A Xunta apoia o novo centro de extracción e envasado de mel na Veiga

A Xunta apoia o novo centro de extracción e envasado de mel na Veiga

Sinatura do convenio

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o alcalde do concello ourensán da Veiga, Juan Anta, asinaron este luns un convenio de colaboración para a posta en marcha dunha industria de extracción e envasado de mel e derivados no lugar de Prada.

A través deste acordo, a Consellería achegará 60.000 euros para acondicionar a planta baixa da residencia do antigo poboado de Prada. O orzamento total das obras ascende a 135.416 euros e o proxecto inclúe toda a maquinaria e infraestrutura necesaria para a extracción e envasado de mel. O resto da contía será facilitada polo concello, que será o responsable de manter as instalacións unha vez rematadas.

Impulso dunha cooperativa de apicultores na Veiga

Este novo centro de apicultura no só será unha industria en si mesma, senón que se agarda que conte con diferentes liñas de actuación. Así, prevese que ofreza formación técnica continuada aos apicultores, en especial aqueles non profesionais; dará apoio tamén nas instalacións dos produtores para incrementar a capacidade das súas colmeas e no novo centro compartirase a maquinaria necesaria co fin de optimizar os custos de produción fomentando a estrutura colaborativa no sector apícola. De feito, o goberno local comprométese tamén a través desta sinatura a promover a creación dunha cooperativa entre os produtores locais e crear un selo de calidade para comercializar os produtos con estritos criterios de calidade.

A través deste centro preténdese fomentar a comercialización conxunta da produción da zona, apostando pola estratexia de promoción específica de mel de alta montaña e salientando o valor engadido daquela que procede de espazos naturais como, neste caso, o de Pena Trevinca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información