A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Os Irmandiños diversificará a súa actividade cunha gasolineira e unha ampliación da superficie comercial

Os Irmandiños diversificará a súa actividade cunha gasolineira e unha ampliación da superficie comercial

A mediados de xaneiro, representantes da cooperativa Os Irmandiños desenvolveron unha Xornada de Traballo para estudar a viabilidade de apostar por proxectos de diversificación de actividades con representantes da asesoría especializada no ámbito agrogandeiro e alimentario (ASEAGRO), consultores de Q&C Gestión Empresarial, docentes da Universidade de Oviedo e integrantes da firma Mercarural, insignia que traballa pola unificación da imaxe das múltiples tendas e espazos comerciais agrarios, vinculada á cooperativa de segundo grao, Delagro S. Coop.

Na devandita reunión abordáronse potenciais iniciativas de diversificación empresarial a emprender pola cooperativa destacando, como aposta de futuro a medio prazo, o desenvolvemento da área comercial da Devesa (Ribadeo), xunto á estrutura e organización empresarial que implicaría.

Tras constatar a elevada dependencia da cooperativa cara á actividade económica vinculada á produción de leite sen transformar, o grupo de traballo advertiu un importante potencial comercializador na contorna cooperativa, con capacidade para xerar valor en toda a cadea de distribución, desde o produtor ata o consumidor final e o atractivo de formar parte nestes procesos a través da participación empresarial con outros interlocutores en nichos de mercado estratéxicos.

Ao finalizar a reunión, os asistentes visitaron o factible emprazamento dunha futura gasolineira xunto ao complexo comercial e os terreos destinados á ampliación da superficie de venda que podería achegarse ao dobre da actual.

CAVI

A axenda do día concluíu cunha visita a un dos proxectos estrela de Os Irmandiños: as instalacións do Centro de Alimentación Vacún Irmandiños (CAVI) na localidade de Vilamartín Grande, apenas a 14 quilómetros da súa sede central da Rochela.

O CAVI é unha central de mestura húmida para alimentación de reses que iniciou a súa actividade de provisión de forraxe en setembro de 2008 e a súa posta en marcha como central de fabricación e repartición de ración alimentaria, en xaneiro de 2009.

A forraxe ensilada procede da actividade de 500 hectáreas das leiras dos usuarios-consumidores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *