Garcia Quintana - Paco e Pepe

Sat García Quintana, como a dixitalización cambiou o traballo na granxa

Esta gandería da Mariña lucense, xestionada por tres familias socias, experimentou un cambio radical no manexo do seu rabaño coa introdución do programa Uniform – Repro e de dous robots de muxido

“Se nos din hai uns anos que imos ter o control do gando que logramos hoxe en día coa dixitalización, non o cremos. É algo esaxerado”, resume Paco Oliveros, un dos socios de Sat García Quintana. A gandería, ubicada en Valboa (Trabada, Lugo) afrontou desde hai oito meses un cambio sustancial, coa incorporación de dous robots de muxido e do programa Uniform-Repro, co que pasou a xestionar a diario o traballo na granxa e o control dos animais.

Falamos con Paco Oliveros e con José Oliveros, que xunto coas súas respectivas mulleres, Natalia Yañez e María Orozo, encárganse da xestión dos 190 animais en muxido da Sat García Quintana, así como das vacas secas. A outra parella socia da Sat, Antonio García e Berta Quintana, ocúpase de toda a recría dos animais da granxa. A gandería ten na actualidade unhas 120 vacas no robot e segue muxindo na sala de ordeño outras 70, un traballo do que se ocupan Natalia e María.

Como foi a introdución dos robots e do programa Uniform-Repro?
Paco: Estamos todos en fase de adaptación. O primeiro robot Lely puxémolo hai 8 meses e co programa Uniform Repro comezamos a traballar un mes despois, xa conectado co robot. Para nós todo o tema dixital foi novidade e estamos aínda aprendendo, pero a día de hoxe, se nos quitaran toda a información que temos no programa e tivésemos que volver á situación anterior, sería un problema.

“Chegas pola mañá e tes na pantalla principal do programa os partos que vas ter, os secados que vas ter e os celos que houbo de noite” (Paco Oliveros)

Moitas veces falamos do muxido no robot, que é importante e faino ben, pero o que máis notamos na granxa foron os datos que temos agora porque non estabamos niso.

José: Nosoutros faciamos todo a ollo e non era o mesmo. Temos un establo moi aberto, onde ves ben ós animais, pero hai moitas horas ó día que non estás aquí e é imposible que te deas de conta de todo. Estabamos ademais sincronizando celos, que era un gasto importante, e hoxe en día non é necesario. As vantaxes do manexo da granxa co programa son esaxeradas. Facilítache moito a detección de celos e problemas. Ao final do ano, son moitas as vacas nas que melloras o manexo grazas á información que recibes.

En que cuestións o programa Uniform Repro vos axudou a mellorar o manexo do rabaño?
Paco: As principais cuestións que miramos no programa son integrados dos datos dos robots, como a actividade, para a detección de celos, e a rumia. Tamén a temperatura do leite porque permíteche detectar cando algunha vaca vai ter algún problema. Os informes que che aporta o programa facilitan moito o manexo dos animais. Se por exemplo vas ó informe de saúde e ves que algunha vaca baixou a rumia e que ten menos actividade, sabes que hai un problema con ese animal, probablemente que estea coxo.

José: Eu comparo o programa coa prevención que temos no establo en canto a manexo, de ter as vacas ben, con boas camas, hixiene, auga, etc. O programa é outra parte que pode axudar moito á mellora do manexo dos animais.

Vista dos lotes de animais que están funcionando cos robots de muxido.

Vista dos lotes de animais que están funcionando cos robots de muxido.

Como facedes agora a organización do traballo co programa?
Paco: Tu chegas pola mañá e tes na pantalla principal do programa os partos que vas ter, os secados que vas ter e os celos que houbo de noite. Son as cousas que máis usamos no día a día e logo cando tes tempo, é ver datos e datos. Pódenseche pasar perfectamente un par de horas mirando datos e nin te das de conta.

O programa tamén ten unha funcionalidade de lista de tarefas, que é útil, por exemplo, cando tes que aplicar tratamentos porque sáltache a alerta desa tarefa, pero coma non estamos tratando case nada, pois é algo que non utilizamos.

A gandería preocúpase de manter area suficiente nas camas, o que lle permitiu mellorar a saúde dos animais.

A gandería preocúpase de manter area suficiente nas camas, o que lle permitiu mellorar a saúde dos animais.

Jose: A min se me din hai anos que muximos 190 vacas e que non tiramos o leite dun teto, diría que é imposible. Para conseguir iso tes que estar atento a moitas cousas, ter un bo mantemento de tódalas instalacións e os cubículos cheos de area.

“A min se me din hai anos que muximos 190 vacas e que non tiramos o leite dun teto, diría que é imposible” (José Oliveros)

É máis un tema de prevención que de traballo porque en verdade, eu ando uns 15 quilómetros ó día, polo que di unha aplicación do móbil, pero non collo un peso. Fas todo con maquinaria e o programa é un elemento máis que che axuda a controlar mellor a granxa. Chegas e controlas como está todo. Unha gandería de leite move moitos volumes, pero no pouco é onde vas notar a diferencia. Ter coidado das cousas é a base de todo.

O programa permite rexistros e consultas a través do móbil.

O programa permite rexistros e consultas a través do móbil.

Utilizades o programa no ordenador ou na aplicación do teléfono móbil?
Paco: Case todo no móbil porque é moi cómodo. Estás no patio e podes ir metendo os datos directamente coa aplicación, a medida que vas facendo todo o traballo diario de secados, inseminacións, partos… O único que fago no ordenador son as cuestións de clínica veterinaria e as baixas de animais que saen da granxa, porque normalmente metes máis datos. Co programa traballei eu sobre todo, ata o de agora, pero Pepe tamén vai colléndolle o truco.

José: Estou comezando con el. Á xente maior cústanos máis a informática, pero isto é o futuro, non hai volta que darlle. Quen queira seguir nisto, a partir de 30 vacas debería estar informatizado.

Pantalla principal do programa no ordenador.

Pantalla principal do programa no ordenador.

No voso caso, como vos decidistes a implantar o programa?
Paco: O que nos impulsou a introducilo foi o noso veterinario de Serivet, Juanjo. Nós, ó principio, acababamos de poñe-lo robot e xa tiñamos bastante con adaptarnos a el, pero decidímonos e a verdade é que ben. No programa tes todo o que pasa na granxa. Podes comparar todo, desde fertilidade dun touro, datos de partos, de produción… Facilítache tomar decisións. Vou poñer este touro ou o outro. Esta vaca, que pensabas que era boa, miras os datos de produción e igual te das de conta de que non era o que pensabas. Permíteche tomar decisións máis rápido, anticipas as decisións.

Como definiriades en poucoas palabras as vantaxes do programa?
Paco: É útil, facilita moito o traballo e é rentable.

María Orozo e Natalia Yañez ocúpanse do muxido. Antes dos robots, leváballes sete horas ó día, agora pouco máis de dúas.

María Orozo e Natalia Yañez ocúpanse do muxido. Antes dos robots, leváballes sete horas ó día, agora pouco máis de dúas.

Terra e man de obra profesional, principais necesidades para o sector na comarca

As ganderías de Paco e José asociáronse nunha Sat hai uns 16 anos como vía para mellorar a calidade de vida. Fai cinco anos uníronse con outra granxa coa mesma idea de gañar en futuro e de repartir mellor o traballo. A Sat García Quintana conta agora con seis persoas no traballo diario: Antonio e Berta, que se ocupan da recría; María e Natalia, que se encargan do muxido das vacas que están na sala; Paco, que leva o traballo das terras; e Pepe, que se encarga do mantemento diario da granxa. A cooperativa Os Irmandiños (Clun), na que está a gandería, ocúpase da distribución da ración.

É un sistema que lles permite librar un fin de semana cada dous, ter máis tempo para o control do gando e mesmo para asumir parte das obras que hai que facer periodicamente na granxa.

Base territorial
A granxa manexa unha superficie de algo máis de 60 hectáreas, das que a gran maioría, unhas 55 hectáreas, están a rotación de millo e raigrás. “Temos que facer un traballo moi intensivo da terra porque hai pouca superficie na zona” -explica Paco Oliveros-. “Para estar ben en base territorial, no noso caso necesitariamos outras 15 ou 20 hectáreas. Na situación actual, temos que mercar cada ano arredor de 400-500 toneladas de millo, e tamén adquirimos alfalfa e algo de palla”.

A gandería ubicou os pozos de purín nunha zona próxima á maioría de fincas.

A gandería ubicou os pozos de purín nunha zona próxima á maioría de fincas.

“Na nosa zona o que falta é superficie e superficie cómoda para traballar, porque hai fincas pequenas e con desniveis grandes. É o problema que temos” -sinala José Oliveros-. “Pode haber fincas dispoñibles pero que están lonxe, polo que tes que descartalas. As fincas teñen que estar preto do establo porque ó ano, entre outros traballos, moves moitos metros cúbicos de purín, que tes que aplicar e tapar”.

“Antes non te dabas de conta de que se tes unha finca lonxe, non che compensa o tempo que pasas en viaxes no tractor ata ela” -completa Paco-. “O máis lonxe que estamos collendo fincas é a 3 quilómetros. Ofrecéronnos varias a 7-8 quilómetros, pero para coller unha finca a esa distancia, ten que ser moi boa de terreo, grande e con accesos fáciles”.

Todo o traballo das campañas agrícolas, salvo a colleita do millo, faino a propia granxa. É unha decisión que tomaron pola falta de man de obra profesional na comarca. Existe a posibilidade de traballar con empresas de servizos, pero para optimizar os rendementos, prefiren encargarse eles do traballo. “Entre sementar o millo un mes antes ou despois, pode haber unha diferenza de rendemento de 15.000 quilos por hectárea. Cando hai campaña, hai que botar horas”, conclúen.

Nave de vacas secas e parideira, posta en marcha hai un par de anos, unha instalación que lle dá comodidade ás vacas.

Nave de vacas secas e parideira, posta en marcha hai un par de anos, unha instalación que lle dá comodidade ás vacas.

Produción
A gandería comercializa arredor de 7.400 litros de leite ó día, dos que unha parte van para Central Lechera Asturiana, da que é socia unha das granxas orixinais da Sat, e outra parte para Inleit, a firma que está a montar a planta de Curtis, que polo de agora envía o leite a súa factoría de Guadalajara.

“En xenética, o que máis buscamos son ubres ben colocados e velocidade de muxido”

A media de produción da gandería ronda os 42 litros por vaca. Os animais están divididos en tres lotes, un de alta produción en robot, cunha media de tres muxidos ó día e 48-50 litros de produción; outro lote en robot de vacas de primeira lactación, cunha produción duns 38 litros de media, e un terceiro lote en sala de muxido que se ordeña dúas veces ó día.

Xenética
En calidades, a granxa ronda os ,3,30 de proteína, 3,75 de graxa e menos de 100.000 células somáticas. “Á hora de inseminar as vacas, miramos que os touros sexan positivos en graxa e proteína, pero non son aspectos nos que nos esteamos a centrar. O que máis miramos na xenética son as ubres ben colocadas e a velocidade de muxido. Cando visitas granxas con robots, daste de conta de que hai vacas que botan o dobre de tempo que outras no robot, así que é un tema importante para nós”, valora Paco.

A gandería está tamén seleccionando touros A2A2, pois entende que é un leite con perspectivas de mercado no futuro.