A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Ucoga aumentou un 22% o número de pólizas de seguro no último ano

A firma galega, que vén de celebrar a súa convención anual, mantén unha liña de crecemento das súas cifras de negocio desde a súa posta en marcha, no 2013. Este mes abriu a súa primeira oficina en Santa Comba e proximamente abrirá outra en Sarria

Ucoga aumentou un 22% o número de pólizas de seguro no último ano

O director xeral de Ucoga, Iván Novo, na súa intervención na convención da entidade.

A correduría de seguros galega Ucoga, especializada no sector agroalimentario, vén de celebrar a súa convención anual, na que se constatou a consolidación da compañía. Ucoga mantén unha liña de crecemento progresivo das súas cifras de negocio desde a súa posta en marcha, no 2013, unha constante que se refrendou no 2017 e que continúa no primeiro cuadrimestre do 2018.

Durante o pasado exercicio, Ucoga aumentou un 22% o número de pólizas intermediadas, pasando de 15.387 a 18.897. Tamén subiu en clientes arredor dun 20%, chegando ós 8.355, e incrementou unha porcentaxe similar en vacas aseguradas coa liña 401, na que chegou ás 98.858 cabezas. O éxito da compañía mereceu este ano o premio Galicia Segura, un galardón que o director xeral de Ucoga, Iván Novo, considera que “recoñece o traballo do equipo, cuns resultados brillantes a nivel cualitativo e cuantitativo”.

Asistentes á convención de Ucoga.

Asistentes á convención de Ucoga.

‘Ti eres a estrela’
A firma galega vén de celebrar a súa convención anual, que levou o lema ‘Ti eres a estrela’, co que se quixo recoñecer tanto o traballo do cadro de empregados como das cooperativas colaboradoras e das ganderías que confían en Ucoga. A compañía entregoulle distincións de recoñecemento na súa convención a traballadores e colaboradores da empresa: Alberto Fafián, Rosa Peillet, Fercalugo e a compañía Allianz.

De cara ó futuro, o director xeral de Ucoga marca o reto de proseguir a actual liña de crecemento, cun traballo que seguirá especializado no sector agroalimentario (empresas, ganderías e transporte) e no que irá cobrando peso a dixitalización. “O principal valor de Ucoga é a relación co cliente e estar próximo ó cliente, pero sempre que a dixitalización lle aporte un valor engadido ó cliente e mellore a eficiencia, será útil”, analiza Iván Novo.

Ucoga abriu tamén recentemente a súa primeira oficina comarcal en Santa Comba e ten prevista unha segunda apertura para as próximas semanas en Sarria. Con estas oficinas comarcais, a empresa busca maior cercanía cos seus usuarios en dúas das principais comarcas gandeiras de Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información