Os apicultores lanzan a campaña “Stop Vespa Velutina”

Consellos da Asociación Galega de Apicultura para elaborar trampas caseiras contra a vespa asiática. Tamén se inclúen charlas informativas e un acto específico con motivo do Día da Abella.

Os apicultores lanzan a campaña “Stop Vespa Velutina”

Vespa crabro, autóctona, á esquerda, e Vespa Velutina, ou asiática, á dereita.

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) ven de presentar o programa STOP Velutina ou avespa asiática, unha especie invasora, diferente do avespón galego ou Vespa Crabro, que está a ocasionar importantes danos aos abelleiros.

A campaña comprende varias actividades na primavera consistentes en charlas informativas nos concellos máis afectados e na colocación de trampas para capturar raíñas fundadoras nas zonas onde está presente esta avespa e así evitar o maior número posible de niños para o verán

Nesta campaña colaboran varios concellos e outras entidades. Tamén se utilizarán as trampas, cos seus atraentes, distribuídas pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

Consellos para elaborar trampas caseiras

Dende AGA recomendan realizar o trampeo en zonas próximas a apiarios e onde se teña detectado a velutina en marzo, abril e maio.

O tipo de trampa e atraente poden ser caseiras ou comerciais. As caseiros prepáranse con viño branco e cervexa ao 50% con restos de cera vella e algunha velutina.

A trampa débese colgar a unha certa altura do chan (1,5 m), nun sitio soleado e resgardado do vento. A cantidade de atrainte a empregar será de entre 100-150 ml, e será renovado cada 7-15 días para evitar fermentacións.

O número de trampas a colocar nos apiarios serán na proporción de 1 trampa por cada 10 colmeas, 2 ata 25 colmeas, 3 ata 50 colmeas e 4 con máis de 50 colmeas.

En todo caso, como regra xeral, ante a detección dun niño de Vespa Velutina recomendan chamar ao 112, central de emerxencias. Se se confirma chamar ao 012.

Velaquí un vídeo explicativo sobre como elaboralas:

Charlas informativas da campaña Sotp Velutina:

Dende o mes de febreiro ata maio, AGA está impartindo charlas informativas sobre a Vespa Velutina por toda Galicia dentro do programa “Stop Velutina”.

Os contidos que se abordan son:

1.- O que compre saber sobre a vida e comportamento da vespa velutina nigrotorax.
2.- O avespón asiático unha ameaza real. Colectivos afectados.
3.- Como comportarse ante a presenza da V.Velutina.
4.-Vixianza e control, colocación de  trampas para capturar raÍñas fundadoras na primavera, eliminación de niños no verán e outono, quen deberá facer esta labor.
5.- Demostración de elaboración de trampas e atraentes para capturar raíñas fundadoras.

Calendario de charlas:

O Vicedo – 17/03 na Casa da Cultura ás 20 h.
Mondoñedo – 18/03 no Centro Comarcal ás 20 h.
Ourol – 19/03 no Edificio Multiusos do Concello ás 20 h.
Culleredo – 21/03 no Xardín Botánico de 11 h. a 14 h.
Tomiño – 25/03 na Casa da Cultura ás 20 h.
Vigo – 26/03 na Casa dos Montes de Valadares ás 20 h.
San Sadurniño – 22/05 no CEIP pola mañán

Calquera persoa interesada pode participar nestas actividades e a entrada é de balde.

Celebración do Día da Abella

O día 21 de marzo de 2015, no Xardín Botánico de Culleredo, DAGA-Coruña e o Concello de Culleredo organizan conxuntamente o Día da Abella, este ano adicado a realizar a campaña informativa e de sensibilización “Stop Velutina” ante a presenza dunha especie invasora, a Vespa Velutina Nigrotorax ou avespa asiática, que está causando moitos problemas aos apicultores e apicultoras, aos madeireiros e fruticultores e tamén representa un perigo para a poboación en xeral e para o medio ambiente.

Programa:

Ás 11 h.: Audiovisual sobre a velutina e mesa redonda con persoas afectadas.

Ás 12.30 h: Concursos. Poderán concorrer persoas individualmente ou en grupo e un xurado concederá un premio por cada concurso nas seguintes modalidades:

1.-Ideas á mellor maneira de combater a velutina. Premio á mellor idea.
2.-Presentación de trampas e outros. Premio á mellor trampa.
3.- Captura de raíñas. Premio ao que máis raíñas velutinas presente durante esta xornada.

Ás 13.30 h.: Acto de entrega de premios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información