A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Restauración de solos degradados con abono orgánico, un exemplo de éxito

A empresa lucense Aviporto suministrou durante dúas décadas centos de toneladas de fertilizante orgánico para a recuperación de terreos e escombreiras das minas das Pontes, que se transformaron en prados, zonas de mato e bosques

Restauración de solos degradados con abono orgánico, un exemplo de éxito

Acondicionamento dos niveis da escombreira das Pontes (á esquerda). A mesma zona, catro anos despois, unha vez rematada a restauración, á dereita.

As minas das Pontes explotaron durante máis de 60 anos arredor de 24 quilómetros cadrados de superficie, que en boa medida quedaban convertidos nunha paisaxe lunar tras a actividade mineira. A restauración das escombreiras, conformadas por restos inertes, sen materia orgánica, presentábase a inicios dos anos 90 como un reto complicado. Era preciso transformar máis de 1.100 hectáreas de amoreamentos de pedras, areas e arcillas en prados e bosques. Como facelo?

O proxecto de restauración centrouse no recubremento dos terreos inertes cunha capa de terra vexetal, á que se lle engadían fertilizantes orgánicos e calizas para lograr un sustrato apto para a revexetación. A terra vexetal, da que había unha dispoñibilidade limitada, empregouse sobre os restos mineiros en capas de entre 20 e 50 centímetros. Problema, esa terra por si soa carecía de capacidade para ser revexetada, pois a súa materia orgánica era escasa, tiña poucos elementos nutritivos e presentaba ademais problemas de estrutura, que derivaban nunha baixa capacidade de retención de auga.

A restauración da escombreira das Pontes transformou máis de 1.100 hectáreas de pedras, areas e arcillas en prados e bosques

A solución buscouse nos aportes de materia orgánica, un papel no que a empresa lucense Aviporto tivo un papel protagonista durante dúas décadas, desde o 1991 ata o peche definitivo da mina. Aviporto, unha firma que produce fertilizante orgánico peletizado a partir de esterco de polo, suministrou centos de toneladas do seu abono para a recuperación dos terreos mineiros das Pontes.

A memoria do proxecto de restauración detalla as melloras que posibilitaban os aportes do fertilizante orgánico:

– Propicia a agregación entre as partículas mineiras do solo, favorecendo o desenvolvemento de estrutura, aireación e capacidade de retención de auga.

– Constitúe unha reserva nutritiva de liberación lenta a través do proceso de mineralización.

– O alto contido en carbono orgánico ofrece unha fonte de enerxía inmediata para o desenvolvemento microbiolóxico do solo, que axuda á recuperación dos ciclos nutritivos.

Os primeiros ensaios que se desenvolveron nas Pontes con fertilizantes orgánicos, a comezos dos anos 90, demostraron axiña a súa eficacia, pois comprobouse a súa riqueza en elementos nutritivos e a súa lenta liberación, que aseguraba un suministro continuado nun periodo prolongado. É por isto polo que se aplicaron de xeito xeralizado como abonado de fondo na maioría da escombreira, sempre en doses controladas.

O propio xefe de restauración das minas, Anibal Gil, certificou que o abono de Aviporto logrou uns “resultados chamativos en canto á implantación de cuberta vexetal, por suposto, mellores que con calquera outro tipo de abono”, pois na restauración tamén se empregaron fertilizantes químicos. “Pola súa composición e persistencia, os fertilizantes orgánicos son os máis apropiados para a recuperación destas superficies especiais”, concluíu, destacando que a empresa de Portomarín tamén formaba parte da historia da restauración das minas.

Ladeira da escombreira plantada con ameneiros.

Ladeira da escombreira plantada con ameneiros.

O xerente de Aviporto, Juan Carlos Serrano, amósase tamén satisfeito da contribución da súa empresa á recuperación das minas das Pontes, un proceso que transformou páramos mineiros en bosques e prados.

Cuberta vexetal
A implantación da cuberta vexetal iniciouse en tódalas superficies recuperadas coa sementeira de herbáceas, como vía de evitar a erosión no menor tempo posible e de iniciar a asociación entre o solo e a vexetación. Para tal fin, usáronse especies con gran capacidade de adaptación e supervivencia, como o dactilo, a festuca, o raigrás e o trevo. A esta primeira cuberta vexetal fóronse sumando co tempo especies espontáneas que son habituais nos prados naturais,

Unha segunda fase da restauración consistiu na introdución en parte dos terreos de especies de mato, coma o toxo e a retama, que por tratarse de leguminosas, presentan a particularidade de captar o nitróxeno atmosférico, trasladándoo ó solo e aumentando así a súa fertilidade.

Vista xeral dunha das zonas restauradas.

Vista xeral dunha das zonas restauradas.

Arborado
Co paso dos anos, as cubertas herbáceas e de mato asentaron as bases para a introdución de arborado. Escolléronse para esta nova fase as especies que ofrecían máis garantías de adaptación ás condicións singulares das escombreiras.

En coníferas, empregáronse o piñeiro do país, o piñeiro radiata e o abeto de Douglas, en tanto que en frondosas, optouse polo bidueiro e polo ameneiro. Estas dúas últimas especies valóranse como mellorantes do solo, polo que foron empregadas tanto en masas monoespecíficas coma mixtas. O bidueiro presenta unha gran capacidade de adaptación a distintos solos, en tanto que o ameneiro compórtase coma o toxo, pois capta nitróxeno da atmósfera para trasladalo ó chan.

A plantación de castiñeiros, carballos, arces e capudres completou as actuacións, facéndose nos anos seguintes traballos de mantemento que incluíron novos abonados e desbroces do mato alí onde se considerou preciso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *