A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Impex Europa, a empresa galega líder en raticidas

A fabricante do coñecido Ratibrom, con sede en Vilagarcía de Arousa, converteuse no primeiro fabricante de España e un dos máis importantes do mundo. Proximamente incrementará o seu catálogo cunha nova gama de fitosanitarios e insecticidas de uso doméstico

Impex Europa, a empresa galega líder en raticidas

Impex é unha empresa galega con sede en Vilagarcía de Arousa.

A historia desta empresa, con sede e fábrica en Vilagarcía e que dá emprego directo a máis de 75 persoas, remóntase ao ano 1984, cando un equipo de profesionais con longa experiencia no sector químico decide crear Impex Europa, nun principio dedicada só á importación e exportación de praguicidas. O coñecemento do sector e das distintas culturas comerciais levoulles no ano 2010 a dar un gran salto ao decidir asumir tamén a fabricación dos seus produtos.

A nova planta, unha das máis modernas de Europa, equipada con máquinas deseñadas e construídas en Galicia e coa colaboración da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela, permitiulles ser moito máis competitivos, ao ofrecer unha mellor relación calidade-prezo.

“Fabricamos unicamente produtos de alta calidade”

A capacidade de produción anual supera as 12.000 toneladas nos distintos tipos de raticidas (en cebo fresco, parafinado en fusión modular ou por fusión simple, raticida en cereal, cola raticida, etc.) e nos distintos formatos, desde o paquete pequeno de 50 gramos para uso doméstico a formatos máis grandes (de 1 a 25 quilos) para clientes profesionais de explotacións gandeiras, agrícolas, pest control e marcas a terceiros.

Os raticidas, popularizados baixo o lema ‘Con Ratibrom, nin rata nin rato’, representan o seu maior volume de produción, aínda que Impex Europa tamén comercializa agroquímicos e insecticidas.

Competitividade

Santiago Alonso, responsable de vendas da empresa, destaca que “somos os únicos en España que fabricamos toda a gama de raticidas con principio activo, así como colas atrapa ratos, trampas e multitude de portacebos plásticos”. E cal é a clave para competir coas grandes multinacionais do sector?: “A nosa estratexia é seguir apostando pola calidade dos nosos produtos, ter un bo servizo de loxística e liñas de financiamento para os nosos clientes”, explica o responsable de vendas de Impex Europa.

Venden fóra de Galicia o 80% da produción, correspondendo o 30% á exportación

Precisamente, o feito de dispoñer de dúas naves de fabricación e dúas de almacenamento, a súa proximidade ao porto de Vilagarcía e á autoestrada do Atlántico, permítelles que os pedidos saian no mesmo día. “Non temos practicamente rotura de stock, o que é un aliciente importante para o cliente, pois se nos pide 20 ou 30 referencias servímosllas todas no día”, explica Santiago Alonso.

“Xunto á boa loxística, a fabricación propia é outra das claves para a competitividade desta empresa”, asegura o representante de Impex Europa. Ademais das súas marcas, como a coñecida Ratibrom, tamén fabrican raticidas para outras moitas empresas e distribuidores doutros países.

Mercados
Na actualidade venden o 80% da súa produción fóra de Galicia, incluído o 30% á exportación, fundamentalmente de Sudamérica, África e Europa. “Imos introducindo os nosos produtos en novos mercados a medida que logramos os rexistros sanitarios, un proceso que é lento, require de moita burocracia e é custoso”, recoñece Santiago Alonso.

Raticidas máis eficaces, con menos veleno e produtos fitosanitarios para uso doméstico

A investigación e a innovación forman parte do ADN de Impex Europa, que conta co seu propio equipo de I+D e a importante colaboración da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela. Despois de ser pioneiros na fabricación de cebos frescos para roedores e de cebos con parafina mediante fusión modular, un sistema único de Impex Europa que necesita un 25/30% menos de parafina que os raticidas parafinados tradicionais, os seus pasos diríxense agora a lograr raticidas cada vez máis respectuosos co medio ambiente.

Outra das liñas nas que están a traballar é na adaptación á nova normativa da Unión Europea, que obrigará a reducir no ano 2018 a cantidade máxima de veleno presente nos raticidas.

Neste sentido, o director de vendas de Impex Europa destaca que “queremos estar á vangarda no noso compromiso co medioambiente, e xa temos os formulados para fabricar con menos veleno do que estamos a utilizar agora. A calidade dun raticida non a achega o veleno, senón os seus atraíntes e os nosos cebos son sen dúbida da máis alta apetencia para os roedores.”

E todo iso con produtos made in Galicia. “Tentamos comprar todos os compoñentes dos raticidas na nosa terra”, asegura Santiago Alonso.

Galería de imaxes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *