Patentan un sistema que impide os ataques da avespa asiática ás colmeas

O sistema patentado polo galego José María Vázquez protexe ás abellas fronte aos ataques da Vespa Velutina, permitindo que a colmea traballe con menos tensión.

O apicultor e especialista en retirada de niños de Vespa Velutina, José María Vázquez, de Viveiro (Lugo), acaba de presentar o primeiro sistema que protexe ás colmeas do ataque da Vespa Velutina, unha praga que está a minguar os apiarios en boa parte de Galicia.

O mecanismo consiste nunha especie de gaiola protectora, cunhas medidas mínimas de 1×1 metros e 1,50 metros de alto, que rodea a colmea. Atorníllase á cámara de cría, na parte baixa da colmea e recúbrea integramente. Evita o acceso da avespa asiática á boca de entrada do apiario, evitando así o ataque ás abellas que entran ou saen da colmea

As claves: a cor e as medidas da rede

Esta caixa, na que José María Vázquez estivo traballando ano e medio, pode ser elaborada en materiais como madeira, plástico ou metal o bastidor, pero sempre debe levar unha rede plástica negra ou escura no frontal, co tamaño adecuado para permitir que entren e saian as abellas pero non a velutina, de tamaño maior.

E é que as medidas da rede e a súa cor son as claves do éxito deste sistema. “A cor da rede ten que ser negro ou escuro para que a abella se mimetice, xa que se é claro, no momento en que se pousa a abella sería un branco moi fácil para a Velutina”, explica.

En canto ás medidas e a forma da rede, “é a clave, porque debe permitir o paso da abella cargada de pole, sen que o perda, á vez que impide pasar á avespa asiática”, subliña José María.

Polo demais, este apicultor e investigador autodidacta destaca que “a eficacia deste sistema é total, xa que as abellas non están tensas pola avespa asiática e poden traballar e manter a colmea tranquilamente”.

José María Vázquez xa está en contacto con varias empresas interesadas en comprar a súa patente. Calcula que, unha vez fabricada, o custo no mercado do seu sistema protector de colmeas estaría entre os 60 e os 80 euros por unidade.

As empresas interesadas en desarrollar esta patente poden contactar con José María Vázquez no teléfono 604 00 29 98

Fotos da maqueta do primeiro sistema de protección das colmeas fronte á Vespa Velutina:

Protector completo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información