A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A XII Feira do Viño de Monterrei contará con 15 adegas participantes

Publicidade
A XII Feira do Viño de Monterrei contará con 15 adegas participantes

Presentación da Feira do Viño de Monterrei

Do 11 ao 13 de agosto, a localidade de Verín acollerá unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei.

Nesta ocasión participarán un total de 15 das 25 adegas que conforman a denominación. Unha cifra similar a anterior edicións, o que demostra o “apoio dos adegueiros para consolidar esta iniciativa vitivinícola”, segundo indicou a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez.

Como nas dúas últimas edicións, a praza da Alameda será o escenario desta cita vitivinícola que tamén contará con casetas gastronómicas con produtos da zona, “tras o éxito de anos anteriores, manifestado tanto polo público como polas adegas participantes, que permite unir viño e gastronomía”.

O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 11 de 20.00 a 23.00 horas e sábado 12 e domingo 13 de 12.00 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 h. Mentres que os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores, 5 degustacións por cinco euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.

O acto inaugural da XII Feira do Viño de Monterrei lugar na Alameda de Verín o venres 11, a partir das 20,00 horas. Despois do mesmo, tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase á igrexa da Mercé de Verín, onde se procederá á imposición de medallas a novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei.

Entre estes membros atópase o tamén pregoeiro desta edición, que é Julián Velasco Mielgo, director xeral das áreas de Programación e Comercial de Cadea COPE. O acto estará amenizado polo grupo SonBoleros, cuarteto formado por contrabaixo, percusión, piano e voz, que rende homenaxe aos mellores boleros, sons e tantos da música latina.

Nesta edición, desde o Consello Regulador decidiuse convidar a todos os viticultores inscritos no mesmo co obxecto de que participen no acto da Confraría dos Viños de Monterrei. “Quíxose facerlles partícipes desta iniciativa, xa que sen o seu labor e a das adegas non existiría esta denominación”, indica a presidenta, “e dita invitación constitúe unha pequena homenaxe ao seu traballo e dedicación ao longo destes anos”.

Axenda de actos

Gastronomía, música e viño uniranse un ano máis no marco da Feira do Viño da D.O. Monterrei. Así está previsto que a inauguración da Feira estea amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. Na xornada do venres, ademais, actuará na Praza García Barbón a Orquestra Alkar, de 00:30 a 3:30 horas.

O sábado 12 de agosto pola mañá o recinto feiral acollerá a celebración do VI Paseo Solidario de Bicis Clásicas, unha iniciativa que se celebra no marco da feira en colaboración coa Cruz Vermella de Verín e que ten como obxectivo recadar leite e destinalos a colectivos especialmente vulnerables. Ademais, ás 20.00 horas, a agrupación musical Candaira comezará unha actuación itinerante con saída na Praza García Barbón.

Pero, sen dúbida, o prato forte musical desta XII edición da Feira será a verbena do sábado día 12 de agosto, amenizada por Orquestra Costa Oeste, coa sesión de tarde, de 21:00 a 22:30 horas, e cunha actuación nocturna desde as 00.30 ata ás 02.30 horas, seguida do concerto de mans do grupo En Mala Hora. Rock and Roll Band.

O domingo 13 de agosto, ás 20.00 horas, a Praza da Alameda, acollerá a actuación da agrupación musical Nova Era. Posteriormente, e como peche desta gran celebración, a Praza García Barbón, será o lugar de encontro para o concerto do Grupo Roi Casal Son Cubano son Galego, o gran espectáculo musical entre Galicia e Cuba, que foi presentado no Gran Teatro da Habana (Palacio do Centro Galego) no mes de maio de 2016 con dous memorables concertos.

Adegas participantes e colaboradores

As 15 adegas participantes nesta XII Feira do Viño de Monterrei son as seguintes:

Abeledos
Boo Rivero (Fragas do Lecer)
Daniel Fernández
Franco Basalo
Gargalo
Ladairo
Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán)
Pazo de Valdeconde
Quinta do Buble
Terras do Cigarrón
Trasdovento
Triay
Valderello
Vía Arxéntea
Vinos Lara

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información