Non do Goberno a indicar o país de orixe na etiqueta do mel

Os apicultores e consumidores critican a entrada masiva de mel china sen as mesmas garantías sanitarias. A situación prexudica tamén aos envasadores acollidos á IXP Mel de Galicia.

Non do Goberno a indicar o país de orixe na etiqueta do mel

Etiqueta de mel

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente (MAGRAMA) ven de rexeitar esta semana, unha vez máis, que na etiquetaxe do mel figure o país ou países de orixe, algo que é normal en calquera produto alimentario, polas exixencias de trazabilidade e de información ao consumidor, pero que no caso do mel parece ser unha excepción.

E é que a lexislación europea, en concreto a Directiva do Mel 2201/110/CE, recentemente modificada pola Directiva 2014/63/UE, permite ás empresas envasadoras etiquetar os meles de fóra da Unión Europea como “mestura de meles UE-non UE”, sen especificar os países de procedencia.

Italia ou Polonia si obrigan a incluír o país de orixe na etiqueta

Dende organizacións do sector, como a Agrupación Apícola de Galicia, organizacións de consumidores e sindicatos como COAG, veñen realizando unha campaña para que o Goberno cambie a normativa. Subliñan que a Directiva Europea do Mel si deixa liberdade aos estados membros para adaptar a normativa nivel estatal.

“En Polonia e Italia exerceron este dereito e é obrigatorio detallar o país de orixe do mel na etiqueta, con sancións por incumprimento, no caso de Italia, de ata 6.000 euros”, explica Ángel Díaz, responsable do sector apícola de COAG.

A campaña chegou ás redes sociais e á recollida de sinaturas por internet. E tamén chegou ao Congreso dos Deputados, pero foi rexeitada pola maioría do Partido Popular co argumento de que con esta medida prexudicaríase a parte do sector que importa mel doutros países e o envasa en España.

As grandes envasadoras e China, os grandes beneficiarios

E é que cun consumo de mel en alza tanto a nivel europeo como mundial, polas súas recoñecidas propiedades saudables, esta ambigüidade na etiquetaxe ten claros gañadores e perdedores. En concreto, Ángel Díaz asegura que “esta postura beneficia á industria importadora de mel chinesa, e perxudica seriamente aos nosos apicultores, que non poden diferenciar os seus produtos de calidade, e aos consumidores, porque limita a súa liberdade de elección”.

Comparación entre unha etiqueta de mel en España e en Italia.

Comparación entre unha etiqueta de mel en España e en Italia.

Esta situación está sendo aproveitada sobre todo por China para inundar o mercado español co seu mel. Así, dende 2007 multiplicou por 5 as súas exportacións a España, superando a pasada campaña as 15.000 toneladas, a un prezo medo de 1,36€/kg, case a metade que o prezo do mel español.

Unha importación masiva que, para a Asociación Galega de Apicultura, a outra gran agrupación de apicultores de Galicia, “supón unha competencia desleal para os apicultores xa que a lexislación chinesa permite o uso de produtos fitosanitarios e antibióticos nas colmeas que están prohibidos na Unión Europea”.

En Galicia os apicultores benefícianse a curto prazo e prexudica aos envasadores de Mel de Galicia

Porén, a realidade é que os apicultores galegos, de momento, e dada a escaseza de mel de calidade como o de Galicia mesmo se están a beneficiar desta situación de ambigüidade na etiquetaxe, cuns prezos á alza que mesmo chegaron a aproximarse na pasada campaña aos 4 €/kg.

Isto é posible porque as grandes envasadoras do Centro e do Sur da Península, e mesmo de Alemaña, mercan cada vez máis mel galego que logo mesturan co mel chinés para mellorar a súa calidade e poder etiquetalo como “mestura de meles UE- non UE”.

Dende a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, a marca de calidade de mel máis importante a nivel estatal, a súa presidenta, Ester Ordóñez, recoñece que “é certo que non nos estaría afectando moito esta situación na etiquetaxe porque estamos amparados baixo unha denominación de calidade que garante a orixe do mel, e o consumidor diferencia o noso produto”, algo que non ocorre coa maior parte do mel español, que non conta cunha identificación de calidade diferenciada.

A quen recoñece que si está prexudicando esta situación “é aos envasadores acollidos á IXP Mel de Galicia, posto que, polo regulamento, non poden mercar mel de fóra e resúltalles difícil poder pagar o mel como o pagan estes acopiadores de mel, que logo o mesturan co mel chinés, de moi baixa calidade”.

Ante esta situación de desinformación intencionada, a única garantía que parece que lle queda ao consumidor á hora de saber a orixe, e tamén a calidade, do mel é mercando produto amparado baixo identificacións de calidade, como a IXP Mel de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información