Os abelleiros da Baixa Limia buscan potenciar o Mel do Parque Natural do Xurés

Os abelleiros da Baixa Limia buscan potenciar o Mel do Parque Natural do Xurés

Reunión da Primeira Xuntanza de Abelleiros da Baixa Limia

Este pasado sábado celebrouse no Local Multiusos de Lobios a Primeira Xuntanza de Abelleiros da Baixa Limia. Máis de 50 apicultores asistiron a unhas charlas técnicas sobre tratamentos contra a varroa e certificación do mel ecolóxico, así como das oportunidades de mercado que lles abre o proxecto “Destino Xurés”, unha iniciativa do Concello de Lobios para potenciar o turismo, os servizos e os produtos alimentarios da zona.

Precisamente, o colectivo de apicultores máis profesionais e de xente máis nova amosou moito interese na necesidade de potenciar unha marca propia para o mel producido no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, ao igual que xa están a facer os apicultores do Eume ou de Trevinca.

Actualmente, a maior parte do mel que se produce nos concellos do Parque Natural (Lobios, Lobeira, Entrimo, Muiños, Bande e Calvos de Randín) véndese a granel e no mercado local, e sen unha diferenciación en prezo, con respecto ao doutras zonas. Unha falta de valoración que se produce malia tratarse dun mel escuro, de alta calidade cunha gran concentración de minerais, e producido nunha zona de alto valor, por tratarse dun Parque Natural no que case non existe contaminación por pesticidas e que ademais é Reserva da Biosfera.

Asociarse para abaratar custos, acordar prezos e potenciar a produción de mel ecolóxico

Neste sentido, o obxectivo dos abelleiros é impulsar unha asociación para a compra de material en conxunto e para a formación técnica con expertos. Paralelamente, outra finalidade é diferenciar e crear valor engadido cunha marcha propia de Mel do Parque Natural do Xurés, amparada tamén cos selos da IXP Mel de Galicia, e opcionalmente, co do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica (Craega).

“E é que o mel ecolóxico ten máis demanda que oferta, sobre todo fóra de Galicia, onde máis posibilidades de mercado existen para este tipo de produtos”, destaca Amable Pérez, apicultor en ecolóxico coa marca Ecomel.

Está previsto que ao longo das próximos semanas se convoque unha nova reunión para impulsar esta asociación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información