No que vai de ano a Xunta retirou ou inactivou 7.015 niños de Vespa Velutina

No que vai de ano a Xunta retirou ou inactivou 7.015 niños de Vespa Velutina

Niño de Vespa Velutina

A Xunta de Galicia, a través do Plan de Vixilancia e Control da Vespa Velutina, retirou ou inactivou no que vai de ano 7.015 niños deste insecto en toda Galicia, a maioría na provincia da Coruña, 4.451. En Lugo foron 743, en Ourense 34 e en Pontevedra, 1.787.

A primeira vez que se detectou en Galicia a presenza de velutina foi en 2012, nese momento actuouse sobre dous niños na nosa comunidade. Dende febreiro de 2014, cando a presenza deste insecto dou un salto cuantitativo, está en funcionamento o Plan de Vixilancia e Control impulsado por esta Consellería, co que se interveu sobre 572 niños.

Pero se ata 2015 era a Consellería do Medio Rural en solitario a que retiraba os niños (en todo o ano pasado foron 5.045) este ano sumáronse a este plan outros departamentos como as Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, concellos, a través da Fegamp, ademais de asociacións apícolas. Así, coa súa incorporación, repartiuse o mapa territorial de Galicia e definíronse as situacións nas que actuaría cada institución para que, a través desta coordinación, cada aviso fose xestionado de forma máis rápida e eficiente sen duplicar accións.

No que vai de ano se retirou un 40% máis que en todo o 2015

A retirada ou inactivación de niños non foron as únicas accións que desenvolveu a Xunta contra a presenza da vespa velutina na nosa comunidade. A Consellería do Medio Rural ten entregado trampas e líquido atraente aos apicultores dos concellos afectados co obxecto de realizar o trampeo de primavera, destinado á recollida de raíñas do insecto invasor tras a súa hibernación. Cada raíña capturada supón un niño menos na tempada seguinte. No 2016 entregáronse ata 2.100 trampas e botes de líquido, e esta entrega únese ás 3.000 trampas e botes de líquido atraente xa entregadas aos apicultores no 2015.

Protección para o persoal

Ademais, Medio Rural e o resto de departamentos colaboradores achegaron 436 Equipos de Protección Individual a traballadores que desenvolven as tarefas do Plan de Vixilancia e Control, así como 73 pértegas a concellos, Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) e ás asociacións apícolas que o solicitaron. A estas cifras habería que sumar tamén o material adquirido por esta Consellería para o seu propio persoal e que xa foi adquirido en anos anteriores.

Medio Rural lembra que a Vespa velutina non é máis perigosa para as persoas que a vespa autóctona (Vespa crabro). En todo caso, existe un teléfono específico para alertar da presenza deste insecto, o 012.

Xornadas apícolas este sábado en Barbadás

Este sábado, 12 de novembro, a Agrupación Apícola de Galicia celebra en Barbadás (Ourense), no Centro Transfronteiro Empresarial, no lugar do Pontón.

O programa é o seguinte:

10:30. Axudas para explotacións apícolas. Incorporacións, agroambientais e GDR. Agronovo Ecoloxía S.L.

11:00. Tractus. Programa de trazabilidade apícola. Agronovo Ecoloxía S.L.

11:30. Vespa velutina en Ourense. E agora que? Formas de loita e inventos de socios.

13:00. Taller de alimentación artificial para colmeas. Previa inscripción Agrupación.

Pausa comida

16:00. Taller práctico de recuperación de cera e traballos material invernada.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información