A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Ramón do Casar Treixadura 2016 e Elisa Collarte 2016 premiados como os mellores viños da D.O. Ribeiro

Publicidade
Ramón do Casar Treixadura 2016 e Elisa Collarte 2016  premiados como os mellores viños da  D.O. Ribeiro

Foto dos galardoados

A Denominación de Orixe Ribeiro celebrou este martes a sexta edición dos seus Premios, organizados polo seu Consello Regulador. Unha cita que xuntou a máis de 300 profesionais no histórico Mosteiro de San Clodio en Leiro (Ourense) e que contou coa presentación da actriz Camila Bossa e a actuación do dúo Primordiais.

Durante o evento entregáronse os galardóns aos mellores viños da D.O. Ribeiro 2017. Foron designados por un panel de cata de expertos que participaron na cata final con mostras recollidas no mercado, seis de cada categoría.

O Mellor viño branco de adega é Ramón do Casar Treixadura 2016 da adega Ramón do Casar; o Mellor viño branco de colleiteiro é Pazo Tizón 2016 de Pazo Tizón e o Mellor viño tinto é Elisa Collarte 2016 da colleiteira Elisa Collarte Bernárdez.

Os outros viños finalistas na categoría de branco de adega foron Alter, de Priorato de Razamonde; Divino Rei, de Castro Rei e Viña do Campo, de Bodegas Docampo. No apartado de branco de colleiteiro chegaron tamén á final Leive Paradigma, de Áurea Lux; Manuel Rojo, de Adega Manuel Rojo e Sanclodio, de Produccións A Modiño. Todos os brancos da colleita 2016. E por último, en canto aos tintos, Joaquín Vázquez 2015, de Joaquín Vázquez; Señorío de Beade 2016, de A Portela e Viña do Campo Mencía 2016, de Bodegas Docampo foron os finalistas.

Para Felicísimo Pereira, presidente do C.R.D.O. Ribeiro: “A gala da D.O. Ribeiro é un día de ledicia porque é a festa de todas as persoas que forman parte da D.O. Ribeiro. Ademais, este foi un ano onde acadamos varios recoñecementos e temos que celebralo todos xuntos”.

Pola súa banda, a xerente do consello, Cristina Alcalá salientou que esta cita “é un xeito de recoñecer a adegas e profesionais de toda España na súa labor da difusión do viño da D.O. Ribeiro. Unha celebración e unha xuntanza para compartirmos experiencias”.

Premios honoríficos e a establecementos de hostalería e viñotecas

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro entrega anualmente unha serie de recoñecementos a profesionais de destacada traxectoria e a establecementos que destacan polo seu especial coidado no tratamento dos viños.

A Master of Wine, xornalista e escritora británica, Sarah Jane Evans recolleu o premio “Persoeiro de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarès, o “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández recibiu o galardón “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, obtivo o “Premio Vida entre Vides”.

Ademais, na cerimonia recoñeceuse os profesionais e establecementos galegos que buscan a excelencia e prestan unha atención especial a difundir a cultura do viño.

En “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” destacouse a A Mundiña, de A Coruña; o Premio “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca” recaeu en El Yate, de Vigo; e o galardón á “Mellor Taberna – Bar de Viños” foi para Bagos, de Pontevedra.

Na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” os finalistas foron O Barazal de Maside e O Retiro da Costiña de Santa Comba; na de “Mellor Tenda Especializada – Viñoteca”, accederon á final La Sucursal de Lugo e Casa Amador de Ferrol; e no apartado de “Mellor Taberna-Bar de Viños” tamén foron finalistas Casa de Vinos Montecarlo de A Coruña e o Mesón Picasso de Ferrol.

PREMIO

GAÑADOR

Mellor viño branco de adega

Ramón do Casar Treixadura 2016

Mellor viño branco colleiteiro

Pazo Tizón 2016

Mellor viño tinto

Elisa Collarte 2016

PREMIO

GAÑADOR

Persoeiro de Honra

Sarah Jane Evans MW

Mellor tarefa de comunicación

Joan Gómez Pallarès

Muller e viño

Mónica Fernández

Vida entre vides

Arsenio Paz

PREMIO

GAÑADOR

Mellor Servizo de Viño en Restaurante

A Mundiña (A Coruña)

Mellor Tenda Especializada – Viñoteca

El Yate (Vigo)

Mellor Taberna – Bar de Viños

Bagos (Pontevedra)

Perfís dos gañadores

Sarah Jane Evans, Master of Wine, é unha escritora de viños galardoada, especialista en viños e gastronomía de España. Foi xornalista, editora de revista, escritora de libros e traballou en televisión e radio. É co presidenta dos Decanter World Wine Awards, o concurso de viños máis grande no mundo.

Evans sucede no galardón Persoeiro de Honra ao xornalista Cristino Álvarez, gañador en 2016; en 2015, foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelin e na edición 2014 recoñeceu ao sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca).

Joan Gómez Pallarès é o responsable do blog De vinis, ademais de colaborador de El País Semanal. Na súa longa andaina implicouse en numerosas iniciativas e medios, como a Bullipedia, Cutpages ou El Periódico de Catalunya.

No 2016 o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación” foi para Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola.

Mónica Fernández, nada en Quiroga (Lugo), é a directora de sala e sumiller dos restaurantes do Grupo Bambú. Recibiu o Prix au Sommelier (Premio ao Sumiller) outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía no 2017 e o Premio Nacional de Gastronomía 2015 á mellor directora de sala.

Mayte Santa Cecilia, directora de Marketing e de compras das tendas Bodega Santa Cecilia, recolleu o Premio “Muller e Viño” en 2016.

Arsenio Paz adquiriu xunto a Chon Labrador o lugar de A Vilerma no 1977 e quixo comezar a facer viño para os seus amigos. Apostou por recuperar as variedades tradicionais e, aos poucos, lanzouse á explotación profesional do viñedo e contribuíu á revalorización e modernización dos viños do Ribeiro. No 1987 saíron ao mercado as botellas de Vilerma, branco e tinto.

No 2016, o Premio “Vida entre Vides” homenaxeou a Avelino Lorenzo.

A Mundiña é unha referencia na Coruña desde a súa aparición en 2006, Situado na rúa da Estrela, ofrece aos seus clientes unha adega con máis de 200 referencias, cunha gran presenza de viños do Ribeiro. Ademais, o seu equipo selecciona semanalmente referencias para probar en copa e a carta tamén se renova regularmente.

Urbano Lugrís pintou nas paredes do local algunhas das súas obras, algunhas das cales, recuperadas, poden verse nos seus muros.

A Mundiña ofrece tamén os seus servizos en Pazo do Río, un edificio do século XVI en Oleiros, especialmente acondicionado para cando chega o bo tempo.

El Yate abriu as súas portas en 2009 da man de Manuel Sanmarco e Silvia Constela. Desde o principio tiveron claro que apostarían polas denominacións de orixe galegas, sen esquecer as referencias emblemáticas doutras zonas españolas. O éxito deste local baséase nunha boa materia prima, escoitar as suxestións dos clientes e ofrecer un trato amable e profesional. Posúen centos de referencias de viños, que acompañan de tapas caseiras.

Pablo Romero, Fernando Filgueira e máis Adrián Guerra son os tres socios fundadores de Bagos, viñoteca situada no centro de Pontevedra. Comezaron esta aventura xuntos en 2007, na que tentan plasmar, cada día, a súa paixón polo mundo do viño, enlazándoa cunha cociña xeitosa nun ambiente desenfadado.

Contan cunha ampla carta de viños de adegas con distintas orixes: Galicia, España, Portugal, Francia ou Alemaña. Os seus criterios baséanse na calidade, a variedade e a personalidade. A través da súa selección de viños, tentan representar o propio de onde proceden e as castes propias de cada zona. Realizan catas periodicamente nas que convidan a adegueiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información