, viñedo e contorna”

O enoturismo é unha oportunidade de negocio que cada vez máis adegas aproveitan. A catadora e experta Mercedes González danos algunhas das claves sobre estas propostas que combinan viño e turismo

Publicidade
“En Galicia hai experiencias enoturísticas que integran moi ben viño, viñedo e contorna”

Mercedes González, catadora e experta en enoturismo.

A catadora e experta en enoturismo, Mercedes González participou en Valdeorras nunha iniciativa formativa sobre este negocio turístico ao amparo da adega e o viño. No curso búscase xerar unha bolsa de profesionais capacitados para cubrir os postos que demanda o sector. As primeiras xornadas do curso permitíronlle a esta profesional descubrir xa interesantes propostas do turismo vinícola expostas polos asistentes. Aproveitamos para falar con ela do enoturismo, unha oportunidade empresarial que cada vez ten máis presenza en Galicia.

Como evolucionou o enoturismo nos últimos tempos?
Curiosamente o enoturismo rexurdiu un pouco por mor da crise tan marcada que sufriu o viño, fixo de táboa de salvación. Levamos xa anos de experiencia en enoturismo cun cambio de perfil e de aptitude tamén desde as adegas. Aumentou a actividade e tamén o interese que hai polo viño. Hai moito turista que vincula o enoturismo e a gastronomía. Aumentou tamén o número de empresas centradas ou vinculadas dalgunha forma ao enoturismo (os museos do viño, centros de spá, adegas con hoteis e restaurante, experiencias en adegas urbanas…

“Un turista que vén polo enoturismo gasta de media 100 euros máis ca unha persoa que vén por turismo en xeral”

Atravesa un bo momento o turismo enolóxico?
Sen dúbida estamos nun momento moi bo no que cada vez hai máis demanda. Está demostrado que un turista que vén polo enoturismo gasta moito máis que un que vén por turismo en xeral, cunha diferenza de máis de 100 euros ao día entre un e outro.

En que aspectos hai aínda que mellorar?
O primeiro é ter claro que o enoturismo e a produción de viño son dúas caras do mesmo territorio, son dúas actividades na mesma instalación pero que se rexen de distinta maneira. Hai moitos adegueiros que aínda non son capaces de ver que a adega e o viño é unha unidade de negocio pero que as identidades que hai no territorio (a xente, a contorna, a cultura…) forman parte do enoturismo. O viño é a locomotora que tiraría por ese desenvolvemento agroalimentario e económico pero o resto é tamén fundamental.
Falta aínda moito por facer á hora de traballar o enoturismo, con detalles que serán claves para que funcione. Pensamos, por exemplo en deseñar un paquete turístico pero esquecémonos de definir o perfil para o que está deseñado, os detalles, as indicacións…

“En experiencias enolóxicas está case todo inventado. Non é tanto innovar senón darlle forma e orixinalidade”

Que exemplos españois poden seguir as adegas galegas?
En experiencias está xa case todo inventado. Non é tanto inventar senón darlle forma e orixinalidade. Eu creo que o importante é volver ao que está desenvolvido, non tanto tentar lograr experiencias innovadoras senón optar por fomentar o que cada adega pode achegar como identidade. Todas as adegas teñen un catálogo común á hora de abordar o enoturismo que engloba visita á adega e o viñedo, unha explicación sobre o proceso de elaboración do viño e unha cata do produto. Pero, cada adega ten un perfil diferente que pode aproveitar e potenciar. Non é tanto que debamos mirar ou copiar outras iniciativas fóra de Galicia senón que aquí hai propostas moi interesantes como o caso da iniciativa de Perriturismo na Ribeira Sacra, que integra moi ben os conceptos viño, viñedo e contorna. E, como esta hai moitas outras propostas de calidade. Hai experiencias de maridaxe coas estrelas, que non son xa novidosas pero que funcionan moi ben. Tamén hai catas con música como as que se fixeron en Valdeorras e noutros puntos de Galicia, onde é moi importante coidar os detalles e nos que se pode transmitir moito do viño.

En Galicia, a pesar de contar con 5 rutas do viño, parece que estas iniciativas non acaban de despegar, que cre que pode estar a fallar nas rutas galegas?
Como en moitas outras cousas, a falta de financiamento pode ser o maior atranco. Como ruta cualificada pola Asociación Española de Cidades do Viño (Acevin) só está Rías Baixas, algunhas das outras teñen xa tramitada boa parte da documentación. Pero para figurar como ruta acreditada por Acevin é necesaria unha achega importante de capital, ao redor de 12.000 euros e moitas veces non os hai. O tema das rutas debe ser unha aposta do privado (as adegas, os restaurantes, o comercio especializado…) e o público e pode resultar un pouco caótico. Se ademais, a tramitación vai amodo, moitos pregúntanse que lles achega pertencer a esta ruta e se compensa o desembolso. Supoño que aos poucos se irán unindo os que agora son máis perspicaces, pero creo que o farán cando estea todo máis encamiñado. Agora mesmo hai só 29 rutas, son pouquísimas e creo que o que máis as está condicionando é o factor monetario.

Tamén me sorprende que algunhas destas rutas non están a ter realmente unha gran afluencia de visitantes, como o caso, por exemplo, de Yecla, que se sitúa ao redor das 5.000 visitas. Comparando con algunhas das iniciativas que fixemos en Valdeorras xa case estabamos nos seus números. Creo que algunhas das que gozan desa diferenciación simplemente foi porque tiñan ese capital para formalizala.

“Máis do 60% dos que participan en experiencias de enoturismo son neófitos no mundo do viño”

Cal é o perfil do turista que gusta de experiencias de enoturismo?
Hai unha gran variedade de perfís pero máis do 60% dos que participan en experiencias de enoturismo son xente que ten curiosidade polo viño pero é neófito neste mundo.

Están os entusiastas da cultura do viño e adoitan gustar de visitas técnicas, con persoal especializado. Logo hai outro grupo que son os afeccionados ao viño e á gastronomía. Queren facer algo relacionado coa gastronomía e vivir experiencias ligadas á tradición da zona, á cultura, á historia. Este perfil motiva que na visita se implique mesmo aos propietarios das adegas.

Teriamos outro grupo no que se incluirían os “curiosos” do viño que por curiosidade se achegan ás adegas. É un perfil máis lúdico ou profesional. Neste caso, máis que implicar ao dono da adega, ou ao enólogo, como ocorre coas visitas máis técnicas, sería interesante que a visita fose impartida por unha persoa encargada das relacións públicas.

Tamén se está vinculando moito o enoturismo co mundo do sendeirismo e o deporte na natureza (equitación, deportes náuticos, ciclismo…). Moita xente vén atraída pola riqueza cultural da zona, como a arte sacra da Ribeira Sacra, e inclúen as visitas á adega como un atractivo máis dese percorrido.

É moi importante adaptar a visita ao público, senón corres o risco de que ofrezas unha explicación moi técnica a unha persoa para a que é o seu primeiro contacto co mundo do viño e poida que lle resulte moi complexo e acaba afastándose.

Que canles están a resultar máis efectivos na comercialización destas propostas?
As redes sociais están a funcionar moi ben e hai que aproveitar mentres son relativamente gratuítas. Precisamente no curso tamén abordamos este tema pola importancia que ten. Pero tamén é fundamental a comunicación directa con clientes como os envíos de boletíns. Funciona moito o boca a boca: dos amigos, dos familiares… Tamén están a ter bos resultados as xornadas de portas abertas ou a iniciativa do enotrack que fixemos con Turismo de Galicia polas principais cidades de Galicia e nas que se ofrecían catas das 5 Rutas do Viño. Son opcións moi válidas para promocionar estas experiencias. Tampouco se pode esquecer as comunicacións en medios tradicionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información