A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Manexo do millo para silo: colleita, procesado do gran e xestión da dixestibilidade

O nutrólogo estadounidense Bill Mahanna, un referente mundial, participa nunha xornada técnica organizada en Santiago por Pioneer para explicar as últimas tendencias

Manexo do millo para silo: colleita, procesado do gran e xestión da dixestibilidade

Bill Mahanna, nutrólogo de Pioneer, nunhas xornadas celebradas recentemente en Santiago.

Cales son as últimas tendencias na colleita e procesado do millo? O nutrólogo estadounidense Bill Mahanna, un referente mundial na gandería de vacún, participou nunhas xornadas organizadas en Santiago por Pioneer (Corteva Agroscience) para explicar a situación actual en Estados Unidos e as súas recomendacións.

Colleita
A mazorca é a principal fonte de enerxía do millo, pois concentra dous terzos da enerxía total da planta. É tamén moi importante a nivel de peso, ao representar un 50% do peso do ensilado. Por tanto, interesa, un millo que estea maduro, co máximo de materia seca e rico en almidón. “É habitual que á xente lle guste ver un millo con follas moi desenvolvidas, pero teñen pouco peso e non son tan importantes”, valora Bill Mahanna.

O momento máis axeitado para o picado detéctase cando a liña de almidón está desenvolta, unha cuestión que haberá que comprobar rompendo a mazorca e comprobando visualmente a evolución da liña de almidón nos grans.

A tendencia en Estados Unidos é a de colleitar o millo cun 37% de materia seca, co obxectivo de aumentar o seu contido en almidón

En Estados Unidos, hai anos colleitábase o millo cando tiña arredor dun 30 – 32% de materia seca, pois considerábase que entón tiña unha humidade suficiente para permitir unha boa compactación. A ese nivel de materia seca, hai marxe para aumentar o almidón, pero existía o temor a unha menor dixestibilidade.

A realidade é que en plantas sanas, pódese manter a dixestibilidade e gañar almidón, ata acadar arredor dun 37% de materia seca, que é a tendencia na actualidade en Estados Unidos. O aumento da materia seca, que procede principalmente do gran, reduce a circulación do aire cando hai unha boa compactación, polo que a conservación do ensilado pode seguir sendo óptima, existindo tamén a posibilidade do uso de inoculantes para limitar o desenvolvemento de fungos e levaduras.

Procesado do gran
En Estados Unidos estase a traballar con lonxitudes de picado de 19 milímetros e dáselle importancia a ter un millo ben procesado, algo fundamental cando se colleita un gran maduro. “Os crackers (machacadores) da picadora son os que determinan o que a vaca vai poder dixerir”, advirte Bill.

Para comprobar un axeitado picado, pódese tanto evaluar o procesado do gran, comprobando unha escasa presenza de grans enteiros, e pódese tamén medir o almidón fecal nas vacas, que debe estar por baixo do 3%, sendo o ideal menos do 1%.

O picado do millo en fibras longas é axeitado para mellorar a dixestión, pero cómpre ter tino en que o gran quede ben procesado

O picado do millo en fibras longas, de máis de 19 milímetros, é axeitado para estimular o rume e mellorar a dixestión en dietas elevadas en millo. O problema de aumentar o tamaño da fibra é que nalgunhas picadoras pode pasar o gran case sen picar. Esa situación, sen embargo, solucionouse coa picadora Shredlage de Claas, que se caracteriza por unha distancia entre crackers de 1 milímetro e por unha diferencia de velocidade na rotación dos machacadores (crackers) dun 50%.

Nos últimos anos, outras marcas aumentaron a diferencia de velocidade de rotación dos seus crackers, seguindo a tendencia de Claas. En canto á reducción da distancia entre crackers a 1 milímetro -fronte á tendencia de separacións maiores que había en anos anteriores en Estados Unidos-, é unha decisión que obriga ás picadoras a traballar con máis lentitude e a gastar máis gasoil, pero “é fundamental para procesar ben o gran”, incide Bill Mahanna.

Outra cuestión a ter en conta nas picadoras é a sustitución periódica dos seus crackers, a fin de garantir que un bo procesado da forraxe. “Vin en campo unha picadora con 3 anos e 4.500 horas de funcionamento duns crackers que non foran sustituídos, polo que xa estaban facendo un picado moi deficiente”, explica o técnico de Pioneer.

Dixestibilidade do almidón
A dixestibilidade do almidón é unha cuestión en torno á que Bill Mahanna incide na necesidade de buscar un equilibrio entre o almidón dixerido no rume e no duodeno. “Demasiada dixestión de almidón no rume pode provocar acidoses e reducir a graxa do leite, pero unha baixa dixestión tamén é un problema”, explica o técnico. “Se facemos un test de como é dixerido o ensilado de millo e o de herba, comprobamos que o almidón permanece 7 horas no rume -a fibra ata 24 horas-. Temos que buscar un equilibrio entre o almidón e enerxía inxeridas no rume e o inxerido no duodeno, onde se inxire ata o 100% do almidón que pasa”.

O tempo de peche recomendado para un silo de millo é de tres meses. Se se necesita antes, hai un inoculante que permite a súa apertura en 7 días

Así, se por exemplo se aporta fariña de millo na ración, hai que ter en conta que se hidratará no rume e pasará ó duodeno na fase líquida, antes de que haxa tempo para a súa dixestión no rume.

Evolución dos silos
Un factor a ter en conta é que o almidón aumentará a súa dixestibilidade co tempo no silo. Se no momento do ensilado está nun 70% de dixestibilidade, en tres meses, para o Nadal, chegará ó 85%. Eses tres meses son o tempo mínimo de peche recomendado do silo. “Se rematamos a forraxe almacenada e temos que abrir antes o novo silo, hai a opción de aplicar o inoculante ‘Rapid React’, que estabiliza o silo en 7 días, pero se é posible esperar tres meses, é a mellor alternativa”, precisa Bill Mahanna.

Xornada de Pioneer celebrada en Santiago.

Xornada de Pioneer celebrada en Santiago.

Criterios de selección do híbrido no ensilado

Á hora de seleccionar un híbrido para ensilado, desde Pioneer inciden na necesidade de fixarse en tres factores: características agronómicas, produción de materia seca e o contido do almidón, que determinará a enerxía do silo e influirá ademais na materia seca total.

Pola contra, Pioneer desaconsella fixarse na dixestibilidade da fibra, “pois é un factor no que o ambiente inflúe tres veces máis que a xenética”, subliña Bill Mahanna. “A dixestibilidade da fibra é moi importante, pero non podemos seleccionar un híbrido en base a ese factor”.

Xestión da dixestibilidade
Se durante a fase vexetativa de crecemento da planta hai moita humidade, baixará a dixestibilidade. Se pola contra, hai seca, as plantas serán máis baixas pero máis dixestibles. É habitual, por tanto, que os millos en regadío teñan unha menor dixestibilidade de fibra que os millos en secano.

“O ambiente inflúe tres veces máis que a xenética na dixestibilidade da fibra, polo que non podemos seleccionar un millo por ese factor” (Bill Mahanna)

En caso de regadíos, Bill Mahanna detalla que en Estados Unidos, para compensar a menor dixestibilidade da súa fibra, procédese a aplicar maiores alturas de corte. “Se en lugar de cortar a 17 centímetros, cortamos a 50 centímetros, mellórase a dixestibilidade en 7 puntos e o almidón en 6 puntos”, detalla Bill en base a resultados de ensaios.

“Cada 10 centímetros que se suba o corte, pérdense unhas 2,2 toneladas por hectárea. É unha perda que pode disgustar ós gandeiros, pero un gandeiro ten que preguntarse se quere máis leite ou máis fibra indixestible”, destaca o técnico. “Se non temos suficiente volume de comida, existe a posibilidade de facer un silo cortado máis baixo para as vacas que pasaron o pico de lactación e outro silo cun corte máis alto para o lote de animais máis produtivos, sempre que se fagan varios carros. Se se trata dunha explotación pequena cun único carro, é máis complicado”.

Outra cuestión a ter en conta é a sanidade da planta, pois en plantas cunha menor sanidade, a fibra perde dixestibilidade.

Selección de millo BMR
Pioneer comercializa en Europa o millo BMR, caracterizado por unha maior dixestibilidade, pero precisa que incluso este millo sofre as consecuencias do ambiente. É un millo que ten menos lignina na parte verde da planta, ata un 20-30% menos, co que é máis dixestible. A súa desvantaxe, produce arredor dun 5% menos de media que outras variedades. “É un millo que ten boa resposta en vacas de alta produción, polo que é apreciado polos nutrólogos”, destaca Bill Mahanna.

En Estados Unidos é un millo que se utiliza no centro do país e na parte atlántica, pero non no Pacífico, un área caracterizada polos regadíos e por altas producións, onde o BMR non pode competir cos volumes de produción dos millos convencionais.

Aditivos
Unha terceira opción para mellorar a dixestibilidade é a aplicación de aditivos alimentarios, coma o 11CFT. “É un inoculante que rompe os enlaces da lignina, de xeito que as bacterias do rume poden dixerir mellor a fibra”, explica o técnico. “En anos ou ambientes húmedos, é unha alternativa a ter en conta”, valora.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información