Advirten de que a vespa velutina pode poñer en perigo a seguridade alimentaria da UE

Na xornada Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa que se desenvolve en Bruxelas lembran que o 80% dos cultivos europeos dependen da polinización mediada por animais. Demandan un plan institucional conxunto e coordenado a nivel europeo para facer fronte ás consecuencias da praga da vespa velutina

Publicidade
Advirten de que a vespa velutina pode poñer en perigo a seguridade alimentaria da UE

Xornada celebrada hoxe no Parlamento Europeo

Os ponentes da xornada Afrontando retos para a supervivencia das abellas en Europa que hoxe se desenvolve no Parlamento Europeo advertiron de que que a expansión da Vespa velutina pode poñer en perigo a seguridade alimentaria da Unión Europea.

A xornada está organizada pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra, quen destacou que o obxectivo desta xornada é “facer unha chamada de atención ao Parlamento Europeo e á Comisión sobre a grave problemática que estamos enfrontando”.

Durante a primeira parte da xornada, centrada nos plans de loita contra a vespa velutina, Gilles Lanio, Presidente do Sindicato de Apicultores de Morbihan e da Union Nationale de l’Apiculture Française (UNAF), aportou claves sobre as características da expansión da vespa velutina “as primeiras larvas son moi pequenas, pero ao final de cada ciclo pódense dar centos de raíñas”.

Tamén destacou que é unha especie depredadora non só das abellas, senón doutro tipo de polinizadores, “no rural depredan un  60%  dos insectos e 40% abellas, en tanto que nas vilas é ao revés”. Ademais, teñen unha predilección polas plantas asiáticas, polo que “é importante identificalas para ubicar aí as trampas para as raíñas nai”,  tamén lles gustan as ameixeiras e os plataneiros.

Como afrontan a praga da vespa asiática en Francia?

Os apicultores/as franceses, dos primeiros de Europa en identificar a presenza da vespa velutina fai máis de dez anos recibiron moitas críticas polas campañas que levaron adiante, fartos xa da inoperancia da Administración francesa. “O 2014 foi unha auténtica catástrofe porque seguimos as instrucións que nos deron dende as institucións, pero no 2015, cos nosos plans, conseguimos facela recuar por primeira vez”.

Apicultor francés: “No verán hai que evitar poñer demasiadas trampas nas colmeas”

Lanio aconsellou que dende o verán “hai que evitar poñer demasiadas trampas nas colmeas, porque van vir moitas vespas asiáticas, pero non raíñas, senón obreiras, e pode supor problemas para a colmea”. Tamén resaltou que hai que poñer trampas “nos lugares onde antes se puxo alimento para elas”.

Logo alertou de que hai trampas que se poden introducir nas colmeas, “pero non dan bon resultado porque estresa moito ás abellas, que poden deixar de criar, polo que  non se deben colocar as trampas nas colmeas”.

Máis do 80% dos cultivos europeas dependen dos animais polinizadores

Seguidamente, Sandra Rojas, Doutora en Bioloxía na Universidade de Vigo e unha das coordenadoras do plan contra a vespa velutina posto en marcha por AGA, achegou as claves deste Plan de estudo e monitoreo das medidas de control do avispón asiático invasor.  Rojas, que resaltou que a polinización mediada por animais é “un proceso esencial para o mantemento da biodiversidade, o  funcionamiento dos ecosistemas e o benestar humán” e que máis do 80% dos cultivos europeos dependen desta polinización”.

Rojas advertiu de que os animais  polinizadores “están a afrontar  globalmente unha crise causada polo cambio climático, a alteración da paisaxe, a intensificación agrícola, o propagamento de axentes patóxenos e, en especial, a presión de especies invasoras; (…) a vespa velutina constitúe o primeiro caso exitoso dunha invasión de véspidos en Europa”.

E é que esta vespa acadou en apenas dez anos os Estados español, francés, portugués, belga, italiano e alemán e, “dacordo con modelos predictivos”, especificou Rojas, “a invasión pode alcanzar á maioría de países europeos”. Na Galiza, concretou, “os primeiros rexistros son de 2012 e xa ten colonizadas todas as áreas costeiras”. De entre todos os impactos negativos da presenza desta especie invasora, Sandra Rojas destacou como o máis forte aquel que se relaciona co seu comportamento como depredador de insectos como abellas, bolboretas e outros polinizadores.

Problemática en Asturias e no País Vasco

A continuación, Carlos Peña Gómez, da asociación vasca BAMEPE destacou que “percíbese claramente un descenso do número de vespas e abellas”. Peña destacou que é importante que non centremos este problema nos apicultores e apicultoras, “porque os danos non son só para a apicultura, este é un problema de toda a sociedade”, repetiu,  polo que “as actuacións deberían estar sendo lideradas polas administracións, téñense que implicar, non podemos ser só o sector apicultor”. Asemade, reiterou que o camiño ten que ser colectivo e coordenado, “alédome de que pouco a pouco nos vaiamos informando e poñendo esforzos en común”.

Dende Asturias, Carlos Marín Barcaiztegui, da Federación de Apicultores de Asturias (FAPI) foi o encarregado en pechar este primeiro panel da mañá. Situou que Asturias foi a última comunidade costeira en atoparse a velutina, “houbo un momento en que estabamos cercados polos extremos, dun lado Galiza, doutro lado Cantabria”.

Barcaiztegui lamentou que  o sistema de confirmación de casos de vespa velutina “moitas veces pódese demorar mesmo durante meses”, polo que moitos apicultores e apicultoras “non poden solicitar que se ubiquen trampas para a vespa velutina debido a esta demora por parte da Administración. Nalgunhas ocasións “até teñen desaparecido solicitudes de trampeo”.

Ademais solicítanlle un inventario de insectos que “caen nas trampas”, “pero para os apicultores é complicado, por falta de coñecemento e tempo,  e ademais cremos que o que se busca é compilar datos para a Administración de xeito gratuíto”. Dende a FAPI tamén se mencionou que no ano 2011 o propio Parlamento Europeo presentou un informe sobre a problemática da vespa velutina.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información