A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Pechamos 2017 cun 20% de cota de mercado en pensos para coellos, o que nos sitúa como unha das empresas referentes do sector”

Entrevista a Eva Vázquez, técnica de Cunicultura en Evialis Galicia, que o próximo 11 de abril organiza en Allariz a III Xornada Técnica de Cunicultura

“Pechamos 2017 cun 20% de cota de mercado en pensos para coellos, o que nos sitúa como unha das empresas referentes do sector”

Eva Vázquez é técnica de Cunicultura en Evialis Galicia. Licenciada en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela en 2001, leva catro anos ligada a esta empresa de alimentación animal con sede en Sada, tres deles no seu actual cargo. É a responsable de organizar o III Xornada Técnica de Cunicultura que Evialis dirixe aos membros do sector e que se desenvolverá o próximo 11 de abril no Hotel Oca Vila de Allariz. A xornada vai centrarse no uso de ferramentas para avanzar na desmedicalización dos pensos para coellos. Sobre esta e outras cuestións relacionadas coa cunicultura fálanos Eva Vázquez nesta entrevista.

É rendible a produción cunícola en Galicia?
No último lustro houbo ocasións en que o custo de produción por quilo de coello superaba o prezo de venda. Isto orixinou que pechasen moitas explotacións (unha de cada cinco) e só quedaron as máis produtivas. Actualmente, o custo medio de produción dun quilo de coello é de 1,70 euros, o que implica traballar cunhas marxes de beneficios moi xustas.

En Galicia as granxas concéntranse no seu maior parte nas provincias de Lugo e de Ourense e na actualidade hai unhas 230, cunha media de 700 cabezas. Moitas son familiares e traspasáronse a novas xeracións. Maioritariamente están á fronte de explotacións persoas de entre 30 e 50 anos e, en moitos casos, non viven unicamente da cría do coello senón que combinan esta actividade con outras de carácter agrícola ou coa cría de vacún.

Aínda así, os datos actuais sitúan a Galicia como un dos territorios do Estado con maior produción cunícola, xunto a Cataluña e a Castela e León. As nosas granxas venden dentro de España e tamén exportan, principalmente á UE, a países como Portugal ou Polonia.

Considera que existen boas prácticas de benestar animal no sector cunícola galego en canto a manexo e instalacións óptimas?
En liñas xerais, si se traballa ben. Pero hai unha marxe de mellora importante, sobre todo en instalacións. Conviría habilitar un maior número de silos nas granxas, para poder adaptar mellor o programa de alimentación ás diferentes etapas de crecemento do cebo e apostar decididamente por instalar dosificadores de propulsión hidráulica (dosatron). O dosatron axudaría a medicar en auga de forma correcta e isto é algo que, na actualidade, faise de maneira un pouco máis precaria, máis ou menos a ollo. É necesario avanzar na profesionalización das granxas. Sería o recomendable.

Evialis Galicia aposta de forma decidida pola elaboración de alimentación para o sector cunícola, cal é a súa cota de mercado?
A aposta de Evialis polo sector cunícola en Galicia remóntase a catro anos atrás. Actualmente, fornecemos de pensos a 45 granxas, algunhas delas situadas en Castela e León e o norte de Portugal. Comezamos con catro fórmulas e hoxe dispomos de 20 distintas, adaptadas ás diferentes etapas do coello: nais, recría e cebo (tanto na etapa de engorde, como de retirada) e adaptadas tamén a cada granxa. É dicir, significámonos por realizar un programa de alimentación específico para cada explotación en función de variables como a xenética ou as súas condicións de manexo e instalacións. Traballamos con formulación francesa do Grupo Neovia, ao que pertencemos, incluíndo aditivos en fórmula e só usamos graxas vexetais.

En nais, os pensos son enerxéticos, cunha menor proteína de moi boa calidade e abundantes vitaminas e aminoácidos, conseguindo unha óptima fertilidade e prolificidade, con maior número de nados vivos. En cebo usamos fibras dixestibles, o que mellora a dixestibilidade do penso. Debemos ter en conta, ademais, que os matadoiros cada vez recollen antes os coellos. Por tanto, é necesario que engorden en menos tempo, que se ceben antes para alcanzar con antelación o peso óptimo (que é duns 2,4 quilos aos 65 días). E os nosos pensos poden axudar neste labor.

Os resultados que obtemos son bos e con índices de conversión aceptables e isto permitiunos medrar nos últimos anos e situarnos nunha das empresas referentes neste sector, xa que os pensos cunícolas de Evialis Galicia pecharon 2017 cun 20% de cota de mercado, o que significa unhas 12.000 toneladas mobilizadas.

Preocupa o asunto da medicalización no sector? Que medidas concretas se poden promover para reducir o uso de antibióticos en pensos para coellos?
Preocupa bastante, porque os criadores queren ter un produto san e saudable. A UE pretende reducir a medicación no penso e, especialmente a preventiva, porque en España estamos á cabeza no seu uso, sobre todo en coello e en porco. Ao sector vaille custar asimilar os cambios e para facelo é necesario incidir na formación, pero tamén en fomentar a mellora no manexo e en instalacións. Os fabricantes tamén van ter que cambiar formulacións e usar máis aditivos preventivos, tanto de índole dixestiva como respiratoria. En Evialis xa o facemos. Traballamos man a man con nosa matriz en Francia para reducir o uso de antibióticos e usamos aditivos propios e outros de laboratorios terceiros, que testamos en campo para comprobar a súa eficacia. Isto permítenos reducir os índices de medicalización dos nosos produtos cunícolas.

“A III Xornada Técnica de Cunicultura, que organizamos en Allariz o próximo 11 de abril contará con relatores de nivel e busca, sobre todo, a participación do público”

En abril, van celebrar unha xornada sectorial en Allariz, ¿a quen está dirixida e cales son os seus obxectivos?
É o terceiro ano consecutivo que organizamos unha xornada destas características, aínda que quizais as anteriores tiveron un carácter máis interno. Decidimos situar o foro en Allariz neste 2018. Tendo en conta a localización das granxas consideramos que é unha localidade máis próxima á maioría de produtores. Ademais, adiantamos a data a abril para conseguir máis afluencia e que non coincida coa realización de determinados labores agrícolas que se realizan en maio, mes no que se celebrou a xornada en anos anteriores.

Esta III Xornada Técnica de Cunicultura, que leva por título “A desmedicalización: ferramentas”, está dirixida a todo o público interesado. Aos nosos clientes, pero tamén a produtores de explotacións que traballan con outras empresas de pensos. Dirixímola, igualmente, a todos aqueles que queiran aprender máis sobre cunicultura (representantes de laboratorios, etc.) e é por iso que elevamos o nivel de relatores contando cunha nutrida representación do ámbito universitario e académico.

A nosa pretensión é alcanzar o cento de asistentes e para iso deseñamos un programa atractivo no que se aborde, sobre todo, a problemática de patoloxías actual no ámbito cunícola. Así, trataranse doenzas como a estafilococia, un problema grave, orixinado por unha bacteria, que en principio afecta a nivel tópico, producindo mamite, abscesos ou mal de patas, e agravándose, xa que penetra por vía sanguínea e provoca septicemias e problemas respiratorios e elevadas mortalidades, o que preocupa ao sector. Para abordar esta cuestión e como facerlle fronte, contaremos na xornada de Allariz co Catedrático da Universidade Politécnica de Valencia, Juan Manuel Corpa Arenas, que ademais é presidente da Asociación Española de Cunicultura.

Tamén participarán, con relatorios, técnicos veterinarios de laboratorios como Exopol. Outro gran experto en cunicultura como é Xavier Mora, veterinario autónomo e profesor asociado na Autónoma de Barcelona, intervirá nunha xornada que busca, sobre todo, a participación do público. Queremos que os asistentes aproveiten a presenza destes relatores e lles trasladen as súas dúbidas e inquedanzas, para o que preparamos un coloquio no que se exporán casos clínicos reais.

Van continuar desenvolvendo accións divulgativas para o sector cunícola?
Queremos darlle continuidade a este tipo de xornadas porque ten bastante aceptación. Cada vez máis. Que saibamos, somos a única empresa galega que realiza unha xornada técnica no ámbito da cunicultura, algo que nos enche de orgullo.

“A produción ecolóxica aínda vai seguir sendo minoritaria”

Ten futuro a produción ecolóxica no sector cunícola ou o ámbito intensivo seguirá sendo maioritario?
Vai seguir sendo prioritario o ámbito intensivo. Haberá unha porcentaxe de ecolóxico para poder abastecer a ese mercado que aumenta en demanda, pero aínda así será minoritario. Os pensos ecolóxicos teñen un custo moi elevado e iso implicaría maior custo por quilo e son poucos os consumidores que están dispostos a pagar máis.

Cales son os retos de futuro do sector? En que liñas concretas está a investigarse?
Un deses retos é o da supresión de antibióticos, como xa mencionei. Pero é necesario compatibilizalo coa viabilidade económica das granxas de coellos, non pode haber unha mortalidade excesiva. Para iso hai que optimizar técnicas de manexo e tamén traballar con razas máis resistentes. Nos últimos anos buscábanse, sobre todo, razas moi produtivas, con moitos cazapos por coella. Isto, en certa medida, orixinou unha menor resistencia a certas enfermidades e agora creo que a tendencia será inversa, a de traballar con estirpes máis resistentes.

En Evialis facemos probas de campo dos nosos pensos, con produtos de diferentes laboratorios. O grupo ao que pertencemos en Francia ten granxas experimentais e realiza diferentes probas con aditivos e outras materias primas, que inclúen nos pensos unha vez que son testadas favorablemente. Cando os resultados son bos, trasladámolos aquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *