Alemaña quere baixar o prezo do mel galego

Galicia exporta a granel ao país xermano o 25% do seu mel. Os intermediarios están a ofrecer este ano prezos por kilo entre 30 e 40 céntimos inferiores aos do pasado ano. Os apicultores galegos recomendan agardar ata finais de setembro para coñecer os prezos pechados.

Alemaña quere baixar o prezo do mel galego

Mel da IXP Mel de Galicia

Galicia produce arredor de 2 millóns de kilos de mel, un produto altamente valorado, especialmente grazas á IXP Mel de Galicia. Coñecedores do prestixio do mel galego, as grandes empresas envasadoras de Alemaña importan cada ano arredor do 25% deste total, sobre uns 500.000 kilos, fundamentalmente de apicultores da provincia de Ourense e do Sur de Lugo.

Son datos que achega Xesús Asorey, o secretario da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que lembra que “a nivel mundial segue habendo máis demanda que oferta, sobre todo de mel escuro e de calidade como é o galego, que logo as grandes envasadoras mesturan con meles de menos calidade procedentes de China e doutros países”.

Porén, este ano os intermediarios dos grandes importadores alemáns están suxerindo que os prezos deberán baixar este ano. Segundo Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, “se o pasado ano os almacenistas alemáns pagaron aos apicultores galegos polo mel unha media de 4 euros o kilo, máis IVE, este ano agárdase unha baixada que debería ser a 3,50 ou 3,80 euros /kilo”.

Unha situación que atribúe “á alianza dos grandes compradores de mel de Alemaña e de Estados Unidos para baixar os prezos”.

Os apicultores recomendan agardar a finais de setembro para ter un prezo pechado

Apicultores consultados por Campo Galego coinciden nos rumores de baixada de prezos pero recomendan agardar a finais de setembro para que os intermediarios presenten un prezo pechado.

Néstor Ogando é un apicultor profesional con 680 colmeas en A Gudiña, A Mezquita e Viana do Bolo que este ano recolleu uns 16.000 kilos de mel, un 30% menos que o pasado ano debido á seca -menos pole de carballo e de castiñeiro- e a problemas nalgúns apiarios.

Xunto a outros 70 apicultores da comarca de Viana do Bolo e da Gudiña comercializa conxuntamente o mel a través da sociedade Frutimel. Explica que “o ano pasado vendemos a granel para a exportación uns 160.000 kilos de mel para distintas envasadoras, sobre todo de Alemaña, que despois o mesturan con outros meles e o venden por toda Europa e mesmo a países do Golfo Pérsico”.

En canto aos prezos, asegura que “se o pasado ano vendémolo a 4,15 € máis IVE o kilo, para este ano os intermediarios xa nos están informando de que os prezos van baixar de 30 a 40 céntimos, pola entrada de mel de Arxentina a menor prezo”. En concreto, Néstor Ogando asegura que “estannos ofertando a 3,80 €, pero penso que ao final o terán que subir a 4”. Ata o de agora ningún dos socios de Frutimel vendeu aos acopiadores, agardando a que a finais de setembro os intermediarios oferten prezos pechados.

Benigno Basteiro: “Confio en que se manteñan os prezos do ano pasado”

Benigno Basteiro é un dos apicultores máis reputados de Galicia. Posúe arredor de 2.200 colmeas en Viana do Bolo, cunha produción que este ano rondou os 70.000 kilos de mel. Vende directamente o pole a Francia e o mel a acopiadores de Alemaña. En declaracións a Campo Galego recorda que “ata o mes de outubro non se coñecerá o prezo definitivo, unha vez que se reúnan en Madrid os principais envasadores de mel de Europa”.

Benigno confía en que se manteñan os prezos do ano pasado: “Estou en contacto con apicultores de países como Chile ou Arxentina e alí o prezo en orixe estase mantendo, polo non debería haber unha baixada en Galicia”, argumenta.

Por iso, conclúe que “os rumores que se están difundindo son unha estratexia comercial para baixar os prezos, non porque haxa unha situación de mercado que o xustifique”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información