A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Os prezos dos pensos deberían permanecer estables ata mediados de 2018”

Entrevista a Francisco José Nomdedéu Rodal, director xeral de Evialis Galicia, un dos grandes fabricantes de alimentos compostos do noroeste da Península. Defende a supresión dos pensos medicamentosos, porque “para os fabricantes supón máis custos que beneficios”

“Os prezos dos pensos deberían permanecer estables ata mediados de 2018”

Francisco José Nomdedeu, director xeneral de Evialis Galicia

Francisco José Nomdedeu Rodal é director xeneral de Evialis Galicia, un dos grandes fabricantes de alimentos compostos do noroeste da Península.

Con sede no polígono industrial de Espírito Santo, na localidade coruñesa de Sada, a planta pertencente á multinacional francesa Neovia, acaba de sacar o mercado a súa nova liña de pensos para cabalos, Equifood, e ten en marcha diversos proxectos de investigación para alimentación de vacún e coellos.

Cales son os grandes números de Evialis?
Traballamos cunhas marxes moi axustadas e a loxística e o transporte limítanos a un radio duns 400 quilómetros á redonda da nosa planta de Sada, na Coruña. As nosas vendas céntranse en Galicia e en Asturias, Zamora, León e o Norte de Portugal.

Evialis pertence ao grupo francés Neovia, presente en 28 países e ten unha cifra de negocio superior aos 6.000 millóns de euros. Dentro de Neovia, existen varias liñas de negocio, sendo as máis importantes a de pensos compostos (Evialis), premix (Wisium) e aditivos (Pancosma).

Neovia como grupo ten dúas filiais en España: unha de correctores, en Madrid, e outra de pensos, en Galicia.

En canto ás vendas, no mercado libre ocupamos unha posición intermedia, pero por especies somos líderes en cunicultura, e nas outras especies somos un actor importante. Pero o noso obxectivo non é ser a empresa que máis penso vende, senón apostar pola mellor calidade. A nosa estratexia é dA diferenciación do noso produto, sobre todo polos estritos controis de calidade das materias primas que utilizamos. Non competimos por prezo nin por ser os que máis penso vendemos, senón por poñer no mercado un penso de moi alta calidade e de alto valor engadido que lle dea ao gandeiro os resultados que quere.

Cales son as previsións dos prezos dos cereais e da soia para os próximos meses? Vai subir o prezo do penso?
Para o que queda do ano 17 e a primeira metade do 2018 a perspectiva é de estabilidade de prezos. España é un importador de cereais, fundamentalmente de Ucraína, Romanía, Francia, Estados Unidos, Brasil ou Arxentina, e considero que os prezos vanse manter ata xuño do ano próximo, segundo a información que recibo.

 “A previsión é que os prezos dos pensos se manteñan ata xuño de 2018”

Desde o ano 2015 os gandeiros sufriron unha baixada dos prezos en orixe, tanto da carne como do leite. Que non subise o prezo dos cereais e da soia evitou a tormenta perfecta no sector?
Aos fabricantes de pensos gustaríanos ter unhas marxes maiores pero o límite natural ás marxes impono o mercado, e se os prezos da carne e do leite están baixos temos que adaptarnos e axustarnos.

Por parte da industrias de elaboración de pensos nos últimos anos houbo unha tendencia para substituír nos pensos a soia pola colza e os DDG´s. En Evialis tamén experimentastes este cambio?
A preferencia dos gandeiros segue sendo a soia, claramente. Pero aos prezos que está a soia e aos que está o leite resulta caro facer un penso para vacún de leite en base a materias nobres (soia e millo), polo que hai que buscar alternativas.

Por outra banda, en España a colza está demonizada, algo que en parte débese ao escándalo dos anos 80. Sen embargo, é unha materia prima capaz de achegar a un penso os nutrientes que precisa un animal. Certo que noutras proporcións diferentes ás da soia, ou que hai que aplicar algún compoñente para compensar a dixestibilidade dalgunha proteína. Pero hai países grandes produtores de leite en Europa, como Alemaña, Polonia e mesmo Francia, onde o consumo de colza é moito maior que en España.

Porén, as preferencias do gandeiro español e galego van pola soia, e se o prezo encáixalle sempre vai ir por esta oleaxinosa.

“Para pensos a colza ten unha calidade nutricional análoga á soia, ten un prezo moito menor”

E sen embargo, con calidade nutricional análoga, é moito máis fácil ofrecerlle ao gandeiro un penso máis barato formulado en base a colza que en base a soia. E iso é así porque unha tonelada de soia en porto a día de hoxe custa 308 euros a tonelada, e a de colza 204 euros.

E como evoluciona o uso dos DDG´s en pensos?
Os DDG´s son unha materia prima interesante pero perigosa, porque adoita vir cuns niveis de contaminación de micotoxinas elevados. Malia iso, a nivel europeo, soamente está regulada a aflatoxina.

En Evialis, calquera quilo de penso que sae da nosa planta está garantido que non contén aflatoxina e que é seguro para os animais. Para iso utilizamos uns protocolos estritos para evitar contaminación e utilizamos captadores de micotoxinas.

En que novas liñas de produtos estades a traballar?
Desde abril deste ano lanzamos varios produtos. Por exemplo, en vacún de leite, o noso director técnico, Antonio Pereiras, desenvolveu un programa de nutrición para o período de transición moi superior, que abarca o período de secado, o preparto, o parto e o postparto.

Ademais, desenvolvemos novos programas de alimentación para vacún de carne e, á parte dos pensos validados para Ternera Gallega, tamén creamos pensos específicos para o cebo de tenreiros pintos e de vacún maior.

En cunicultura lanzamos un penso para a recría das coellas e outro de transición no destete para cazapos.

E neste mes de setembro lanzamos unha nova gama de alimentación para cabalos desenvolvida integramente desde Galicia. Trátase de Equifood, unha completa gama de pensos que se caracteriza pola súa fácil accesibilidade a través dunha óptima relación calidade-prezo, o seu gran palatabilidade e unha alta dixestibilidade. Preséntase con cinco liñas de produto que se singularizan por adaptarse ás necesidades de alimentación dos diversos tipos de equinos. Estas distintas formulacións reciben os nomes comerciais de Horse Basic, Royal Menú, Paso, Trote e Galope.

E proximamente sacaremos tamén unha liña de pensos para mascotas, para os distintos tipos de cans.

E en que proxectos de I+D está a traballar Evialis?
A nosa empresa ten varios proxectos de investigación en marcha para o desenvolvemento de distintos compoñentes susceptibles de incorporarse nos pensos para mellorar a absorción de nutrientes por parte dos animais, e por tanto, mellorar o rendemento para o gandeiro.

En concreto, en cunicultura estamos a probar algúns aditivos desenvolvidos en Francia. Tamén fomos seleccionados por un importante laboratorio español para realizar as probas de campo dun novo aditivo para monográstricos. E seguimos en diversas liñas de investigación para ruminantes. En concreto, coa Universidade de Santiago de Compostela estamos a traballar nun proxecto conxunto sobre micotoxinas.

Como afrontades como empresa a supresión do uso preventivo de antibióticos en gandería, e en concreto a través dos pensos medicamentosos?
O ideal para nós como fabricantes é que a Administración prohibise o uso de pensos medicamentosos, e que os antibióticos ou outros medicamentos para o gando se administrasen unicamente por auga ou por inxección. E creo que é unha opinión compartida no sector.

Nos pensos medicamentosos, o penso non é máis que un excipiente e presenta para nós varios inconvenientes. En primeiro lugar, temos uns estritos protocolos de actuación que retardan os procesos produtivos e supoñen unha enorme carga burocrática; en segundo lugar, temos o custo coa descontaminación dos circuítos, tanto en diñeiro como en tempo que ten que estar parada a liña de produción; e en terceiro lugar, xestionar a retirada e destrución tanto dos medicamentos que caducan como dos residuos que se xeran no proceso produtivo destes pensos.

 “O ideal é que a Administración prohibise o uso de pensos medicamentosos”

É dicir, fabricar un penso medicamentoso ten un custo enorme e moitas veces o prezo do penso non o compensa.

Doutra banda, o uso xeneralizado e, ás veces, indiscriminado de antibióticos na alimentación animal supón un problema de saúde pública de primeiro nivel: a xeración de resistencias microbianas. Calcúlase que para o ano 2050 a mortalidade por esta causa vai duplicar. É un problema serio que será necesario encarar proximamente, pero non será fácil, porque é unha cuestión moi complexa.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información