“A administración debería esixir unha formación a quen queira poñer colmeas”

Entrevistamos a Benigno Basteiro, de Bembibre (Viana do Bolo -Ourense), un dos apicultores de referencia en España en manexo das colmeas e en mellora xenética. Das súas 2.500 colmeas extrae cada ano mel e pole que exporta a Alemaña

“A administración debería esixir unha formación a quen queira poñer colmeas”

Benigno Basteiro nun dos seus colmeares

Benigno Basteiro é un dos apicultores máis reputados a nivel de España e mesmo internacional polo seu bo manexo das colmeas e o seu programa de mellora xenética de raíñas.

Das súas 2.500 colmeas, repartidas por Viana do Bolo (Ourense), pero tamén noutros concellos galegos, extrae cada ano miles de quilos de mel e pole que exporta a envasadores de Alemaña. E é que, a parte de ser unha referencia como apicultor, tamén ten fama de ser o que máis caro vende o mel en España.

¿Como xurdiu a túa paixón pola apicultura?
Os meus avós xa tiñan colmeares e dende cativiño gustoume. Tiña un tío que tamén se dedicaba á apicultura como actividade complementaria e gustábame ir ao colmear con el.

Cando collín os apiarios dos meus avós e o do meu tío empecei a formarme e a viaxar a Francia para aprender máis de apicultura. Foi nesas primeiras viaxes cando decidín que a apicultura fose a miña profesión porque nesta zona de Viana temos dos mellores recursos en canto a flora para vivir das abellas.

Agora mesmo estamos traballando cunhas 2500 colmeas, algunhas na costa, pero a maior parte nos concellos da contorna, cunha media de produción que pode chegar aos 35 kilos de mel.

A produción varía moito dun ano para outro, e dependendo do ano improvisamos e imos facendo abella, pole ou mel. As nosas principais producións son en primeiro lugar o mel, e logo pole e abella, que facemos tanto para nós como para vender fóra. Para Alemaña vendemos practicamente todo o mel e o pole.

Hoxe estase a iniciar moita xente nova na apicultura, tanto como actividade complementaria como principal. ¿Que lles recomendarías?
Ante todo formación porque é o piar básico da apicultura. Dados os problemas de cambio climático, enfermidades e pragas, se o apicultor non está formado fracasará.

 “En Galicia hai moita apicultura de hobby que pode ser un problema sanitario para os que somos profesionais”

O futuro está na profesionalización do apicultor. Ademais, o problema é que o que non está profesionalizado e deixa que as súas colmeas morran por locke ou varroa vaille causar problemas ao apicultor profesional que está na súa contorna. E en Galicia aínda se agrava máis porque hai unha apicultura moi de hobby, de xente que ten 2 colmeas mal coidadas e que pode contaminar toda a zona por falta de profesionalidade.

Neste sentido, en Francia requiren unha formación previa, tanto teórica como práctica, para poder poñer colmeas e por aí deberíamos ir. Sen embargo aquí, tanto en Galicia como en España, non hai ningunha regulación e como sigamos así a este paso pode ser un desastre para o profesional que queira vivir da apicultura.

¿Cal é a principal ameaza para a apicultura en Galicia e en España neste momento?
A principal debilidade que hai é a varroa. É o principal problema porque non se dá controlado e non saen tampouco tratamentos alternativos. Levamos coas mesmas materias activas dende hai anos e neste momento estanse esgotando.

A clave para afrontar a varroa considero que é un bo manexo, facendo os tratamentos recomendados e aplicando as medidas de vixilancia e control, e ir alternando os produtos que sexan efectivos para evitar resistencias.

Vendes o teu mel para o mercado alemán. ¿Que diferencia o mel desta zona da montaña de Ourense?
O mel de todos os países é bo e cada flora ten as súas propiedades e non podemos dicir que o noso mel é o mellor. Podemos defender perfectamente o noso porque cada zona produce un mel diferenciado.

En canto a calidades, si que é certo que os nosos meles galegos son os de máis contido en proteínas, minerais e con menos azucres.

Pero o importante é que sexa mel, que non sexa mel adulterado e niso temos que implicarnos todos como consumidores. De feito, estamos a loitar porque se poña o país de orixe na etiquetaxe e a proporción, así como o tipo de flora do que procede. É dicir, se o meu mel vai cun 40% de queiruga, hai que poñelo na etiqueta, así como o país de orixe.

No noso caso, intentamos facer tres meles monoflorais: de queiruga, de castiñeiro e de carballo e así os vendemos. Isto permítenos diferenciarnos e competir mellor en prezo con outros meles que proceden doutros países, e que non son monoflorais.

¿Como se están a comportar os prezos do mel para os apicultores?
Ben porque non houbo colleita grande nos últimos anos, pero cando haxa boa produción van baixar os prezos. Penso que estamos a piques de entrar nunha crise do mel, porque aumentou moito o número de colmeas a nivel mundial, incrementouse bastante o prezo e, sen embargo, estase retraendo o consumo. E isto é a nivel internacional.

“A principal ameaza para a apicultura é o cambio climático”

Tamén temos que ter en conta que entraron países novos, como Turquía, con meles de moita calidade.

¿Os pesticidas son realmente a principal ameaza das abellas?
Comparto a análise pero por zona. O que nos afecta a todos os apicultores e que para min constitúe a principal ameaza é o cambio climático. Despois, os pesticidas son unha ameaza máis en zonas con agricultura industrial.

Pero os cambios bruscos e sen estacións marcadas como antes é o que máis afecta ás abellas. É dicir, o problema son as floracións, que están descontroladas, e de feito o pasado outono fun recoller castaña e estaba o froito e a flor. Isto provoca que as árbores se debiliten porque non acumulan reservas e non florecen como deberan.

E a avespa asiática. ¿Considera que en Galicia é o principal risco para a apicultura?
A vespa asiática veu para quedarse e hai que aprender a convivir con ela, como están a facer en Francia, onde levan 10 anos con esta especie invasora. A clave é facer moito trampeo e cando presiona moito no verán á abella debemos coidar máis as colmeas, con alimentación suplementaria. É dicir, se non entra proteína na colmea porque as abellas non saen a pecorear ao estar moi estresadas polas velutinas, é cando debemos colocar na colmea alimentación suplementaria.

Temos que estar preparados tamén para o escaravello, que xa está en Italia, e que acabará chegando. Hoxe é moi fácil propagar parásitos dun lado a outro do planeta e é preciso que esteamos preparados.

As baixas en nalgúns lugares de Galicia, sobre todo na costa, chegan ao 50% dun ano para outro. ¿Como é no teu caso?
Somos privilexiados porque coidamos os enxames e a porcentaxe de baixas está por debaixo do 10%. Nós en outubro, á entrada de inverno, revisamos todas as colmeas e as que se ven debilitadas ou sen raíña, retirámolas para a nave e xa as temos aquí. É dicir, temos poucas baixas porque retiramos as colmeas febles antes da invernada pero moita xente non o fai, e iso explica moitas baixas.

Estades tamén a producir cada vez máis pole. ¿De que variedades?
Quitamos un monofloral de castiñeiro que, segundo os franceses, é un auténtico luxo. Os mercados selectivos piden monoflorais e tamén o pagan case o dobre que o xenérico.

Sodes pioneiros en España en selección e mellora xenética de raíñas. ¿Por que iniciastes este camiño?
Levamos criando das mellores abellas dende o ano 2007, buscando que non sexan agresivas. Antes de que unha raíña participe no noso programa, facémoslle un test hixiénico e de produción. Cando levas uns anos en programas de selección xenética de raíñas a diferencia nótase moito.

Sen embargo, en España o sector aínda non está maduro para esta liña que penso que vai ser clave para o futuro, e prefírese de momento facer un traballo de batalla, sen pararse na calidade e en reproducir os mellores exemplares.

 “No futuro gustaríame pasar a apicultura ecolóxica”

Es un dos apicultores máis cobizados para que te inscribas na Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e vendas o mel a envasadores inscritos nesta IXP. ¿Por que non te decides a dar o paso?
Porque a produción de mel certificada pola IXP penso que debería ter unha diferencia de prezo co mercado nacional para a exportación. Se temos unha IXP que aporta cartos e unha materia prima moi boa debería ser diferenciada en prezo para o apicultor, algo que non se fai.

Ademais, os prezos deberían negociarse cada ano, cun diferencial a maiores sobre o prezo do mercado de cada campaña. É dicir, se en Alemaña me pagan o mel a 3,50 euros para a exportación, nunha IXP debería percibir como mínimo 10 ou 20 céntimos a maiores. E as condicións de pago tamén se deberían mellorar.

¿Por onde che gustaría orientar a túa explotación apícola para os próximos anos?
Non quero medrar máis en colmeas e si me gustaría seguir traballando para seleccionar máis a abella e ir a unha apicultura ecolóxica. Pero o problema é que neste momento non hai tratamentos efectivos contra a varroa en apicultura ecolóxica, e suporía incrementar as baixas no colmear.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información