A prohibición dos praguicidas e a loita contra a Velutina trataranse este sábado en Arzúa

A prohibición dos praguicidas e a loita contra a Velutina trataranse este sábado en Arzúa

Este sábado, 3 de xuño, terá lugar a 32ª Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (Aga) que como tódolos anos convoca ao sector apícola galego en Arzúa a participar nunha xornada cunha ampla programación.

Entre os principais asuntos están os praguicidas e a próxima prohibición de tres neurotóxicos, tiametoxan, imidacloprid e clotianidina, que é posible acadar nos próximos meses en Bruxelas. Para informarnos deste tema, a asociación convidou a Luis Ferreirim, responsable de Greenpeace da campaña “Salvemos ás Abellas” que ten como obxectivo informar á sociedade e presionar ós governos sobre a perigosidade dos praguicidas neonicotinoides que causan a morte de milleiros de colmeas ó longo do mundo cada ano e reivindicar a súa prohibición, para o cal acaban de entregar 400.000 sinaturas no Ministerio de Agricultura.

AGA continúa comprometida na loita contra a Vespa velutina e para iso tivo a iniciativa xunto co Sindicato Labrego Galego de crear a Plataforma Stop Velutina, que integran actualmente unha trintena de organizacións e sigue sumando adhesións cada día.

Vespa Velutina

Neste sentido, representantes da Plataforma explicarán o que se fixo ata agora e presentarán as seguintes accións a desenvolver, co obxectivo de que as administracións con competencias neste problema asuman a súa responsabilidade e poñan en marcha as medidas necesarias con urxencia, xa que o avance da praga está sendo imparable e en Galicia xa está presente en 2 de cada 3 concellos, quedando de momento só libre de velutina as zonas de montaña do Courel, Ancares e Macizo ourensán.

E coa finalidade de chamar a atención da sociedade e gobernos, AGA impulsará a Marcha Stop Velutina, unha marcha reinvindicativa que percorrerá as zonas máis afectadas pola praga do tártago asiático na Cornixa Cantábrica no mes de outubro.

Arpa eléctrica para protexer as colmeas

Tamén durante a xornada o Grupo de Innovación de AGA ofrecerá ós asistentes un obradoiro para aprender a construír un sistema de protección de colmeas fronte Vespa velutina, a arpa eléctrica, para poñer en funcionamento durante o verán cando se dea o ataque máis forte nas colmeas.

Outros asuntos interesantes que se tratarán na xornada serán as aplicacións de apiterapia, nun obradoiro práctico que impartirá o apiterapeuta José Castro, e na feira de material apícola, aberta durante todo o día, amosaranse as últimas innovacións apícolas, como a colmea termosolar ou o método Astiz, un novo sistema de protección fronte a velutina. Haberá tamén un espazo con actividades para nenos e nenas durante toda a mañán e teremos un xantar para disfrutar con tódalas persoas que se animen a acudir á esta cita abelleira.

Programa da xornada:

No Local da AAVV de Santa María:

Ás 10 h. A postura de Bee Life ante a nova PAC e os neonicotinoides, por Laura García, asesora xurídica de AGA.

Ás 10:30 h. Salvemos ás abellas, por Luis Ferreirim de Greenpeace.

Ás 11.30 h. Presentación da Plataforma Stop Velutina, por Laura García de AGA e Diego Sánchez de SLG, e presentación da Marcha Stop Velutina, por Paula Souto de AGA.

Ás 12 h. Primeiras conclusións do estudo da arpa eléctrica para a protección das colmeas fronte a Vespa velutina, polo GOI Grupo Operativo de Innovación de AGA.

Ás 13 h. Asemblea de Erica Mel.

Ás 14 h. Xantar abelleiro.  Na pulpeira de Santa María (ó lado das nosas instalacións). Reservas tel. 696 222 153

Ás 16.30 h. Obradoiros de construcción de arpas eléctricas contra a velutina. Todo o que precisas saber para facer a túa propia arpa. Por membros do GOI.

Na aula do Centro do Queixo, ás 17 h.: Obradoiro práctico de apiterapia, por José Castro, apiterapeuta. Se tes algún problema de saúde e queres saber se as abellas che poden axudar.

Na nave de Erica, durante todo o día: Feira de material e innovacións apícolas. Lyson, Macmel, Apícola Carballal, Angel Romero, Colmea Autoframe, presentación da colmea termosolar por Celso Cadahía e Leona Rehakova e o método  Astiz de loita contra a velutina por José Mª Bello da DAGA Morrazo.

Na biblioteca do Centro do Queixo, de 10 a 14 h.: Espazo infantil  para os pequenos abelleiros e abelleiras.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información