Consellos básicos para o coidado das abellas no outono

Román Cid, promotor da asociación Abellas Nais, unha nova entidade que agrupa a novos apicultores da provincia de Ourense, ofrece unhas recomendacións para o coidado das colmeas durante esta tempada.

Consellos básicos para o coidado das abellas no outono

Curso de Apicultura con Román Cid en Celanova. Foto: Xesús Fariñas

A nova tempada apí­cola sen dúbida que comeza agora, no outono. Logo da esmelgada imponse unha revisión escrupulosa do estado da crí­a, aberta e pechada, da cantidade de alimento, mel e pole.

É o momento da colocación entre os dous últimos cadros de posta pechada das dúas tiras de tratamento anti-varroa, situadas, respectivamente, a 1/3 da cabeceira e traseira da colmea, pois neses cadros atópanse a maioría dos ácaros, dependendo tamén da forza do enxame.

Lembrar que os tratamentos con ácido oxálico nestas datas presentan varios problemas: por goteo morren moitas abellas e queimado haberá que repetir varias veces, causando graves danos no seu esqueleto. O seu uso debe facerse sempre baixo altas medidas de seguridade.

Nos tratamentos a base de tymol deben seguirse escrupulosamente as indicacións do fabricante. Pode haber abandono de abellas e incluso da nai.

É unha boa técnica dar varias doses de alimento estimulante, 1:1, para deixar o enxame con moitas abellas novas, que conxuntamente co peso das provisións de mel, van garantir unha boa invernada e un bo comezo na primavera.

A alimentación invernal non se aconsella e a outonal ten que ser de alta calidade, a poder ser de mel

Lembrar que a alimentación invernal non é aconsellada, pois para acceder ao alimento o enxame ten que desfacer a bola que se forma para concentrar a calor, que a perden ao subir a alimentarse.

A alimentación outonal ten que ser sempre de alta calidade, e a mellor segue a ser o mel. Moitos abelleiros confirman o dito de “media alza é máis rendible deixarlla que quitarlla “. Se proporcionamos alimento outonal débese esixir a súa composición, e tamén deberá constatarse na etiqueta o seu nivel de HMF (Hidroximetilfurfural).

Debemos deixar as piqueiras abertas en relación á forza do enxame, para asegurar unha boa ventilación e que non se humedezan nin os cadros de pole nin as paredes da colmea.

Protexer a colmea da choiva e dos ventos dominantes é básico, así como colocar pedras ou outro peso por riba da tapa.

Tamén se recomenda facer visitas logo de tempada de frío intenso para tentar as caixas e facer un cálculo do consumo. Diante das piqueiras poderá verse cera de opérculo.

No caso de pouco peso revisar. Se as abellas estiveran a morrer de fame, abellas metidas nas celas e outras no fondo caídas, diluír mel en auga morna e batuxar as abellas. Elas empezarán a se limpar e a revivir. Haberá que reducir o espazo e alimentar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información