“O problema da loita contra a Velutina é que non existe un plan coordinado baseado na experiencia doutros países”

Entrevista a Sandra Rojas Nossa doutora da Universidade de Vigo encargada de coordinar o programa Stop Vespa Velutina promovido pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) que distribuirá 3.000 trampas esta primavera para capturar ata 30.000 raíñas de vespa asiática.

“O problema da loita contra a Velutina é que non existe un plan coordinado baseado na experiencia doutros países”

Sandra Rojas Nossa

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) acaba de poñer en marcha o programa Stop Vespa Velutina, o primeiro programa de carácter científico para tratar de frear a expansión desta praga en Galicia. A iniciativa está financiada en exclusiva por AGA con 52.000 euros de fondos propios, estenderase ao longo de todo o 2016 en diferentes fases e márcase como obxectivo atopar o método de trampeo e o atraente máis eficaz e selectivo para capturar exemplares de Vespa Velutina, algo que ata agora non foi testado de forma científica.

Sandra Rojas Nossa é a encargada de coordinar a nivel científico este programa. Doutora en Bioloxía do Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, Sandra Rojas recoñece que “vai ser moi difícil” a erradicación da Vespa Velutina en Europa pero asegura que si se pode frear a súa expansión se se toman as medidas adecuadas.

Cal é a gravidade da expansión da prata de Vespa Velutina por España, e por Galicia en particular?
Vespa velutina tivo un crecemento poboacional exponencial e unha rápida expansión polas áreas costeiras de Galicia. Dado que este insecto social é un feroz depredador de abellas do mel e outros insectos, as poboacións das súas presas poden verse decimadas e como consecuencia diso, todos os procesos ecolóxicos nos que os artrópodos son relevantes poden verse afectados.

Un dos servizos ecosistémicos directamente ameazados pola expansión de V. velutina é a polinización de moitos cultivos e plantas silvestres que requiren insectos polinizadores para a formación de froitos e sementes.

Ademais disto, o sector frutícola tamén pode verse afectado xa que durante a fase de adulto este himenóptero consome froita e as maiores densidades poboacionais de V. velutina ocorren ao final do verán e o outono, cando ocorre a maduración de moitas das froitas que consumimos.

Empézana a coñecer tamén por vespa asasina…Está a esaxerarse sobre a súa incidencia no sector apícola e para o ecosistema ou é certo ao gravidade da súa ameaza?
Vespa velutina efectivamente ataca intensamente ás abellas do mel. Como resultado dos ataques as abellas cambian o seu comportamento e deixan de pecorear con normalidade, de maneira que aumenta o estrés e redúcese o alimento na colonia.

Con frecuencia os ataques prolongados durante o verán levan ao debilitamento das colonias e probablemente hai unha maior mortaldade de colonias. Con todo aínda non temos datos reais que nos permitan estimar o impacto para o sector apícola.

Que se sabe ata agora sobre como se pode controlar a súa expansión de forma probada e científica?
Actualmente estanse probando diferentes métodos de control, pero ningún deles constitúe unha única solución.

E as investigacións que se están realizando a nivel mundial, ¿En que liñas de traballo está a avanzarse?
Está a traballarse en métodos de protección das colmeas, uso de patóxenos para control biolóxico e estudo de feromonas que permitan a elaboración de atraentes específicos.

“Agora téntase combater a Velutina, pero non existe un plan coordinado baseado nas experiencias doutros países”

Como valora as medidas de control que se puxeron en marcha ata agora en Galicia por parte da Administración e dos propios apicultores? Non se está dando uns pouco paus de cego?
Un dos problemas é que a pesar de que en Francia xa viña combatendo o problema desde 2005 non se fixo nada por previr a súa expansión ou preparar aos sectores potencialmente afectados para o que viña. Agora téntase combater a esta especie invasora, pero non existe un plan coordinado baseado nas experiencias doutros países. Requírese máis comunicación, traballo en equipo e recursos.

Que importancia ten o programa Stop Vespa Velutina que vai poñer en marcha AGA en colaboración coa Universidade de Vigo?
A importancia do programa radica en que é unha iniciativa multidisciplinaria para buscar métodos de control desta especie invasora cunha redución dos efectos negativos para o medio ambiente.

Nesta época empézanse a colocar trampas para atrapar raíñas fundadoras, ¿Que recomendacións daría en canto a localización, deseño das mesmas e tipo de líquido atraente… para que sexan máis eficaces?
Recoméndase o uso de trampas só durante a primavera, xa que durante o verán as trampas atrapan unha enorme cantidade doutros insectos e poucas Vespa velutina en relación ás que hai no ambiente. Ao parecer a localización próxima a corpos de auga favorece as capturas.

Respecto ao deseño e tipo de atrayente é precisamente o que imos probar e esperamos ter resultados pronto. Un detalle importante no deseño é que a trampa teña ocos ou mallas que permitan a saída de pequenos insectos.

“As trampas para a Velutina débense colocar só na primavera e preto de cursos de auga”

Durante o verán é cando máis ataques se producen ás colmeas por parte da Vespa Velutina. ¿Que recomendaría aos apicultores para minimizalos?
Existen varias medidas que se poden empregar simultaneamente para protexelas, como a redución do tamaño da entrada nas colmeas para que a V. velutina non poida entrar facilmente a pillar larvas, ou o uso de mallas de protección nas colmeas. Algúns apicultores tamén optaron por levar as colmeas a sitios con pouca incidencia de V. velutina durante o verán, como zonas de montaña ou de interior.

No outono-inverno pasado vimos como a Vespa Velutina estivo moi activa ata case o mes de decembro. ¿Que poden facer os apicultores para combater a Vespa Asiática durante ese período?
Detectar os niños e chamar ás autoridades competentes para realizar a súa retirada.

Cre posible erradicar esta especie invasora ou frear a súa expansión en Galicia e en Europa?
A total erradicación é, desafortunadamente, moi difícil. Agora requírese un esforzo maior para a prevención da expansión a zonas onde aínda non chegou.

Cre que as abellas europeas lograrán adaptarse para facerlle fronte como fan as abellas asiáticas?
É probable que con suficiente tempo de interacción as abellas puidesen desenvolver defensas máis eficaces. Na natureza isto ocorre ao longo de moitas xeracións nas cales os predadores e as súas presas van modificando o seu comportamento en resposta a este tipo de interacción, pero no caso de Vespa velutina e Apis mellifera non sabemos canto pode tardar este proceso.

 “A erradicación da Velutina é moi difícil pero podemos evitar que se siga expandindo”

Por último, En que medida inflúe o estado sanitario e de vigor dunha colmea á hora de superar os ataques da Vespa velutina? Que recomendacións daría ao apicultor neste sentido?
É moi importante. Aínda que a Vespa velutina non ataca máis ás colonias máis numerosas, é importante manter colonias fortes, capaces de pecorear aínda que sentan ameazadas e o máis libres de enfermidades posible, xa que ao estar máis tempo dentro das colmeas indirectamente pódense potenciar procesos infecciosos.

É recomendable visitar e observar o colmear cunha maior frecuencia do que o facía antes da chegada de V. velutina a Galicia, xa que se se deixa só sen coidados nin atención logo pode ser moi tarde para aplicar métodos de control.

Algo máis que queira engadir?
A loita contra esta especie invasora debe realizarse con métodos complementarios e apropiados para atacar durante as diferentes fases do seu ciclo anual. Con todo é importante non perder a cabeza e non usar métodos que poden atentar contra a propia saúde e contra o medio ambiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información