Sistemas para protexer as colmeas fronte aos ataques da Vespa Velutina

Publicidade
Sistemas para protexer as colmeas fronte aos ataques da Vespa Velutina

Sistema de protección frontal das colmeas ideado pola DAGA Bergantiños

As importantes perdas que están provocando os ataques da Vespa Velutina ás colmeas, están levando a apicultores e a empresas do sector a aguzar o enxeño para deseñar trampas e sistemas de protección das colmeas cos que facerlle fronte a esta praga.

Algúns deles foron presentados o pasado sábado en Arzúa dentro do Día do Apicultor que organizou a Asociación Galega de Apicultura.

Fondos trampas

Así, Salvador Martínez, da delegación de AGA de Rías Baixas, presentou un fondo trampa para a Vespa Velutina. “Trátase dun caixón que actúa como fondo sanitario que se coloca debaixo da colmea, separado por unha rede da colmea, e que actúa como trampa: a vespa asiática entra atraída polo cheiro das abellas por uns buratos de 9 milímetros que facemos nos laterais e despois xa non pode saír”, explicou Salvador.

Azucena Marques, da empresa Hipharmax, presentou unha trampa para fondo da colmea que segue a mesma filosofía. “O sistema Apishield é unha caixa con 4 aberturas en cada lado que se coloca debaixo da colmea e que tamén cumpre a función de fondo sanitario”, asegurou a representante de Hipharmax. Durante os tres primeiros días estes buratos son tapados para que as abellas se habitúen a non introducirse por eles pensando que é a entrada á colmea.

Ademais, non precisa líquido atrainte, xa que o cheiro da colmea e sobre todo da propias Velutinas mortas atrae ás súas conxéneres. É suficiente con instalar 1 destes sistemas cada 10 colmeas, se a presión das avespas asiáticas é baixa, ou 1 cada 5 se pola contra é alta.

Azucena Marques salientou que “os estudos que fixemos demostran que con este sistema a predación da Vespa Velutina nos apiarios baixa un 40%”. O seu prezo: 90 euros.

Artiluxio para protección da colmea

En canto á protección da colmea, Paco Graña, da DAGA Bergantiños presentou un sistema artesanal de protección, baseado nun que se está a utilizar en Francia. Trátase dunha protección que se coloca na piqueira e que afasta entre 35 e 40 centímetros ás avespas asiáticas da liña de vo da colmea, o punto crítico no que as Velutinas atrapan a máis abellas. “Colocámolo no verán, cando hai más ataques, e desta forma as abellas traballan con menos estrés”, asegurou Paco Graña.

En canto ao deseño, trátase dun caixón rectangular de 40×19 e cun listón de 3×2 que vai atornillado á colmea. Recúbrese na parte frontal cunha malla metálica, preferentemente de cor escura, de 13 milímetros que permite o paso das abellas pero non das Velutinas.

Novas trampas de Véto-pharma

Pola súa parte, Juan Manuel García, presentou o novo sistema de trampa e de líquido atrainte da empresa farmacéutica Véto-Pharma. García recordou que “cando máis atacan as Velutinas é cando as abellas regresan de pecorear” e que “se unha colmea está sendo atacada por entre 3 e 5 Velutinas vai ser unha afectación forte e se é por máis de 5 xa está condenada a morrer”. Neste sentido, recomendou que o trampeo para capturar raíñas fundadoras de Vespa Asiática debe realizarse de febreiro a maio e a partir de setembro.

A este respecto, salientou que o líquido atrainte que utiliza Véto-Pharma nas súas trampas “non fermenta, co cal non se reduce a súa efectividade, e ademais non atrae ás abellas”.

En canto á colocación da trampa, lembrou que debe ser próxima á piqueira. Juan Manuel García tamén salientou que “un estudo comparativo das distintas trampas existentes no mercado, revelou que a nosa é a máis eficaz, cunha media de 9 vespas velutinas capturadas por día”.

Por último, Juan Manuel García informou de Véto-Pharma está a traballar na busca de feronomas que atraian específicamente ás avespas asiáticas, para evitar que nas trampas tamén caian outros insectos. “Descubrimos esa feromona pero vimos que hai que ila cambiando para adaptala aos distintos ciclos de vida da Vespa Velutina, e nese traballo de investigación estase centrando Véto-Pharma”, asegurou o representante da farmacéutica francesa.

Sistema de protección da colmea
image_print

Una idea sobre “Sistemas para protexer as colmeas fronte aos ataques da Vespa Velutina

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información