Fenosa esíxelle 54.000 euros a un gandeiro de Portomarín por mellorar a potencia eléctrica

Fenosa esíxelle 54.000 euros a un gandeiro de Portomarín por mellorar a potencia eléctrica

Julián Rivas Váquez despois de presentar a reclamación na delegación da Xunta en Lugo

Unión Fenosa-agora Naturgy- esíxelle 54.000 euros a un gandeiro de Portomarín por un pequeno incremento na potencia eléctrica da súa gandería para pode instalar un sistema de lavado automático na sala de muxido da explotación.

O sindicato Unións Agrarias presentou este xoves no rexistro da Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, un escrito no que denuncia, diante da Consellería de Industria, o que considera “un abuso escandaloso que Unión Fenosa Distribución, quere perpetrar contra Julián Rivas Váquez”, un gandeiro titular dunha explotación de leite do lugar de Caborrecelle, no concello de Portomarín.

Esta cifra desorbitada débese a que a compañía eléctrica catalana quere cargarlle en exclusiva ó gandeiro o custe de 728 metros de tendido eléctrico e a ampliación do centro de transformación de San Xulián, a parroquia na que está Caborrecelle.

Piden que interveña a Xunta de Galicia

“Trátase dunha proposta que ademais de profundamente inxusta, resulta completamente descabellada, xa que pretende descargar nun particular a carga da mellora da rede eléctrica que é da súa exclusiva competencia”, denuncian dende Unións.

Na explotación familiar de Julián Rivas acaba de incorporarse o fillo a través das axudas a incorporación de mozos, co obxectivo de manter a granxa aberta no futuro. “Unha realidade -advirten dende o sindicato- que non vai ser posible ante o escandaloso abuso como o que pretende inflixirlles Unión Fenosa Distribución”.

Ante esta situación dende Unións Agrarias reclaman á Xunta de Galicia que “active os mecanismos de control pertinentes para evitar que se consume unha fraude e un atentado evidente contra os dereitos dos consumidores”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información