A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Retos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras para 2017

O presidente da DO, Francisco García fai un balance positivo dos proxectos desenvolvidos polo organismo que preside ao longo de 2016

Retos do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras para 2017

Francisco García, presidente do Consello Regulador da DO Valdeorras

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García, destaca no inicio do ano que o organismo vai continuar significándose na súa aposta pola promoción, a formación e a profesionalización do sector ao longo deste 2017 recén comezado. Neste sentido, o máximo responsable da D.O. garante o apoio do organismo que preside a todos os viticultores que compoñen o sector, “aos de maior dimesión e, especialmente, aos pequenos”.

“Ninguén pon en dúbida que unha das singularidades da nosa comarca é que está conformada, maioritariamente, pola suma de pequenos viticultores, que fan que a actividade vinícola sexa un dos sectores produtivos máis arraigados e relevantes economicamente na zona, xunto ao eido da lousa”, sinala Francisco García.

O Consello Regulador vai seguir defendendo os intereses dos membros do sector do viño en Valdeorras, promocionando os brancos e tintos da zona e promovendo accións de formación. Así, entre outros obxectivos, quere impulsar un convenio de colaboración coa recén creada Galicia Business School para articular cursos de formación dirixidos aos profesionais da zona. Xunto a isto, vai por en marcha tamén un acordo con universidades e centros de investigación para impulsar un método de identificación da orixe da uva permitirá garantir ao 100% a autenticidade dos viños da comarca. É un proxecto “no que agardamos contar co apoio da administración autonómica”, destaca García.

Adicionalmente, outro dos obxectivos prioritarios para este ano é acadar a consecución da acreditación ENAC para a D.O. “Para iso –sinala o presidente do organismo- articulamos una mesa de diálogo con diferentes representantes do sector vinícola da comarca co fin de contribuír a fixar puntos de consenso que nos permitan cumprir cos parámetros esixidos pola entidade que outorga esta certificación”.

Satisfacción pola xestión realizada ao longo de 2016

Ademais dos retos pendentes, o presidente do Consello Regulador fai balance dun ano cargado de accións positivas para o conxunto do sector na comarca. “Fixemos un esforzo promocional moi intenso acudindo a feiras como ProWein en Düsseldorf ou London Wine en Londres, onde puidemos amosar a públicos especializados todo o potencial dos nosos viños”, destaca o máximo responsable da D.O., quen tamén se refire ao éxito de convocatoria acadado coa Feira do Viño. “Contamos cun pregoeiro de excepción como foi Álvaro Pino e superamos as 7.000 degustacións. Ademais, ampliamos o programa de eventos ligados á feira poñendo en marcha, por exemplo, unha cata popular”, destaca.

Xunto a isto, a D.O. de Valdeorras lanzou unha “ambiciosa campaña promocional nas sete principais cidades galegas cunha imaxe gráfica moi atractiva e baixo o eslogan saber facer único” e desde o organismo, ademais, contribuíuse a impulsar o recente relanzamento da Ruta do Viño de Valdeorras. “Tamén patrocinamos diferentes actividades solidarias, benéficas e deportivas”, apostila García.

Inspección e control das contas

Paralelamente, o presidente do organismo quere referirse ao reforzamento dos traballos de inspección, control e regulamento da vendima na comarca mediante a sinatura dun convenio de colaboración co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense.

A xestión financeira do organismo foi tamén outra das prioridades no traballo de García. “Impulsamos un traballo de auditoría para coñecer o estado económico do organismo e corrixir deficiencias de xestión neste eido”.

Finalmente, o presidente considera que se “abriron pontes de diálogo co sector recabando, en todo momento, a opinión de todos en aras a favorecer a mellora do organismo e dar cumprimento aos nosos estatutos e obxectivos regulamentarios”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información