A Xunta reparte máis trampas para frear á vespa asiática

Colocaranse no outono e poden ser recollidas ata o 15 de outubro. As trampas que se repartiron na primavera permitiron capturar unhas 3.000 raíñas. Ao longo de 2015 elimináronse máis de 1.500 niños. Mapa da súa expansión en Galicia.

A Xunta reparte máis trampas para frear á vespa asiática

Niño de Vespa Velutina

A Consellería de Medio Rural fará un novo reparto de trampas e atraíntes para a Vespa Velutina para utilizar no outono, que van destinadas ás explotacións que non recibiran o produto na primavera, naqueles concellos onde foi detectada a presenza da avespa ao longo do 2015.

Así llo comunicou por carta a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, á Asociación Galega de Apicultura (AGA) e ás distintas asociacións do sector. O obxectivo é intentar frear a expansión da vespa asiática, unha especie invasora que provoca importantes danos nas colmeas xa que as abellas son unha das súas fontes de alimentación. E é que só no que vai de ano Medio Rural recibiu un total de 4.159 avisos por niños da vespa asiática, e o seu avance polos concellos galegos parece imparable.

As trampas que se repartiron na primavera permitiron capturar unhas 3.000 raíñas

Segundo informa Medio Rural na misiva enviada aos apicultores, o Plan de vixilancia e control da Vespa Velutina en Galicia, que inclúe a colocación de trampas para detectar a evolución da difusión do insecto, e a localización de niños para a súa eliminación, “permitiu localizar ao longo de 2014 máis de 900 niños da vespa, sendo eliminados no ano 2015 xa máis de 1.500 niños, o que supón unha importante axuda no control deste insecto·.

Así mesmo, na primavera de 2015 realizouse o reparto de 1.300 trampas entre os apicultores, destinadas á captura de exemplares de raíñas fundadoras nos meses de febreiro a maio. O balance de capturas de raíñas ao final dese período estímase en 3.000 exemplares, o que significou outros tantos niños menos nesta tempada.

Capturar raíñas de vespa asiática no outono para evitar novos niños

A Consellería do Medio Rural e do Mar decidiu intensificar o plan de control coa colocación de trampas para a captura de raíñas no outono, momento no que se sitúan fora do niño as futuras raíñas que foron fecundadas polos zánganos, e que hibernarán e darán lugar a un novo ciclo de actividade da vespa no ano seguinte.

O obxectivo é o mesmo que a captura de raíñas de primavera, xa que cada raíña fundadora capturada podería significar un niño menos no entorno. As trampas colocaranse no entorno dos colmeares, onde presentan unha alta eficacia na captura das raíñas.

Expansión da Vespa Velutina en Galicia: 

VESPA_VELUTINA_GZ_2015_SETEMBRO

As trampas recolleranse nas oficinas comerciais agrarias ata o 15 de outubro

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural e do Mar distribuirá aos apicultores das zonas afectadas ata a data actual pola Vespa velutina trampas comerciais e líquido atraente, co obxecto de que as coloquen nas proximidades das súas colmeas, recollendo o maior número posible de raíñas.

O número de trampas a colocar por cada apicultor dependerá do número de colmeas que posúan. Naqueles asentamentos apícolas para os que a Consellería do Medio Rural e do Mar xa entregou trampas en primavera, os apicultores poden utilizalas mediante o uso de atraentes caseiros.

Os apicultores que estean nun concello onde a Xunta detectou a presenza de Velutina, poderán acudir á Oficina Agraria Comarcal co seu DNI e Caderno de Explotación Apícola. Os Servizos Veterinarios da Xunta entregaranlle o número de trampas e botes de líquido atraente que lle correspondan, dándolle as indicacións necesarias para a súa colocación.

No caso de que a recollida a realice outra persoa que non sexa o titular das colmeas, esta deberá achegar unha autorización asinada polo titular das colmeas. O prazo para recoller as trampas rematará o 15 de outubro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información