Prevese que a colleita de mel descenda este ano ata un 50%

Prevese que a colleita de mel descenda este ano ata un 50%

Apicultor inspeccionando as colmeas

As xeadas da primavera xunto á forte seca deste verán están provocando que a colleita de mel descenda este ano notablemente en Galicia, ata un 50% segundo as estimacións do sector. Un descenso que tamén se rexistra a nivel mundial polo que se prevé un incremento dos prezos, cara os meses de outubro e novembro.

Xesús Asorey, secretario técnico da Asociación Galega de Apicultura (Aga) afirma que “en xeral a colleita deste ano vai ser mala, a peor en anos, e agardamos un descenso de arredor do 50% respecto a un ano normal”.

“A campaña comezou en primavera cunha floración adiantada do eucalipto, que foi moi ben, sobre todo para os que fixeron a colleita primaveral, pero as xeadas de primavera e logo a forte seca acabaron coas boas previsións, ao estragar a floración das principais especies melíferas como o castiñeiro, a silva ou a queiruga”, explica Asorey.

A zona máis afectada é a provincia de Ourense, tamén a de maior produción de mel en Galicia.

En canto aos prezos, aínda que de momento é cedo, o responsable de Aga vaticina que “van subir porque houbo unha colleita mala de mel a nivel mundial, non só en Galicia, e superaranse os 4 euros de media que percibiu o apicultor o ano pasado”.

Esther Ordóñez (IXP Mel de Galicia): “Os prezos do mel van subir”

Pola súa parte, a presidenta da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, Esther Ordóñez Dios, tamén coincide en cualificar como malo este ano para a apicultura en Galicia, aínda que matiza que “hai bastante disparidade segundo as zonas, con boa colleita de mel na costa, e moi baixa e mesmo case nula para algúns apicultores en comarcas como Verín, Viana ou A Gudiña”, as principais produtoras de mel en Galicia.

A presidenta de Mel de Galicia tamén prevé que “os prezos van subir, porque houbo tamén mala colleita no resto de España”. En canto ás empresas envasadoras amparadas pola IXP, Esther Ordóñez recoñece que “nalgúns casos van ter que parar os seus plans de expansión a novos mercados pola falta de mel, aínda que tamén é certo que as grandes empresas envasadoras fan acopio para asegurar o subministro aos seus mercados”.

A importancia de alimentar ás abellas no outono

A forte seca que estamos a padecer tamén está a debilitar aos enxames, xa que hai unha menor floración na natureza.

Ante esta situación, Xesús Asorey recomenda aos apicultores que despois da esmelga alimenten aos enxames cun xarope azucarado. “É moi importante que despois de quitarlle o mel, avaliemos o estado das colmeas, e durante este outono lle subministremos un xarope con azucre (2 kilos de azucre por 1 litro de auga) para estimular á raíña a que poña ovos e se críe así unha nova xeración de abellas que pase o inverno”, explica o responsable de Aga.

“Os enxames en xeral están bastante debilitados e é moi importante facer esta alimentación artificial agora no outono”, conclúe Xesús Asorey.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información