A Deputación de Lugo formará man de obra para o sector gandeiro e forestal

A Deputación de Lugo formará man de obra para o sector gandeiro e forestal

A falta de man de obra é un dos principais problemas nas ganderías

A responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, presentou, este mércores, na Axencia de Colocación do Pazo de San Marcos, unha nova liña de formación para a reconversión profesional de 60 veciños en sectores produtivos da provincia que requiren de man de obra cualificada, como son no ámbito forestal e agrogandeiro. Así llo trasladaron á responsable de Emprego as agrupacións profesionais destes sectores.

López Izquierdo explicou que en Lugo existe unha necesidade de persoal cualificado nas empresas dos sectores forestal, silvícola e gandeiro, que hoxe en día non hai. Tendo en conta esta situación, o goberno provincial decidiu pór en marcha esta programación para dar resposta á necesidade do tecido empresarial, crear emprego no rural e buscar unha solución á problemática do relevo xeracional que existe nestes ámbitos profesionais. Trátase da liña de capacitación profesional do DesenvolvendORural, o plan de Deputación de 2,2 millóns de euros para xerar emprego e poñer en valor o rural.

Unha vez rematados os obradoiros, estableceranse bolsas de emprego dirixidas a estes participantes. Espérase acadar logo do proceso formativo unha inserción laboral, como mínimo, do 80% dos participantes.

3 obradoiros con 900 horas de formación

López Izquierdo destacou que con esta liña de formación gratuíta, ofreceranse case 900 horas de formación a través de 3 obradoiros, cunhas 20 prazas cada un. Serán impartidos por Unións Agrarias, ASEFOGA e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo, e terán lugar todos eles na cidade de Lugo nun horario de 9:00 a 14:00 horas.

As persoas interesadas en participar nalgunha destas tres accións formativas poderán formalizar a súa inscrición a través da Axencia de Colocación da Deputación de Lugo ata o vindeiro 30 de xaneiro. Máis información na súa web ou no teléfono 982260204 .

Os cursos son:

– Formación para granxas de leite e carne (Unións Agrarias). É un obradoiro que conta con 365 horas de formación coas que os participantes recibirán as competencias para traballar en granxas de leite e carne. Divídese en 4 eixos temáticos: manipulación de fitosanitarios, benestar animal, seguridade e saúde no traballo. Tamén se afondará na rutina e actividades específicas do día a día nas explotacións de vacún de leite.

– Formación básica forestal (ASEFOGA). Ofrece 200 horas de aprendizaxe para formar aos alumnos no ámbito do aproveitamento forestal. Engloba catro aspectos: método de repoboación, aspectos xerais da silvicultura, coidados culturais, seguridade e saúde no traballo, e as actividades específicas no desenvolvemento das labores nas explotacións forestais.

– Formación en transformación da madeira (Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo). Dispón de 300 horas de formación encamiñadas a dotar aos traballadores participantes de competencias xerais precisas para traballar en empresas de transformación. O aproveitamento dos produtos forestais, manexo de equipos, máquinas e ferramentas en condicións de seguridade ou prevención de riscos laborais, son só algúns dos ámbitos nos que se formarán os participantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información