A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

A DO Monterrei organiza un “Curso de iniciación á cata de viños”

A DO Monterrei organiza un “Curso de iniciación á cata de viños”

Viños da D.O. Monterrei

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei organiza, durante as próximas semanas, a iniciativa “Curso de iniciación á cata de viños”, co obxecto de mostrar ás persoas participantes as nocións básicas sobre a viticultura, enoloxía e mecanismos de cata.

Neste curso gratuíto, destinado a un máximo de 15 persoas, presentaranse temas como: viño (orixes e cultura), viticultura (morfoloxía da vide, ciclo vexetativo, factores de produción), enoloxía (vinificación de viño branco, tinto, rosado e espumosos), xeografía enológica, cata (análise sensorial, técnica, vocabulario de cata) ou servizo de viños (accesorios, temperaturas, descorche, maridaxes), entre outros.

O devandito curso divídese en tres sesións que terán lugar nas seguintes xornadas:
– 21 de abril: 1ª sesión (18 a 20.30 horas).
– 22 de abril: 2ª sesión (11 a 13.30 horas).
– 28 de abril: 3ª sesión (18 a 20.30 horas).

O mesmo, que se celebrará na adega Alba Al-Bar S.L. (Daniel Fernández), será impartido por Iria Otero (licenciada en Farmacia -Universidade de Santiago de Compostela- e Enoloxía pola Universidade da Rioxa-, con longa experiencia en adegas e formación en Galicia, Rioxa e Navarra).

Para poder asistir ao curso formativo “Aproximación ao mundo da cata de viños” será necesario inscribirse previamente na sede do C.R.D.O. Monterrei (Avda. Luís Espada, 73 Baixo. Verín // Tlf. 988 590 007 // Correo electrónico: info@domonterrei.com). A inscrición realizarase por rigorosa orde de entrada.

Sobre a D.O. Monterrei

A de Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 25 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos desta D.O. ocupan un total de 575 hectáreas de territorio nas que traballan 446 viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *