A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Trixésimo aniversario de Hitraf, cunha exposición de maquinaria agrícola histórica

A firma de Vila de Cruces, especializada no sector forestal, tivo o seu precedente na histórica Talleres Guerra, que a comezos dos anos 60 tivo un papel principal na mecanización agraria da comarca do Deza

Trixésimo aniversario de Hitraf, cunha exposición de maquinaria agrícola histórica

Primeiro tractor Barreiros novo vendido por Talleres Guerra, no ano 1962, durante a xornada de portas abertas de Hitraf.

A empresa Hitraf, ubicada en Vila de Cruces (Pontevedra), conclúe hoxe os actos de celebración do seu trixésimo aniversario cunha xornada de portas abertas. O evento inclúe unha mostra de maquinaria agrícola histórica na que se inclúe o primeiro tractor novo que chegou á comarca do Deza, no ano 1959.

Benigno Sánchez, nun tractor Barreiros.

Benigno Sánchez, nun tractor Barreiros.

Desde aquela, o precedente de Hitraf, a histórica Talleres Guerra, asumiría nos anos 60 un papel principal na mecanización agraria da comarca. Un dos seus fundadores, Benigno Sánchez, realizaba periódicos viaxes pola ruta da Prata, ata Andalucía, para mercar tractores Barreiros de segunda man, que se reparaban no taller de Vila de Cruces e se vendían despois no Deza. Foron máis de 300 Barreiros usados os que comercializou naqueles anos Talleres Guerra.

Algúns daqueles tractores, xa na cincuentena de anos de vida, aínda están en uso e empréganse para tarefas agrícolas de autoconsumo. A exposición amosa tamén as primeiras grúas forestais incorporadas na comarca a tractores, xa nos anos 70, e tamén outras innovacións de mecanización nas que participaron os fundadores de Talleres Guerra.

Coa chegada da electricidade, os fundadores de Talleres Guerra impulsaron proxectos de pequenas centrais hidroeléctricas, aproveitando muíños de cereal, e montaron tamén a comezos dos anos 60 o que foi o primeiro aeroxenerador eólico do Deza, sobre un mástil de carballo.

Xornada de portas abertas de Hitraf.

Xornada de portas abertas de Hitraf.

Hitraf plantea a mostra como unha homenaxe a Ricardo Gonzalez Guerra, Visitación Buján Fernández, Benigno Sánchez Méndez e América González Buján, fundadores da histórica Talleres Guerra. Esa firma daría pé a comezos dos anos 80 a Industrias Guerra e no 1987 crearíase Hitraf, especializada no sector forestal e colaboradora de Industrias Guerra, da que distribúe os remolques e grúas forestais.

Parte da maquinaria histórica exposta nas xornadas de portas abertas.

Parte da maquinaria histórica exposta nas xornadas de portas abertas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *