Os apicultores pídenlle á Xunta que homologue os afumadores antifaíscas

Os apicultores pídenlle á Xunta que homologue os afumadores antifaíscas

Afumador antifaíscas

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) reuniuse esta semana coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, para tratar diferentes cuestións do sector.

Unha das demandas que lle trasladou AGA á Xunta foi a de que se homolguen en Galicia afumadores antifaíscas para que os apicultores galegos os poidan utilizar durante o verán. A actual Lei de Prevención e de Defensa contra os Incendios Forestais obriga aos apicultores a utilizar estes dispositivos cun sistema antifaíscas durante o período de risco de incendios, normalmente entre os meses de xullo e setembro.

“O afumador é un aparello imprescindible para o abelleiro durante o verán, polo que o temos que seguir utilizando, pero ao mesmo tempo tampouco están homologados os afumadores antifaíscas, polo que os apicultores se atopan nun limbo e nunha situación de inseguridade”, explica Xesús Asorey, secretario xeral de AGA.

Os responsables de Montes deberán dar o visto bo á homologación

Na actualidade xa hai varios destes dispositivos no mercado, cunha plancha metálica con buratiños que evita que salten faíscas do afumador. “É algo menos práctico que o normal porque túpese con frecuencia e hai que andar limpando, pero de momento é a única ferramenta á que nos podemos acoller para traballar de forma legal e non expornos a sancións”, engade Paula Souto, técnica de AGA.

A resposta por parte da Consellería do Medio Rural a esta petición é que “a decisión valorarase en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Producción Forestal”, responsable da política de loita contra os incendios forestais, segundo informa o departamento que dirixe Ánxeles Vázquez.

Polo demais, na reunión entre Belén Docampo e AGA falouse da axudas do Plan Apícola, un punto no que Xesús Asorey demandou “un reparto máis xusto entre as distintas asociacións representativas do sector” e que se adecúe a partida das axudas ao incremento do número de colmeas, xa que na última convocatoria solicitáronse axudas para arredor de 107.000 colmeas.

Por último, a directora xeral informou de que proximamente volverán ser convocados a outro encontro con todas as asociacións que representan ao sector apícola galego para dar a coñecer as actuacións desenvoltas no marco do plan de vixilancia e control da Vespa Velutina 2016.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información