Advirten da necesidade de retirar niños primarios de Vespa Velutina

Advirten da necesidade de retirar niños primarios de Vespa Velutina

Niño de Vespa Velutina

A retirada de niños primarios de Vespa Velutina é crucial nesta época do ano para evitar a expansión da vespa asiática e pode realizarse de forma sinxela e sen perigo. Esta foi unha das recomendacións do entomólogo e divulgador Lolo Andrade, durante a 31ª Mostra Galega de Apicultura que a Asociación Galega de Apicultura celebrou este sábado en Arzúa.

Os niños primarios son aqueles construídos por unha raíña de Vespa Velutina tras saír do período de aletargamento invernal. Neles a raíña pon os ovos que darán lugar á primeira xeración de vespas obreiras, e que crearán un niño secundario.

Os niños primarios de Vespa Velutina teñen as seguintes características:

-Adoitan medir 4 centímetros de ancho por 6 de alto.

-Teñen forma ovalada cun buraco na parte inferior. Serven para protexer ás larvas de Vespa Velutina da luz, pois estas son fotosensibles.

-As raíñas de Vespa Velutina adóitano construír en soportais, garaxes e sobre todo nas esquinas das portas, para buscar calor e protección.

-As raíñas adóitanse mover nun radio máximo de 200 metros ao redor do niño para capturar insectos e ter auga.

-Os niños adoitan estar preto de camelias, rododendros ou hedras, plantas que tamén existen no seu medio orixinario en Asia e que serven ás raíñas como fontes de alimentación.

Consellos para a retirada:

Aínda que o recomendable é chamar ao 012, segundo Lolo Andrade tamén se poden retirar sen perigo, xa que a tendencia natural da raíña é de fuxida e só picaría no caso de que se collese coa man.

Unha vez localizado e comprobado que se trata dun niño primario de Vespa Velutina, para a súa retirada recoméndase:

-Realizar a retirada cara ao anoitecer, de noite ou ao amencer, para asegurarnos de que a raíña está dentro do niño.

-Para matar á vespa raíña e ás larvas utilizar unha botella de plástico de 1,5 litros de auga, cortada pola boca. Aplicar no seu interior un insecticida -Zapi Garden é un dos que mellor funciona- e colocar a botella rodeando ao niño; esperar 40 segundos para que o insecticida mate á raíña e ás larvas e retirar o niño cunha espátula.

Lolo Andrade destacou que por cada niño primario que retiremos evitaremos ata 50 niños ao ano seguinte. Neste sentido, fixo un chamamento ás administracións para que se impliquen na divulgación desta campaña de retirada de niños primarios.

Exemplo de cartel informativo sobre a retirada de niños primarios de Vespa Velutina elaborado por Lolo Andrade e que xa se atopa nun bo número de concellos da Coruña e de Lugo:

VELUTINA_NIÑO_PRIMARIO_LOLO_ANDRADE

Descarga aquí o cartel en pdf para repartir no teu concello

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información