Denuncian que o mel chinés inunda o mercado español

COAG denuncia que dende 2007, as importacións de mel chinés se multiplicaron por cinco: case 7 de cada 10 quilos de mel que entraron en 2014 eran de orixe chinesa. A Asociación Galega de Apicultura defende que na etiqueta figure o país de orixe e alerta de que "o mel foráneo non ten os mesmos controis sanitarios que o mel galego"

Denuncian que o mel chinés inunda o mercado español

A normativa europea actual permite ocultar na etiqueta o país de procedencia do mel.

O sindicato COAG denuncia que “o mel chinés de baixa calidade inunda o mercado español”, unha situación da que tamén advirten os apicultores galegos. E é que segundo os últimos datos publicados sobre importacións de mel, en 2014, case 7 de cada 10 quilos de mel que entraron nas nosas fronteiras proviña do xigante asiático, consolidando a tendencia á alza que se iniciou en 2007. Dende ese ano, as importacións de mel chinés se teñen multiplicando por 5, superando por primeira vez as 15.000 toneladas na campaña pasada.

A lexislación chinesa é máis laxa en seguridade alimentaria

Dende COAG advirten de que “a importación deste mel supón unha competencia desleal para os apicultores españois, xa que a lexislación chinesa permite o uso de produtos fitosanitarios e antibióticos prohibidos na UE (non hai que esquecer que durante os anos 2002, 2003 e 2004 as importacións de mel China foron prohibidas na UE por conter residuos de antibióticos), así como unha continua presión á baixa sobre os prezos do noso mel en orixe”.

GRAFICO_evolucion_mel_china_COAG

gráfico_importaciones miel España_COAG Fonte: elaboración propia a través de datos Eurostat Comex.

“Producir un quilo de mel na UE conforme aos requisitos de calidade, seguridade alimentaria e sanidade que esixe a normativa comunitaria ten un custo que varía entre os 2,29 e 6,5 €/kg. En 2014, o prezo medio de entrada de mel chinés a España se sitúo en 1,36€/kg”, subliñou Ángel Díaz, responsable do sector apícola de COAG.

Ante esta situación, durante a reunión do próximo xoves, 14 de maio, o sector apícola de COAG reiterará o Ministerio de Agricultura que sexa obrigatorio detallar o país da orixe na etiquetaxe para garantir a liberdade de elección do consumidor. COAG leva anos denunciando a falta de transparencia que posibilita a aplicación da Directiva 2001/110/CE do Mel en España, agora modificada pola Directiva 2014/63/UE, xa que permite aos operadores etiquetar meles de fóra da UE como “mestura de meles UE-non UE” sen concretar os países nos que os meles foron recollidos, ou etiquetar como “mestura de meles non UE” sen indicar se o mel comercializado provén de China ou de calquera outro país de fóra da UE.

Para o sindicato, “esta norma vai en contra do establecido na normativa comunitaria en materia de etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimenticios xa que as lendas admitidas pola Directiva inducen a confusión aos consumidores”.

Os apicultores galegos apoian a iniciativa

Dende a Asociación Galega de Apicultura (AGA) coinciden en reclamar que se indique o país de orixe na etiqueta “pois agora mesmo hai un problema de produción e abastecemento no mercado e o lóxico é diferenciar o noso produto do foráneo para poder ter mellores prezos que o mel chinés”.

En Galicia -sinalan dende AGA- acontece algo parecido: o noso mel está moi controlado e por outro lado vemos mel foráneo que non cumpre os nosos controis, e debería haber unha diferenciación de prezos que agora non existe”, aseguran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información