A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Recomendacións para a implantación e manexo de praderías de raigrás e leguminosas

Recomendacións para a implantación e manexo de praderías de raigrás e leguminosas

Pradeira de raigrás e trevos en Cartelos (Carballedo)

Para que unha mestura de raigrás e trevos se implante ben temos varios factores que debemos ter en conta:

– Preparación do solo: debemos preparar ben a capa superficial de 10 cm, despois do cultivo de millo. O máis común é pasar o disco para abrir a terra e incorporar o restrollo do millo xunto co xurro, despois pasar a fresadora deixando a terra solta e chaira. A continuación pasar a sementadora e o rulo por detrás compactando a semente ao solo. Con este tipo de preparación logramos unha boa implantación e reducimos na colleita a contaminación do silo con cinzas por falta de incorporación do restrollo e irregularidades de terreo.

-Xurros: É un punto clave, antes de sementar pódense aplicar sen problema incorporando na capa superficial.  En coberteira, despois de implantado o cultivo, podemos aplicar ata 25 m3/ha,  tendo en conta as condicións climáticas e  o estado de desenvolvemento do cultivo. Debemos aplicar esta cantidade cando se anuncien precipitacións para que poida lavar rapidamente as follas e incorporar o xurro en chan. Non debemos aplicar co cultivo demasiado desenvolvido, pois o xurro non chegaría facilmente ao chan, e quedaría acumulado nas plantas provocando queimaduras.

-Profundidade de sementeira: é importante sementar superficialmente. Así, en mesturas con trevos a profundidade máxima de sementeira non deberá pasar de 1 cm.

-Data de sementeira: sementar coa temperatura de solo por encima de 12ºC, mellora a actividade do rizobio e permite unha máis rápida implantación dos trevos.

-Abonado: en formulas con leguminosas debemos ter en conta que os pH estean por encima de 5,3, que o nivel de fósforo sexa medio e principalmente non utilizar demasiado xurro ou abono nitroxenado. Ter en conta que nestas mesturas aproximadamente metade das plantas son leguminosas e non necesitan nitróxeno. Por tanto, as necesidades deste nutriente son tamén a metade comparativamente a un cultivo só de raigrás. Podemos e debemos aforrar nos abonados nitroxenados neste tipo de mesturas.

-Inoculación das leguminosas: a inoculación de cada especie con rizobio especifico garante que todas as plantas desenvolver correctamente nódulos nas súas raíces, incrementando a fixación do nitróxeno e mellorando o seu desenvolvemento así como a achega de proteína.

-Equilibrio da mestura: é moi importante coñecer as características de cada variedade e o seu comportamento en mestura para ter formulas equilibradas, homoxéneas e con ciclos axustados ao obxectivo.

– Tipo de utilización: temos distintos tipos de fórmulas,  unhas máis dirixidas  para uso nun só corte con especies e variedades capaces de acumular unha gran produción resistindo mellor ao encamado e outras axustadas a varios cortes compostas por variedades de rápido crecemento e elevada capacidade de rebrote. En función da data de sementeirra e data de colleita podemos escoller ciclos máis curtos ou ciclos máis longos de forma a non comprometer a implantación do cultivo seguinte.

-Dose de sementeira: cando traballamos con mesturas é importante coñecer e respectar as doses de sementeira para que non exista dominancia dunhas especies sobre as outras.

– Malas herbas: para control de malas herbas recomendamos facer un corte de limpeza cedo que pode ser para aproveitamento en verde ou para quedar na leira rozando. Esta operación tamén axuda en moitas mesturas para mellorar o equilibrio entre as distintas especies cando as condicións de clima son máis favorables para unhas que para outras (Gramineas/leguminosas)..

-Data de corte: o punto óptimo para facer o corte en abril/Maio, buscando un equilibrio entre cantidade e calidade. Este punto dáse cando temos 10-15% dos trevos en floración  e os raigrases están aínda por iniciar o espigado. Despois deste punto gañamos algunha cantidade pero a calidade vai baixando pois a proteína baixa e soben as fibras. Este efecto é bastante máis rápido nas gramíneas, as leguminosas conseguen manter durante máis tempo un nivel alto de calidade aguantando mellor cando as condicións climáticas non permiten cortar.

-Presecado: é moi importante facer un presecado adecuado, conseguindo niveis  de materia seca entre 28 e 35% para unha boa conservación en silo. Importante non esparexer ou hilerar a herba nas horas de máis calor para reducir as perdas de folla. Importante ter en conta que máis de 60% da proteína están nas follas e estas son as partes máis dixestibles da forraxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *