Instan á UE a “mollarse” e considerar a Vespa Velutina “un problema europeo”

A eurodeputada Lidia Senra presentou co Secretario Xeral de AGA a xornada “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa”

Instan á UE a “mollarse” e considerar a Vespa Velutina  “un problema europeo”

Xesús Asorey e Lidia Senra na presentación da xornada

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lidia Senra, instou hoxe pola mañá ás institucións da Unión Europea a que “se mollen” e “tomen conciencia” de que a praga da vespa velutina é un “problema europeo”, non só dun Estado ou dun país, xa que afecta a moitos deles, e débense poñer en marcha “medidas conxuntas xa para atallala”.

Así o asegurou Lídia Senra en Santiago de Compostela, onde ofreceu unha roda de prensa, acompañada por Xesús Asorey, Secretario Técnico da Asociación Galega de Apicultura (AGA), para presentar a xornada “Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa”, que terá lugar no Parlamento Europeo o vindeiro 3 de marzo, co obxectivo de debater sobre a afección da Vespa Velutina e os efectos dos pesticidas neonicotinoides nas abellas e explorar a necesidade de deseñar novas políticas para preservar as abellas en Europa.

A eurodeputada galega enmarcou a proliferación da vespa velutina nas dinámicas que se están vivindo nos últimos anos en toda a UE, que inclúen a aparición de novas enfermidades e de novas pragas derivadas da globalización e do cambio climático. Neste sentido, defendeu a importancia de que a loita que están levando a cabo asociacións e apicultoras e apicultores en Galiza para facerlle fronte a esta praga chegue ao Parlamento Europeo. Senra destacou que na xornada do 3 de marzo en Bruxelas participarán asociacións “que están loitando case en solitario e de maneira heroica contra a vespa”.

AGA repartirá este ano 3000 trampas en 171 concellos galegos para capturar raíñas de Vespa Velutina

Pola súa banda, Xesús Asorey, Secretario Xeral de AGA, asegurou que a praga da vespa velutina é o máis recente indicio da perigosidade na que se atopa a día de hoxe o medio. “Antes viñeron outras pragas e máis que virán”, dixo. Así, explicou como a partir do ano 1994, tras o inicio do uso dos chamados insecticidas sistémicos elaborados polas multinacionais agroquímicas, a taxa de mortalidade en Galiza das abellas pasou de estar en ao redor do 10% ao 30%.

Desde AGA, vendo que “as Administracións non poñían o mono de traballo”, decidiron poñer en marcha todo un programa para loitar contra a vespa velutina. Baseándose na experiencia de Francia, decidiuse apostar en Galiza por activar un plan para capturar as abellas raíñas fundadoras cando están invernando, xa que cada raíña que se capture será un niño que se evite de cara ao verán. Así, en colaboración cuns 300 apicultores e apicultoras de toda Galiza, esta primavera colocaranse unhas 3.000 trampas na zona costeira galega para as abellas raíñas velutinas.

Será en 171 concellos galegos afectados e os datos deste plan serán comunicados á Universidade de Vigo para poder estudar a súa repercusión. O obxectivo é capturar 30.000 raíñas, co fin de artellar un plan de choque que tería efectos inmediatos na praga actual. Pola súa banda, a Universidade de Vigo investigará novas trampas e produtos atraentes que xa hai no mercado e que se poden fabricar a nivel caseiro para frear a proliferación da velutina.

Pídenlle á UE que investigue a praga e que active axudas para os apicultores

Desde AGA esíxenlle á UE que se poña a investigar xa esta praga que afecta a toda a cornixa cantábrica, Portugal, Francia e Sur de Inglaterra e que seguirá expandíndose. “A Unión Europea ten que poñerse a traballar e ser un centro de referencia na loita contra a velutina”, exclamou Asorey, xa que “se non hai maior investigación, non poderemos combater este problema”.

Igualmente, Asorey tamén lle pediu á Unión Europea que se activen indemnizacións. “En toda a Galiza costeira, sobre todo na Mariña lucense, hai apicultoras e apicultores que quedaron case sen abellas. Débense dar axudas por estas perdas e para poder trasladar colmeas e comezar de novo. Para iso, a UE ten que declarar a vespa velutina praga”, reclamou.

Asorey aproveitou tamén para denunciar a descoordinación que neste tema hai non só a nivel da Unión Europea senón tamén a nivel galego. “A Xunta de Galiza ten que poñerse á fronte e coordinar un plan de choque efectivo”, zanxou.

Descarga aquí o programa da xornada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información