A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é para Agroamb

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e Aresa xa ten gañador desta edición, Agroamb, un grupo empresarial con sede en Castro de Rei que leva 15 anos dedicado ao tratamento de residuos biodegradables e á súa valorización como fertilizantes

O XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é para Agroamb

Anuncio do fallo do xurado do premio Aresa. / Imaxe: Premio Aresa.

O xurado, integrado polo reitor da USC, Juan Viaño Rey; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; Javier Guitián Martínez, catedrático de Saúde Pública Veterinaria no Royal Veterinary College da Universidade de Londres; Jesús Quintá García, xerente de Alibós Galicia, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuniuse na mañá de onte para avaliar as nove candidaturas presentadas e deu a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado lucense.

O vencedor foi elixido por unanimidade pola súa capacidade innovadora, pois trátase da primeira empresa de Galicia autorizada pola Administración para a xestión integral dos residuos orgánicos na agricultura, ámbito no que se erixe líder na comunidade; procesa e recicla máis de 250.000 toneladas ao ano.

Tamén se valorou a xeración de postos de traballo, 38 directos e máis de 150 indirectos, e a diversificación da súa actividade a través de novas iniciativas empresariais relacionadas coa explotación en común da terra con 150 ganderías para o cultivo de millo e forraxes en 600 ha, coa prestación de todo tipo de servizos agrícolas ou coa loxística de colectores, por exemplo.

Outros aspectos determinantes no seu nomeamento foron a súa internacionalización, iniciada no Paraguai, e o seu investimento en I+D+i, en colaboración coas universidades galegas.

Viaño subliñou que “o labor desenvolvido por esta empresa coincide plenamente co obxectivo do Premio, xa que contribúe de forma decisiva á mellora da economía rural da Terra Chá”. Ademais, segundo indicou Eiras, galardoárono “non polo que ten feito, que ten feito moito, senón polas expectativas que abre fronte ao futuro, porque teñen multitude de proxectos, todos sobre o campo galego e sobre o campo lucense, dignos de axuda”.

Agroamb será dotado con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que terá lugar o 22 de xaneiro de 2016 no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *