Un gandeiro da Fonsagrada vese abocado a pechar polos danos dos xabaríns

Xosé Pérez, “Conde”, un gandeiro da Fonsagrada atópase nunha difícil situación debido ás desfeitas dos xabaríns nos seus prados, un problema que se está agravando nos últimos anos no rural galego.

No seu caso, denuncia que “as mandas de porcos bravos estragáronme unhas 20 hectáreas de prados, o que me vai provocar unha importante perda da colleita de herba e obrigar a resementar as pradarías”. Un gasto moi elevado, polo que baralla mesmo o pechar a explotación, unha gandaría de vacún de carne, cun total de 150 animais, dos que 70 son vacas nutrices.

E é que na súa aldea, Lamas de Campos, o problema dos danos do porco bravo van a máis, do mesmo xeito que en boa parte de Galicia. “O problema dos danos dos xabaríns multiplícase cada ano, porque cada vez teñen máis bosque e zonas abandonadas nas que resgardarse, pero hai menos superficie cultivada e por tanto menos comida, co que os poucos que traballamos a terra ou temos prados, sufrimos en solitario todos os danos”, lamenta.

Vai denunciar á sociedade de cazadores

Ademais, Xosé Pérez critica a falta de efectividade das sociedades de caza na Fonsagrada. “Aquí viñeron o último día da tempada de caza e non abateron ningún exemplar, ao contrario, espantáronos doutras zonas e trouxéronos para aquí. Non hai un sistema eficaz en Galicia para reducir a poboación de xabaríns, de forma que o dano que provoquen sexa asumible, non como agora”, denuncia.

Este gandeiro levou a súa situación, que se repite cada ano con maior gravidade, tanto ao concello da Fonsagrada como á Xunta de Galicia, sen resultados. Iso si, Xosé Pérez prevé denunciar á sociedade de cazadores, pois considera que “non están a cumprir co seu labor, xa que viñeron o último día da tempada de caza e, ademais de non ser efectivos, impiden que veñan cazadores doutras zonas”.

Velaquí o vídeo que nos remitiu onde se poden ver a desfeita provocada polos xabaríns nun dos seus prados:

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información