Monte Forgoselo, un exemplo de gandería de vacún en extensivo

“Con cama de palla e máis superficie nos cebadoiros, os becerros medran máis e mellor”, explica o presidente da Asociación de Veciños que xestiona esta explotación de gando.

Monte Forgoselo, un exemplo de gandería de vacún en extensivo

Os becerros están ceibos coas vacas até os seis meses.

Vacas que están pacendo todo o día, becerros que se crían até os 12 meses, moita superficie de terreo e venda directa da carne ao consumidor. Podería parecer unha explotación gandeira de calquera país avanzado, menos de Galicia, pero sitúase no noso país, no Monte Forgoselo, situado na provincia da Coruña, entre os concellos da Capela e San Sadurniño, na contorna do parque natural das Fragas do Eume.

Esta experiencia novidosa de gandeiría de vacún en extensivo expúxose este inverno na xornada “Alternativas na gandeiría semiextensiva en Galicia: Produción sostible e aproveitamento do territorio”, organizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

A explotación sitúase no Monte Forgoselo e está xestionada pola Asociación de Veciños Monte Forgoselo, que tras anos de loita conseguiron recuperar en parte un monte veciñal que fora privatizado de forma fraudulenta no ano 1972.

Ocupa unha superficie de 1.500 hectáreas, e constitúe un exemplo de aproveitamento multifuncional do monte: coa maior parte dedicada a uso forestal, á enerxía eólica e tamén á produción de carne de vacún de calidade.

As vacas pacen todo o día no monte e os becerros maman até os 6 meses

O despegue da actividade gandeira no Monte Forgoselo prodúcese sobre todo a partir do ano 2011, cando se constrúe un novo cebadeiro para entre 100 e 120 becerros.

A superficie de pastizais ascende a 80 hectáreas, que se lograron por dous sistemas:

-Por desbroce máis laboreo.
-Por desbroce só: un método máis económico e o máis utilizado en Monte Forgoselo. Consiste en ir facendo desbroces sucesivos; subministrarlle ao gando durante o inverno herba seca e silo, para así transferir semente e fertilidade ao chan e aplicarlle ao pasteiro esterco do cebadeiro.

Dispoñen de arredor de 520 cabezas de gando vacún, de razas de cruces industriais. Dese total, 340 son vacas nutrices -dispoñen de 276 dereitos- e o resto becerros e recría. Venden uns 100 xatos, outros 100-120 son para cebar na propia explotación e 100 para recría.

As vacas están no pasto todo o ano e os becerros maman das vacas ata os 6 meses. A esa idade pasan ao cebadoiro por grupos de 15 a 20 cabezas. Aquí son alimentados con penso a vontade e herba seca.

Con cama de palla e máis superficie os becerros medran mellor

Neste sentido, o presidente da Asociación de Veciños Monte Forgoselo, Manuel Fernández Villar, salienta que “coidamos moito as instalacións do cebadeiro: os becerros teñen cama de palla, bastante superficie e un sistema de alimentación automática”. A este respeito, considera que “o sistema de parrilla-cama para os becerros funciona moito mellor para o medre e o benestar dos animais”.

Sobre os 11/12 meses sacrifícanse os becerros cun peso canal de entre 275 e 310 kg. Venden uns 100 becerros ao ano a un prezo medio de 4,65 €/kg, IVE a parte.

A nivel sanitario, Manuel Fernández Villar salienta que “prácticamente non temos casos de pneumonía e só realizan tratamentos de desparasitación e de vacinación”.

Comercializan directamente a súa carne

Respecto á comercialización tamén resulta un proxecto novidoso por apostar pola venda directa ao consumidor. “Antes vendiamos a Novafrigsa, en Lugo, e a CARCASA, na Coruña, pero decidimos comercializar nós mesmos, xa que temos un prezo de media un 30% superior”, explica o presidente da AAVV Monte Forgoselo.

Comercializando directamente a carne conseguen un prezo un 30% superior

A carne que comercializan directamente sacrifícana no matadoiro de San Esteban, en Ferrol, e logo de pasar un mínimo dunha semana en cámara, véndena directamente na tenda de Agroalimentaria do Eume en Narón e tamén a particulares e restaurantes. Agora están intentando introducila nos colexios da comarca.

Por outra parte, deixaron de vender amparados pola IXP Ternera Gallega porque, segundo Manuel Fernández Villar “porque limita a idade de sacrificio a 10 meses, e sen embargo conseguimos prezos semellantes cun pesos maiores cunha idade de 11-12 meses”.

Unha carne máis roxa e producida de xeito sustentable

Outro aspecto que diferencia á carne de Monte Forgoselo, é que os becerros se sacrifican con entre 11 e 12 meses, mentres que o sacrificio en Galicia dos xatos está nunha media de 8 e 9 meses.

“Isto da un carne roxa, moi saborosa, pero para estimular o seu consumo cómpre facer unha labor de pedagoxía entre os consumidores porque en Galicia estamos máis habituados a un tipo de carne de becerro de poucos meses” explica Manuel Fernández Villar.

Non obstante, o presidente de Monte Forgoselo amósase optimista de cara ao futuro porque “o noso é un proxecto respectuoso coa natureza e coa paisaxe, que integra o aproveitamento gandeiro e forestal, vese favorecido pola reforma da PAC, dada a súa gran superficie, e porque producimos carne de calidade, pechando o ciclo ao vender directamente ao consumidor”.

As vacas están todo o ano nos pasteiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información