“Podemos controlar a avespa asiática, pero non erradicala”

Entrevista a Gonzalo Calvo, veterinario da Asociación Galega de Apicultura (AGA). Fai unha serie de recomendacións para combater a praga de Vespa Velutina, ou vespa asiática, entre eles métodos de control caseiros.

“Podemos controlar a avespa asiática, pero non erradicala”

Niño de Vespa Velutina

A expansión da Vespa Velutina estase a converter nun dos principais problemas para os apicultores galegos, con importantes perdas nas colmeas, sobre todo nas comarcas costeiras. Para falarnos desta praga entrevistamos a Gonzalo Calvo, veterinario da Asociación Galega de Apicultura (AGA).

¿Que perigo supón a Vespa Velutina para as abellas e para a apicultura en Galicia?
Nas zonas nas que esta presente afecta fortemente ás colmeas, ademais da cantidade de abellas depredadas (ata 500 grs diarios pode necesitar un niño de Velutina). Ademais, as abellas non saen a voar, polo que non fan mel nin acumulan reservas para alimentárense ou almacenar para o inverno. Aínda que hai que agardar, considero que a Vespa Vellutina é un grave problema para a apicultura galega.

¿Cales son as zonas máis afectadas?
Son as zonas costeiras de Lugo, A Coruña e Pontevedra, aínda que está extendéndose cara o interior, como Betanzos, Ponteareas..etc. Na paxina da Consellería de Medio Rural actualizan un mapa cos concellos onde se detectan novos niños.

Evolución dos niños avistados de Vespa Velutina entre 2014 e 2015. Autor: Xunta de Galicia

Evolución dos niños avistados de Vespa Velutina entre 2014 e 2015. Autor: Xunta de Galicia

¿É posible erradicala?
Non. A Vespa Velutina veu para quedarse e temos que convivir con ela. O meu desexo é que logo teñamos unha feromona específica que nos axude no control desta praga.

¿Que lle recomendaría a un apicultor ante un ataque de vespa velutina?
O que se esta a facer é destruír niños próximos con pértegas adaptadas que inxectan un insecticida. Tamén se están a colocar trampas con líquidos atraentes (caseiras ou comerciais) para capturar na primavera as raíñas iniciadoras e en agosto para diminuír a presión das Velutinas sobre as colmeas.

Para as colmeas, recomendamos reducir o tamaño da piqueira, poñer pitas no apiario que comen algunha Velutina en voo estático, deixar alta a herba por diante da colmea, protexer a entrada con mallas, trasladar as colmeas a outro lugar sen Velutinas...etc. En fin, moitas medidas que en xeral non teñen toda a efectividade que nos gustaría.

Estanse a elaborar trampas caseiras contra esta avespa ¿Cal é formulación correcta do liquido e a forma idónea da trampa?
A fórmula que se recomenda é unha mestura ao 50% de viño branco con cervexa. Outra mestura é o “zume de apicultor”: cocer un cadro de cera vella en 1,5 Litros de auga e deixar fermentar 3 días. Segundo parece é bastante efectivo.

As trampas caseiras fanse cunha botella de auga á que se lle corta a boca e se reintroduce en forma de funil ( similar a unha nasa) na mesma botella. O líquido débese cambiar cada 3-7 días.

¿Cal é a época recomendada para colocalas e onde se deben colocar?
En primavera, para coller raíñas iniciadoras, e en verán e outono para coller obreiras que están cazando abellas para alimentar as súas crías. Hai que colocalas ao lado das colmeas a 1 metro de altura.

¿Non corremos o risco de estar matando tamén á Vespa Crabro, o avispón galego, que lle fai competencia á vellutina?
Por suposto que si, e a outros tantísimos insectos máis que lle farían competencia e son unha barreira ecolóxica fronte á Velutina. Por iso, as trampas hai que usalas só nas épocas indicadas e retiralas se non están collendo Velutinas. O uso indiscriminado de trampas e a captura masiva doutros insectos sería desastroso medioambientalmente, ademais de inútil ou contraproducente na loita contra a Velutina.

“As trampas hai que utilizalas só nas épocas indicadas”

¿Como valora as trampas comerciais que se están a comercializar?
Funcionan ben e débense combinar coas caseiras, así como os líquidos atraentes comerciais.

Contra a Vespa Velutina estanse utilizando tamén produtos que non son moi recomendables…¿Que recomenda neste sentido? 
Non é a primeira nen será a última vez que as avespas colonizan novas zonas xeográficas. Xa fai moito tempo que en Chile loitan contra a Vespula Germanica usando antiqueratinizantes que non afectan aos adultos pero si ás larvas, impedíndolles as mudas, e destruíndo así os niños. Aplícanse en cebos ao 0,1%. Como calquera produto biocida ( é dicir, que destrúe a vida) un  uso irresponsable e/ou innecesario é desastroso medioambientalmente.

Ante un avistamento dun niño de Vespa Velutina ¿Que debe facer o apicultor?
Hai que extremar as precaucións xa que teñen un aguillón grande e poden atacar en grupo. Habería que levar ou traxe especial ou dobre traxe e gafas para pingas de veleno que poden “gotear”. Se non se ten experiencia hai que chamar ao 012, número habilitado pola Xunta de Galicia, e comunicala presenza do mesmo.

¿É certo que as abellas estanse empezando a adaptar para defenderse fronte á Vellutina?
Deféndense pero os seus comportamentos defensivos teñen moi baixa eficacia.

¿Como valora o funcionamento do plan de loita contra a vespa velutina que se puxo en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia este ano?
Todo pode mellorarse, máis medios, máis material, máis diñeiro, pero a dificultade de loitar contra un insecto que fai niños en calquera lugar, a veces en bosques a 30 metros de altura, e tamén en cidades, é elevada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información